Buscar neste blog

xoves, 16 de xaneiro de 2020

O 17 e o 18 de xaneiro A Armenteira vístese de novo de festa polo San Antonio Abad

Poucas figuras son obxecto de tanta devoción e están tan arraigadas na cultura e na tradición occidental como San Antonio Abad. Conta a historia que San Antón naceu nas terras de Exipto aló polo ano 250 despois de Cristo. Fillo de acaudalados campesiños, parece ser que durante unha celebración eucarística escoitou as seguintes palabras de boca de Xesucristo: "se queres ser perfecto, vai e vende todo o que tés e dallo aos pobres". E efectivamente, ao morrer os seus pais distribuíu os seus bens entre os pobres e retirouse ao deserto, onde comezou a levar unha vida eremítica xunto un personaxe chamado Pablo. Despois foi residir xunto a un cemiterio e organizou comunidades adicadas á oración e ao traballo, e volveu retirarse ao deserto, conciliando alí a vida solitaria coa dirección dun mosteiro. Faleceu a unha idade moi avanzada cara o ano 356 a.C. nun lugar próximo ao Mar Vermello. Patrón de tecedores de cestos, fabricantes de pinceis, dos cemiterios, dos carniceiros e carniceiras e dos animais domésticos esta figura ten a súa particular celebración en A Armenteira. O 17 de xaneiro, día propio da festa, pero tamén o día 18, a parroquia vístese cada ano de gala para honrar a un dos santos máis queridos e acude á pequena capela situada no lugar de San Amedio, ao pé da estrada que conduce ao mosteiro cisterciense, da que está separada por apenas medio quilómetro. A dependencia durante séculos dunha economía de base agraria fixo que as xentes da parroquia se encomendasen a San Antón para buscar protección para os seus animais. As vacas, e en menor medida as ovellas, as cabuxas, os porcos e os cabalos foron pouco a pouco desaparecendo da paisaxe de A Armenteira, e hoxe en día teñen unha maior presenza nos fogares mascotas como cans, gatos ou outras especies de carácter exótico. Con todo, a devoción por este santo non decaeu e, especialmente no lugar de San Amedio, pero tamén en Castiñeira, Couso, Cabeza de Boi, As Pereiras ou Gondes, lugares todos eles situados na parte norte da parroquia, os veciños e veciñas teñen marcado no calendario os días 17 e 18 de xaneiro como datas especiais. O programa da festa mantense respecto dos anos anteriores. Así, a misa solemne, que tanto o venres 17 como o sábado 18 terá lugar ás 13:00 horas, irá seguida da habitual procesión, na que non volverán faltar a música e os foguetes. Para rematar, Argimiro Torres, encargarase, como o vén facendo dende fai décadas, das poxas, nas que as persoas asistentes tratarán de levarse os donativos, normalmente en forma de produtos agrarios, que os devotos e devotas ofreceron ao San Antón. A continuación a celebración trasládase aos fogares, onde coma sempre, e cumprindo coa tradición, o día 17 será un ano máis o "día do cocido", mentres que o día 18 volverá ser o "día dos callos". Sen recuperarse aínda totalmente dos excesos das datas de Nadal, as xentes da parroquia intentarán comezar o ano da maior maneira posible, arredor dunha boa mesa, con exquisitos manxares, e na compaña de familiares e amizades, un feito que nesta oportunidade se verá favorecido pola coincidencia na fin de semana desta popular celebración.


Ningún comentario:

Publicar un comentario