Buscar neste blog

luns, 6 de xaneiro de 2020

Os equipos de fútbol de A Armenteira regresan ao traballo esta semana

Despois dunhas semanas de descanso, nas que tanto as xogadoras do equipo sénior feminino do Armenteira C.F. como os xogadores do Armenteira Veteranos puideron desconectar da competición durante as datas de Nadal, co inicio do ano e a fin das festas chega a volta ao traballo. Ás ceas e comidas familiares, ao turrón, aos mazapáns ou ás copas sucédenlle agora os golpeos de balón e as carreiras pola banda. Sempre son compricados os regresos, e máis cando se trata de categorías de carácter amateur, pero ambos os dous conxuntos contan con experiencia e cunha traxectoria suficientemente longa como para estar acostumados a situacións deste tipo. O primeiro en voltar ao traballo será o equipo sénior feminino, que este martes, 7 de xaneiro, se reincorpora aos adestramentos. O cadro que dirixe Marcial Prado realizará unhas sesións preparatorias coa vista posta na segunda fase da liga. A retirada do campionato do C.D. Arcade F.F., rival das verdinegras na última xornada, permitirá que as mozas do Armenteira C.F. sumen tres novos puntos sen necesidade de vestirse de curto, co cal rematarán esta fase inicial con total de trece puntos. A pesares de non ter que disputar o partido da próxima fin de semana, non haberá tempo para o relax, pois está previsto que a delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, na que está inscrito este clube, dea a coñecer axiña o calendario da segunda fase, na cal, a finais de xaneiro, terán que medirse cos equipos que remataron na parte media-baixa da táboa. Pola súa contra, o Armenteira Veteranos recibe este sábado, 11 de xaneiro, a partires das 16:30 horas, no campo de O Leixo, a un dos favoritos a alzarse co primeiro posto na clasificación da parte inicial da liga. O Newport Cats F.C., da veciña localidade de Portonovo, segundo clasificado, con 33 puntos, é unha das formacións con maior potencial do grupo 2 da Terceira Galicia de Veteranos e conta con serias aspiracións de arrebatarlle o liderato ao Bora Nazaret C.F., do que só o separa un punto. Queda por ver o estado físico dos futbolistas do cadro que capitanea José Luis Galiñañes, que tras tres semanas sen calzarse as botas, e unha vez superados os excesos típicos das datas de Nadal, tratarán de atoparse de novo cunha vitoria que se lles resiste dende o pasado 23 de novembro, cando venceran ao Zacande-Terras de Curro no derbi municipal da liga de veteranos. Oito son as xornadas que restan desta primeira fase para o Armenteira Veteranos, xa que ás sete que lle corresponden hai que engadir o partido fronte ao Godos C.F. Veteranos, que foi aprazada por orde da Federación o 21 de decembro, e que finalmente terá lugar o sábado, 22 de febreiro. O obxectivo dos verdinegros non pode ser outro que finalizar da forma máis digna posible esta primeira fase antes de abordar unha parte final da liga na que parten coa ambición de loitar por situarse nos postos privilexiados da clasificación, sempre e cando as lesións os respecten e os problemas dispoñibilidade de efectivos non supoñan un obstáculo insalvable.

Ningún comentario:

Publicar un comentario