Buscar neste blog

sábado, 5 de marzo de 2016

Vitoria clara e contundente do Armenteira Veteranos ante o Cobres-Carpintería Boubeta

O Armenteira Veteranos conseguiu na tarde deste sábado, no campo de O Leixo, unha clara e contundente vitoria por catro goles a un ante un dos rivais máis potentes da categoría, o Cobres-Carpintería Boubeta, terceiro clasificado do grupo e que no partido da primeira volta vencera ao cadro verdinegro por un gol a cero cun tanto nos últimos minutos do encontro. Pero, dende entón a cara do Armenteira Veteranos mudou e, partido a partido, o equipo de O Leixo vaise mostrando como un conxunto sólido e cada vez confiado nas súas posibilidades. O encontro desta xornada tivo pouca historia. Tres goles de Jorge Castro na primeira metade, algún deles de moi bela factura, encarrilaron o duelo a favor do conxunto verde e negro. O gol dos de Vilaboa ao inicio do segundo período parecía dar algo de emoción ao duelo, pero a rápida réplica por parte de Galiñanes que, nunha xogada individual, adornada cun electrizante recorte, conseguiu aloxar o balón no fondo das mallas do equipo amarelo, decantou finalmente o encontro para os de A Armenteira e permitiulles vivir con relativa tranquilidade os minutos que restaban ata o pitido final.

O hat trick de Jorge Castro, o segundo que logra esta temporada o Armenteira Veteranos despois do que acadou Víctor no partido ante o Centro Cultural Villalonga, da mostras do potencial ofensivo que está a exhibir o equipo verdinegro, personificado na figura do dianteiro de Vilar, un xogador criado futbolísticamente entre as areas de O Leixo e que, tras pasar por todas as categorías base do Armenteira C.F. e tras un periplo por algún dos clubes con máis solera da contorna, recalou a finais da temporada pasada no equipo de veteranos da súa terra para dar o salto de calidade que precisaba o conxunto a nivel ofensivo. Coa súa incorporación e as de Carlos para a zona defensiva e Víctor na liña medular o Armenteira Veteranos configurou unha escadra compensada e capaz de plantar cara a calquera dos rivais da categoría, como se está a demostrar na excelente campaña que están a realizar.

Para celebrar este novo triunfo os xogadores do cadro verdinegro trasladáronse á casa do seu compañeiro Manueliño, escenario habitual das súas xuntanzas, onde deron boa conta do artigos da cesta coa que foron recentemente agraciados, que serviron de aperitivo e postre dunha cea na que non faltaron os churrasco e os criollos que prepararon eles mesmos, dando a ver que cando se trata de estar entre fogóns a súa maña non ten nada que envexar á que teñen dentro do terreo de xogo.

A próxima fin de semana o Armenteira Veteranos deberá visitar o campo de Chan de Piñeiro, en San Tomé de Piñeiro (Marín) para enfrontarse ao Santomé, décimo quinto clasificado, con vintetrés puntos, a metade dos que leva sumados o equipo de O Leixo, que volverá a disfrutar unha semana máis comodamente situado na séptima plaza.

















Ningún comentario:

Publicar un comentario