Buscar neste blog

domingo, 30 de abril de 2017

Despedida de liga entre emocións para o equipo feminino do Armenteira C.F. e a S.D. Villestro

O equipo feminino do Armenteira C.F. e da S.D. Villestro despediron a competición de liga na Segunda División Feminina, no grupo 2, nun partido no que o protagonismo o tiveron principalmente as emocións. O emotivo minuto de silenzo que se gardou en recordo do pai da xogadora do equipo de categoría infantil, Anabel, abriu un capítulo de emocións das que tampouco foi alleo o fútbol. O cadro técnico verdinegro, Marcial Prado, presentou un once inicial con Ángeles na portería, Laura, Alessandra, Naomi e Fátima en defensa, Ana Abal, Raquel e Karla no mediocampo, Ana Lorenzo e Paula nos costados, e Uxía en ataque. Media hora tardou a S.D. Villestro en perforar a meta defendida por Ángeles. Con orde e seriedade en defensa e con intensidade na presión as xogadoras do Armenteira C.F. contrarrestaban o xogo combinativo que trataba de armar con paciencia o cadro visitante. As acertadas intervencións de Ángeles, a rapidez no corte das centrais Alessandra e Naomi, e a loita continua de Karla por todas as zonas do campo supoñían unha fórmula de éxito para a escadra local. Pero foi nun lanzamento dende media distancia como Carla Couso abriría a lata para as santiaguesas e marcaría o camiño a seguir nos minutos restantes. Con cero goles a tres ao descanso e cero a oito ao rematar os noventa minutos a S.D. Villestro levouse de O Leixo un merecido pero traballado triunfo ante un equipo que defendeu con dignidade e que incluso puido lograr algún tanto se a fortuna as acompañara nalgunha das saídas en velocidade de Paula. Este resultado deixa finalmente á escadra que dirixe Marcial Prado na duodécima posición, mentres que a S.D. Villestro remata no terceiro posto, con cincuenta e séis puntos. Con todo a temporada non remata para estes dous conxuntos. No caso do Armenteira C.F. a cita co fútbol repetirase o próximo domingo no campo de O Leixo co partido de ida da Copa Segunda División Feminina ante a U.D. Mos, que acaba de facerse co campionato do grupo 3 desta categoría.


Cómoda vitoria do equipo infantil do Armenteira C.F. entre a saraiba e a lama de O Leixo

O equipo infantil do Armenteira C.F. logrou unha cómoda vitoria por sete goles a un no partido que na mañá deste domingo disputou no campo de O Leixo ante o Catoira S.D. O encontro estivo marcado pola saraiba que por momentos cubriu cun manto branco a superficie do terreo de xogo do alto de O Busto que, xunto co intenso frío, fixo que fixeron que as case dúas horas de partido fosen desapacibles para todas aquelas personas que acudiron a estas instalacións deportivas. Menos mal que os rapaces e rapazas que adestra Valentín Estévez "Tilín" tiveron unha actuación aceptable nunhas circunstancias nada favorables e compensaron todas estas incomodidades provocadas polo mal tempo e o deficiente estado da superficie de O Leixo. O técnico cambadés presentou un once inicial con Santi baixo paus, Migui, Xoán, Álex Ruel e Sebas en defensa, Andrés Liu, Carlos, Jose Otero e Mosteiro no mediocampo, Hugo na mediapunta e Piñeiro na dianteira. A superioridade dos locais xa se manifestou dende o inicio, e unha internada por banda esquerda de Jose Otero era culminaba cun pase ao centro da área que os defensores de Catoira axudaron a introducir na súa propia portería. O propio Jose Otero, no minuto trece, aproveitaba un rexeitamento despois dun tiro de Piñeiro para poñer o segundo tanto para o seu equipo. Sen tempo a que reaccionase o rival Piñeiro recibiu un balón en profundidade que conduciu ata a área para bater de novo ao meta Víctor Sabarís. Esta vantaxe e as boas sensacións que estaban a dar os de O Leixo permitiulles tratar de elaborar un fútbol combinativo que por momentos arrincou os aplausos da bancada grazas sobre todo ás rápidas saídas por banda de Andrés Liu e Mosteiro. A relaxación dos locais durante a segunda metade deu a oportunidade ao Catoira S.D. de aproximarse en algunha ocasión ás proximidades do gardamallas Santi. Nunha desas aproximacións Álex García acadaría o tanto da honra para os seus. A entrada de Enilson, Perla, o alevín Íñigo e Jeffrey refrescaron neste período a un conxunto que acabaría vencendo por sete goles a un, cun botín goleador repartido entre os catro goles de Piñeiro, os dous de Jose Otero e o anotado por Hugo. Este triunfo serviu para homenaxear á súa compañeira de equipo Anabel, á que este sábado lle faleceu o pai nun tráxico de camión na provincia de Valladolid, e fai que o equipo que adestra "Tilín" poida ascender ata a sétima posición, a cal tratará de manter tras os encontros que disputará a semana que entra, o mércores en San Vicente de O Grove ante a S.D. Amanecer, e o sábado ou o domingo ante a E.D. Arousa "B" dúas escadras que se atopan en plena disputa pola segunda das prazas que permite o ascenso de categoría.


sábado, 29 de abril de 2017

Dous penaltis nos últimos trece minutos dan a vitoria ao Bar Santiaguiño en O Leixo

O Bar Santiaguiño levouse a vitoria no partido que o mediu na tarde deste sábado no campo de O Leixo ao Armenteira Veteranos. O partido, de gran rivalidade, dadas a proximidade e as relacións de amizade entre os compoñentes de ámbolos dous planteis, foi de gran igualdade, con alternativas dun e doutro lado e cun desenlace tremendamente cruel para os locais tendo en conta o transcurso do encontro. O Armenteira Veteranos presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Portas, Carlos e Richi en defensa, Marcial, Martín, Rafa e Joseíño na liña de creación, e Jorge Castro e Galiñanes en ataque. Con só oito minutos de xogo, Jorge Castro aproveitou as confianzas na saída do balón dos visitantes para recuperar unha pelota e empalmar un potente disparo que foi detido polo meta Tucho, pero que, un atento Galiñanes enviou ao fondo das mallas. Era o cuarto gol en catro partidos consecutivos do dianteiro de Valboa e poñía aos seus nunha situación moi favorable, que aínda puido ser máis se a fortuna os acompañase nalgunha das ocasións das que dispuxeron neste primeiro período, protagonizadas por Manueliño e, sobre todo, por un Jorge Castro falto da súa habitual inspiración. O Bar Santiaguiño baseaba principalmente o seu perigo nas xogadas a balón parado, nas que buscaban o poderío áereo do central Nacho Charlín. Nos primeiros minutos do segundo período os visitantes intensificaron o ritmo, pero co paso do tempo o Armenteira Veteranos foi soltándose e chegando con maior soltura á meta dos de Ribadumia. Faltou acerto para sentenzar e Jorge Castro en varias ocasións, Martín, Manueliño ou Javi despois dunha excepcional acción individual na que se librou de varios contricantes, erraron no momento clave. A polémica chegou cando o meta Tucho, confundido polas marcas do terreo de xogo do partido de fútbol-8 aínda visibles do partido da mañá, recolleu coas mans fóra da área un balón. O colexiado, Campos Maneiro, non atendeu ás protestas dos xogadores e da afección local e sancionouno unicamente cun cartón marelo. Si sinalou en cambio con pena máxima un despexe con brazo de Richi, que a piques estivo a punto de deter Joserra, e que poñía a igualada no marcador. Cando todo indicaba que a cita ía rematar en táboas, no minuto 89, un balón que recibiu de espaldas Luis Barral, de novo o principal argumento ofensivo do cadro lila, foi cortado por Portas con tan pouca fortuna que derrubou ao experimentado dianteiro de Barrantes. Jorge Padín volveu asumir a responsabilidade e enviou o coiro ao fondo das mallas dun Armenteira Veteranos que se vía obrigado a aceptar a crueldade do destino. Tras o asubío final a rivalidade e a tensión dos noventa minutos esquecéronse entre as cervezas e os pinchos que os compoñentes de ámbolos dous conxuntos compartiron na cantina. Este resultado deixa ao Bar Santiaguiño na cuarta posición, con sesenta e tres puntos, en plena disputa pola segunda praza, que permitía o ascenso de categoría, e aos de O Leixo, na décima posición, con trinta e sete puntos. O próximo fin de semana, na que será a última xornada de liga, o Armenteira Veteranos visitará o campo Municipal de Zacande para medirse á S.C.D. Terras de Curro, un equipo que se sitúa no duodécimo posto con vintetrés puntos.


Empate con sabor amargo para o equipo alevín do Armenteira C.F. ante o C. Xuventú Sanxenxo

O partido da xornada, e quizais de todo o campionato de liga da segunda fase da categoría alevín, no grupo 63A, que disputaron na mañá deste sábado no campo de O Leixo o Armenteira C.F. e o C. Xuventú Sanxenxo rematou con empate a dous. Un resultado que pode resultar xusto e meritorio para ámbolos dous conxuntos, sen dúbida os que maior potencial están exhibindo entre os do grupo, pero que deixou un sabor amargo para o cadro local. Os laios, o desencanto e incluso unha relativa tristura extendéronse entre os xogadores e xogadoras e a afección verdinegra ao rematar os cincuenta minutos. A cita era clave e quizais a presión coa que a afrontaron estes rapaces e rapazas, e souberon estar á altura das circunstancias, pero o empate deixa todo como estaba antes deste partido, cun punto de vantaxe para os de Sanxenxo, dependendo de si mesmos nas sete xornadas que restan para rematar a liga. Nunha mañá soleada pero fresca en O Leixo, a ausencia por motivos laborais de Luis Barral puxo á fronte do timón a Jonathan Crespo e Alba Barral. O técnico de Valga, sempre presto a colaborar en calquera iniciativa da entidade verdinegra e con ampla e exitosa experiencia nas últimas temporadas na categoría alevín, era unha opción máis ca solvente para suplir ao habitual inquilino deste equipo do Armenteira C.F. Cun cinco inicial formado por Jose Domínguez baixo paus, Fran e Adri como centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús e Junior polas bandas, Íñigo no mediocentro e Brais Santamaría en ataque, os locais saíron con gran intensidade e tiveron o dominio durante os primeiros vintecinco minutos, que se disputaron case exclusivamente no terreo de xogo defendido por un C. Xuventú Sanxenxo que apenas inquedou a meta verde e negra. Adri mediante un remate mordido tras o saque dun córner, Íñigo a través dun disparo dende fóra da área poñían unha vantaxe aparentemente cómoda coa que se chegaría ao descanso, unha vantaxe que aínda puido ser maior se acabase no fondo das mallas unha cabezada do propio Íñigo que impactou no longueiro. A ilusión que se extendeu polas bancadas de O Leixo, onde a enfervorizada afección non cesaba de animar, foi reducíndose na segunda metade. Agora o control pasou a mans dos de Sanxenxo. Sen crear claras ocasións de gol, os amarelos tratatan de achegarse unha e outra vez aos dominios de Jose Domínguez. Guiados dende a zona de creación por Yoel Pazos, o xogador máis determinantes dos da vila turística, vían como as súas maniobras eran cortadas por unha defensa na que Fran e Adri, apoiados por Javi, se amosaban moi seguros. Un balón bombeado de Brais Lores e outra acción similar de Yoel Pazos, que sorprenderon a Jose Domínguez, fixaban a igualada final no marcador, un resultado que puido variar se Manu Meixús culminase en gol unha gran xogada individual ou se os visitantes fixesen o mesmo tras unha serie de remates que taponaron con insistencia os defensores verdinegros. A próxima fin de semana o cadro que dirixe Luis Barral desprázase ata o campo de Monte Redondo, en Corón, onde tratará de conseguir un novo triunfo que o manteña na loita polo liderato.


xoves, 27 de abril de 2017

Unha cita crucial

Se hai un adxectivo que poida definir o partido que o próximo sábado van disputar os equipos de categoría alevín do Armenteira C.F. e do C. Xuventú Sanxenxo ese é crucial. Crucial porque o cadro amarelo, que vencera con claridade nun encontro nefasto dos de A Armenteira na primeira volta, ocupa a primeira posición con corenta puntos, cedendo só un empate no que vai de liga, e foi ante o Catoira S.D., ao que o seu rival deste sábado vén de derrotar por un gol a catro. A tan só un punto atópase o conxunto que dirixen Luis e Alba Barral, que unicamente deixou escapar puntos naquela fatídica mañá de domingo no campo de Portonovo. A posible ausencia por motivos laborais de Luis Barral, a presión e o nerviosismo ante unha cita de tanta trascendencia podería afectar a estes xogadores e xogadoras, aínda que, a súa afouteza e coraxe, sobramente mostradas partido tras partido, farán que calquera destes ou outros obstáculos se lle atravesen no camiño, un camiño cara a gloria do fútbol que o clube de O Leixo non disfruta dende fai dezasete anos, cando aquel memorable equipo do que formaba parte o actual presidente da entidade, Martín Casais, se proclamara campión da Segunda autonómica xuvenil. Pero máis aló dos resultados, o que se vivirá este sábado a partires das 12:00 horas no campo de O Leixo será unha nova festa do fútbol na que se homenaxearán a dous clubes modestos da comarca, o C. Xuventú Sanxenxo e o Armenteira C.F., dous clubes que nos últimos anos están convertindo en clásicos os enfrontamentos entre os seus equipos de fútbol base. Sen ir máis lonxe, a pasada campaña mantiveron unha dura pugna por acceder aos postos de promoción de ascenso, mérito que finalmente acadaron os rapaces e rapazas da formación verde e negra. Do mesmo xeito, durante a primeira fase, disputada a unha única volta, a balanza volveu caír do lado dos de A Armenteira, que venceran en O Leixo por cinco goles a tres. Para acompañar o excepcional ambiente que se prevé nas bancadas, a Xunta Directiva do Armenteira C.F. volverá a apostar pola música, os pinchos e un escenario no que prime por enriba de todo o protagonismo duns valerosos futbolistas que, ben sexa defendendo as cores amarelas ou ben as verdinegras, e independentemente de cal sexa o resultado, merecen unha homenaxe coa que de seguro o fútbol e a afección os obsequiarán esta fin de semana.


Claro triunfo do equipo infantil do Armenteira C.F. ante a A.D. Arousa F-7

O equipo infantil do Armenteira C.F. venceu con claridade á A.D. Arousa Fútbol-7 no partido disputado na tarde deste mércores no campo de O Leixo, en A Armenteira. O encontro correspondente á xornada 22, e que por diversas circunstancias tivo que ser aprazado o pasado 11 de marzo, tivo lugar nun ambiente marcado polo forte vento e un intenso frío que fixo que os escasos afeccionados e afeccionadas que refuxiasen naqueles lugares máis abrigados das instalacións deportivas situadas no alto de O Busto. O conxunto verdinegro, dirixido nesta ocasión por Jonathan Crespo e Eva López, debido á ausencia por motivos laborais de Valentín Estévez "Tilín", presentou un once inicial con Santi na portería, Migui, Xoán, Sebas e Anabel en defensa, Andres Liu, Carlos Pérez, Jose Otero e Jeffrey no mediocampo, Álex Ruel na mediapunta, e Piñeiro en ataque. Os primeiros minutos foron de certa indecisión. Ningún dos dous conxuntos conseguía facerse co control da situación. A A.D. Arousa F-7 aproveitábase do vento a favor e intentaba empurrar aos locais cara o seu campo. Mentres, o Armenteira C.F., véndose superior e con maiores recursos, non acababa de entrar no partido e deixábase levar polo ritmo lento ao que discurría o xogo. Unha xogada individual de Álex Ruel, que el mesmo culminou na área, serviría para adiantar á formación verdinegra e, a partires de entón, o dominio foi pasando pouco a pouco a mans dos de O Leixo. Outra acción de Álex Ruel, na que o balón rematou na área pequena nos pés de Piñeiro, era finalizada por este mesmo para lograr o segundo tanto. A vantaxe local incrementaríase cando Álex Ruel transformou maxistralmente un lanzamento de falta sinalado tras unha infracción do meta Buyo, que saiu fóra da área a curtar coa man unha incursión do mediocampista de Meaño. Os goles seguirían caíndo unha e outra vez a prol dos rapaces e rapazas do Armenteira C.F., que se foron cunha bagaxe de seis a cero ao descanso e cun marcador favorable de dez goles a cero ao chegar aos noventa minutos. Seis goles de Álex Ruel, un de Piñeiro, un de Jose Otero, un de Mosteiro e un de Carlos completaron a cifra goleadora coa que o equipo infantil da entidade verdinegra quixo agasallar á súa incondicional afección. Houbo incluso oportunidade para que debutasen como goleadores Enilson e Perla, dous futbolistas incorporados esta campaña ás filas do clube de A Armenteira, e que partido a partido están progresando e aportando novas solucións ao grupo. O día que será lembrado porque Mascherano sumou o seu primeiro tanto nas filas do F.C. Barcelona, tras sete temporadas, estes dous rapaces puideron tamén inaugurar o seu capítulo goleador. De seguro que o seu esforzo e o seu traballo acabarán dando froito, senón en forma de tanto, si noutra das múltiples recompensas que ofrece o deporte rei. A próximo domingo, de novo no campo de O Leixo, a partires das 11:30 horas, o cadro que adestra "Tilín" recibirá a visita do Catoira S.D., décimoquinto clasificado con sete puntos, na que será outra excelente oportunidade para que o Armenteira C.F. poida seguir loitando por acadar o sexto posto na táboa, actualmente en posesión do Céltiga F.C., e que se atopa a catro puntos dunha escadra á que aínda lle restan doce puntos en xogo.






luns, 24 de abril de 2017

Triunfo do equipo alevín do Armenteira C.F. en Catoira antes da cita decisiva ante o C. Xuventú Sanxenxo

O equipo alevín conseguiu un importante triunfo por un gol a catro no partido disputado na tarde deste luns no campo de As Lombas ante o Catoira S.D. O cadro que adestran Luis e Alba Barral cumpriu co trámite e mantense na loita por un título que terá a súa cita decisiva a próxima fin de semana ante o C. Xuventú Sanxenxo no campo de O Leixo. A escadra verdinegra presentou un equipo inicial con Jose Domínguez na portería, Fran e Adri como centrais, Javi por diante da defensa, Íñigo no mediocentro, Manu Meixús e Junior polos costados, e Brais Santamaría en ataque. O primeiro período caracterizouse pola lentitude e a falta de tensión. Quizais afectados polo parón ligueiro durante a Semana Santa e polo cansanzo provocado polas festas que se viñeron celebrando en A Armenteira ata esta fin de semana, os xogadores e xogadoras do Armenteira C.F. estaban lonxe da imaxe que habitualmente veñen dando durante esta Segunda fase alevín. A falta de claridade e fluidez no movemento do balón e a escaseza de entradas por banda impedían que os de O Leixo xenerasen ocasións de certa claridade. Ben é certo que tampouco o Catoira S.D. era quen de levar perigo á meta defendida por Jose Domínguez e que as aproximacións de maior relevancia tiñan como protagonistas a futbolistas verdinegros. Primeiro Junior, logo Manu Meixús, Brais Santamaría... puideron adiantar ao seu conxunto, pero non sería ata o minuto 19 cando Manu Meixús, ao recoller un reixamente do pai tras un tiro de Junior, acadaba o primeiro tanto do partido. Coa vantaxe no marcador a segunda metade foi moito máis cómoda para o Armenteira C.F. O cadro viquingo apenas era capaz de saír do seu campo, e as ocasións visitantes producíanse cada vez con máis frecuencia. Adri mediante un lanzamento directo de córner, Íñigo ao culminar na área pequena unha xogada colectiva, e outra vez Adri ao xirarse e empalmar unha volea anotaron os tres tantos restantes para un Armenteira C.F. que vería como a relaxación posterior permitiu que Giovanni Gambino lograse o gol da honra para os de Catoira. Con este triunfo o equipo alevín da entidade verde e negra mantense na segunda posición, con trinta e nove puntos, a un do líder, o C. Xuventú Sanxenxo, que será precisamente o rival que a próxima fin de semana, previsiblemente o sábado á mañá, visite o campo de O Leixo nun encontro que se presume decisivo para dilucitar cal dos dous conxuntos se fará co título de campión de liga.






domingo, 23 de abril de 2017

O C.F. Rúa-Valdeorras e o Armenteira C.F. mídense baixo a intensa calor

O C.F. Rúa-Valdeorras e o Armenteira C.F. disputaron na tarde deste domingo no campo de O Aguillón, en A Rúa, o partido correspondente á vixésimo quinta xornada do grupo 2 da Segunda División Feminina nunha tarde marcada pola intensa calor. O conxunto verdinegro, que tivo que realizar unha viaxe dun 240 quilómetros, cruzando Galicia de Oeste a Leste, presentou un once inicial con Ángeles na portería, Karla, Alessandra, Fátima e Laura en defensa, Ana Abal, Ana Martínez e Raquel no mediocampo, Uxía e Paula polos extremos, e Mar na punta de ataque. As locais asumiron o control do xogo dende o inicio, ao que as de A Armenteira trataron de responder con orde e colocación. Pero xa aos cinco minutos, Isabel Vázquez, a perigosa extremo esquerda do C.F. Rúa-Valdeorras, recibiu un balón en diagonal que resolveu con extraordinaria mestría para poñer por diante ao seu equipo. Non se amilanou o Armenteira C.F. e incluso dispuxo de dúas claras ocasións nos pés de Paula e de Mar, pero os nervos e a mala fortuna impediron que rematasen en gol. Un remate de cabeza de Carlota Quiroga e unha fantástica xogada individual da talentosa mediocampista Candela Novo puxeron a sentenza ao descanso para as de Valdeorras. A forte calor, que obrigou a deter o encontro polo esvaecemento dalgunhas xogadoras, unido ao cansanzo provocado pola longa viaxe e á imposibilidade de manter a posesión do coiro por parte das futbolistas do Armenteira C.F. fixo que na segunda metade as accións se desenvolvesen practicamente todo o tempo na metade do terreo de xogo defendida polas verdinegras. Bastante mérito tiveron as rapazas que dirixe Marcial Prado con aguantar e facer fronte ao esgotamento ante un contricante con maiores argumentos físicos e técnicos que aínda anotaría catro tantos máis ata completar o sete a cero co que se chegou aos noventa minutos. O bo ambiente e o compañeiro entre ámbolos dous equipos, presente antes e despois do partido, e que xa se mostrara no encontro que disputaran na primeira volta, fixo que as compoñentes dos dous clubes finalizasen a xornada cunha fotografía conxunta que quedará para a lembranza deste cita histórica para o Armenteira C.F., pois tratouse do desprazamento máis longo que realizou ata a data para disputar un partido oficial. O próximo domingo o equipo feminino do Armenteira C.F. despedirá a competición de liga por esta temporada no campo de O Leixo ante a S.D. Villestro, un esixente rival que ocupa a cuarta posición con cincuenta e tres puntos.



sábado, 22 de abril de 2017

Tres puntos de Portas para o Armenteira Veteranos tras un partido de escaso ritmo

O Armenteira Veteranos conseguiu na tarde deste sábado un novo triunfo que o consolida na décima posición, da cal xa non se moverá independentemente do que ocorra nos dous partidos que restan de campionato. E neste caso houbo un nome clave: Portas. Non nos referimos ao defensor verdinegro, que por outra parte realizou un máis que notable partido este sábado, senón á localidade das terras do Umia onde, no campo de A Rapeira, os de Armenteira se mediron ao San Benitiño C.F.V.-Joyería Groba. Alí foi onde se disputou un encontro que tivo unha anécdota xa antes de iniciarse. O colexiado Garrido Canosa esquecera o chiflo co que debería dirixir a contenda, polo que houbo que agardar a que lle proporcionasen un novo aparello. O Armenteira Veteranos, que partía co cartel de favorito, presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Portas e Richi en defensa, Carlos como pivote defensivo, con Marcial e Joseíño polos costados, Martín de mediocentro, Jorge na mediapunta e Galiñanes e Manueliño en ataque. Este novidoso e atrevido sistema trataba de reforzar o papel de Carlos en posicións máis avanzadas cás que ocupa habitualmente, e nas que actuara con éxito no partido da anterior xornada ante o Multitiendas S.D. A falta de adaptación ao sistema, que parecía desorientar ao Armenteira Veteranos tanto á hora de atacar como á de defender, a forte calor que imperaba a primeiras horas da tarde e os efectos do cansanzo que as festas que dende fai máis dunha semana se levan celebrando na parroquia do concello de Meis provocaron que o ritmo e a intensidade do xogo fosen escasos dende os primeiros minutos. Ningún dos dous conxuntos conseguía facerse dono da situación, aínda que todo comezou a cambiar cando o Armenteira Veteranos cambiou o sistema ao seu tradicional catro-catro-dous, Iso e a incorporación de Javi ao terreo de xogo deron máis protagonismo aos verdinegros, que no último suspiro do primeiro período se adiantaban cunha cabezada de Jorge Castro tras un excepcional centro de Joseíño. Na reanudación, o ritmo mantívose lento, e os tímidos ataques do San Benitiño C.F. Veteranos eran repelidos sen demasiados apuros por unha liña defensiva que contaba agora con Martín na zona dos centrais. Un envío en longo de Javi que Manueliño recibiu en carreira era colocado polo dianteiro de O Busto no fondo das mallas defendidas por Alejo Souto. A comodidade que supoñían estes dous tantos de vantaxe permitiu obrar con relativa comodidade aos de A Armenteira, que procuraron practicar un fútbol combinativo e moveron o balón con relativa fluidez. Sen crear excesivas ocasións e perdonando nas que se lle presentaron, os dous conxuntos parecían aceptar o destino que esta tarde lles deparaba. Pero a maior calidade dos visitantes aínda lles permitiría aumentar o marcador, e sería por medio dun moi motivado Marcial. O extremo de O Pazo, que tamén exerce de adestrador do equipo feminino do Armenteira C.F., sentiu durante todo o partido os ánimos que algunhas das súas pupilas lle deron dende as bancadas, e quixo agasallar este apoio cunha extraordinaria xogada individual na que, tras desfacerse de varios rivais, enviou o coiro ao fondo das mallas locais. Nos intres finais puido haber algún tanto máis para o Armenteira Veteranos, pero o marcador xa non se moveu do cero a tres. Con esta vitoria a escadra verdinegra, trinta e sete puntos, que o consolidan de forma definiva na décima plaza. A próxima fin de semana o Armenteira Veteranos deberá recibir a visita no campo de O Leixo do Bar Santiaguiño, un conxunto que ocupa a cuarta posición con sesenta puntos, en plena loita polos postos que dan a opción de ascender de categoría. Será un novo duelo de rivalidade, que terá como principal incentivo a presenza nas filas da formación de Ribadumia de Luis Barral, adestrador dos equipos de fútbol-8 do Armenteira C.F. Luis, máximo artilleiro dos seu equipo, volverá ser unha seria ameaza para o Armenteira Veteranos, como o foi no encontro da primeira volta, no que resultou decisivo para a vitoria dos seus ao anotar un tanto e dar a asistencia para outro máis dos tres que o Bar Santiaguiño lle endosara aos de O Leixo.










mércores, 19 de abril de 2017

O Armenteira C.F. ultima os detalles da viaxe a A Rúa co equipo feminino

A Xunta Directiva e a coordinadora do equipo feminino do Armenteira C.F. están ultimando os detalles da viaxe que van realizar o próximo domingo ao concello de A Rúa, na comarca de Valdeorras, para acompañar ás rapazas do conxunto que adestra Marcial Prado no será o penúltimo partido da temporada. Para facilitar o desprazamento das compoñentes do plantel e de todas aquelas persoas que se queiran apuntar contratouse un autobús que sairá ás 10:00 dos arredores do colexio de A Armenteira. Os prezos que se fixaron para a viaxe son de 10 euros para os adultos e de 5 euros para os menores de 14 anos. Ademais, negociaron cun restaurante dunha localidade ourensá un completo menú por tan só 10 euros para aqueles membros da expedición que elixan esta opción. O partido terá lugar a partires das 17:00 horas no campo de O Aguillón, unhas instalacións deportivas situadas a carón do espazo fluvial do encoro de San Martiño, á beira do río Sil, unha das zonas máis fermosas dun pobo que conta ademais con atractivos coma a ponte romana de A Cigarrosa ou as adegas de elaboración de viños e augardentes da Denominación de Orixe Valdeorras. Dende a entidade verdinegra lembran que o prazo para anotarse segue aberto e que aquelas persoas que estean interesadas poden facelo a través do número de teléfono 634788186 ou a través dos distintos medios que o clube pon á disposición.


sábado, 15 de abril de 2017

A devoción concéntrase a partires deste domingo en A Armenteira

A Semana Santa é unha época de paixón relixiosa e A Armenteira convértese durante eses días nun dos lugares nos que se vive con máis fervor.  A popular Romaría das Cabezas reunirá a partires deste domingo a milleiros de fieis no entorno do mosteiro cirterciense. A talla da virxe que se venera, Nosa Señora das Cabezas, realizada en madeira policromada, e que destaca polo seu imponente tamaño, data do século XVII. Conta a lenda que esta virxe aparecéuselle a San Bernardo, e que ela, para agradecer a devoción deste monxe cisterciense, permitiulle probar unhas pingas do leite coa que amamantaba ao neno. Por iso a imaxe que se venera en A Armenteira aparece representada cun peito ao descuberto. Un amplo programa de oficios relixiosos desenvolverase na igrexa do mosteiro dende o domingo 16 de abril ata o domingo da semana seguinte, o segundo domingo de Pascua, no que se honra á Virxe dos Dolores. O día 16, o domingo de Pascua, as misas celebraranse dende as nove ata as doce da mañá e, xa pola tarde, dende as cinco ata as oito. O luns de Pascua, o día grande, as misas terán lugar dende as nove ata a unha en horario de mañá, e dende as cinco ata as oito á tarde. O domingo 23 os oficios relixiosos serán dende as nove da mañá ata as doce, e dende as cinco ata as oito da tarde. Agárdase que sexan moitos os devotos que se acheguen ata o templo para rendir culto a unha virxe á que os ofrecidos entregan multitude de exvotos de cera que representan sobre todo cabezas humanas, pois esta santa é avogada das dores e todos aqueles males relacionados con esta parte do corpo.




venres, 14 de abril de 2017

Armenteira, no centro do camiño

Din que todos os camiños levan a Roma e que Santiago de Compostela é un destino ao que se pode chegar de moitas formas e por variadas rutas. Como centro relixioso, cultural e turístico que tamén é, A Armenteira foi dende sempre un lugar de paso e de encontro de fieis, de camiñantes e de visitantes de todo tipo. Este feito viuse acrecentado nos últimos tempos coa mellora do entorno do mosteiro cisterciense, ou coa posta en marcha da Ruta da Pedra e da Auga ou da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Todo isto contribuiu a potenciar aínda máis o valor dun lugar que polo seu patrimonio, pola súa cultura e pola súa paixase xa se atopaba entre os máis atractivos das Rías Baixas. Pero é en datas coma estas de Semana Santa cando o papel como destino de A Armenteira se reforza. Só fai falta ver a cantidade de persoas que percorren a Ruta da Pedra e da Auga, deixando escasa a zona de aparcadoiro dos arredores da rotonda de O Carballal, lugar de partida desta senda, ou a cantidade de peregrinos que se aloxan no albergue de peregrinos recentecemente inaugurado na pranta baixa da Casa de Cultura da parroquia. Milleiros de persoas que nestas datas festivas conflúen no entorno do mosteiro e que enriquecen o ambiente e enchen as terrazas e os salóns duns locais de hostalería que obteñen nestes días boa parte dos seus ingresos anuais. Mentres tanto, o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, volve deixarse ver por unha ruta que, igual ca a moitas outras persoas, o cautiva. A presenza do político pontevedrés xa se convertiu en algo cotián para os veciños e veciñas de A Armenteira, que adiviñan a súa chegada cando o dispositivo de seguridade que o acompaña aparece abrindo camiño. A Festa da Xuventude do próximo domingo, a tradicional Romaría das Cabezas do luns de Pascua ou a Festa dos Dolores do 23 de abril, con verbena na noite anterior, fan deste lugar no interior da comarca de O Salnés, a escasa distancia de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Sanxenxo, un punto de referencia e un lugar de visita obrigada para moitos visitantes. Testetumuña delo é a oficina de turismo que o organismo Turismo Rías Baixas instalou nas dependencias do conxunto monacal. Esta oficina, distinguida co selo Q de calidade, concedido polo Instituto de Calidad Turística Española, contabiliza con gran fiabilidade as cifras de visitas que ano a ano consolidan o papel de A Armenteira como centro dun gran número miradas e dunha gran variedade de camiños.





Vitoria da A.C.D. Ancorad´ouro F.S. no último partido do Armenteira C.F. na Arousa Fútbol-7 2017

O equipo alevín do Armenteira C.F. disputou na mañá deste venres o seu último partido na edición de 2017 da Arousa Fútbol-7. O partido que rematou coa vitoria da A.C.D. Ancorad´ouro F.S. por nove goles a cero permite aos da parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro clasificarse como primeiro de grupo para a segunda rolda, que terá lugar na tarde deste venres. As precaucións defensivas que tratou de tomar a adestradora Alba Barral, que presentou un sete inicial con tres futbolistas na liña defensiva, de pouco valeron ante un conxunto marinense que buscou dende o principio acadar unha cifra elevada de goles que lle fose suficiente para acceder á seguinte rolda. A falta de intensidade na presión, os despistes nas marcaxes e na colocación condenaron a un Armenteira C.F. no que destacou a rapidez no corte de Adri na zona defensiva e a axilidade de Sergio Matilde baixo os paus. As escasas aproximacións verdinegras á área contraria viñeron a través dalgún lanzamento de longa distancia de Adri e algunha xogada individual de Manu Meixús. O resultado final de nove tantos a cero, precisamente a diferenza de goles que precisaba a A.C.D. Ancorad´ouro F.S. para clasificarse, permitirá agora ao cadro marinense seguir competindo por lograr un pase á fase final que terá lugar en xuño. Todo se decidirá na tarde deste venres, e o rival do conxunto azul será o Pabellón F.C. "A", nunha das eliminatorias da que sairán xa pola noite os dous campións desta fase previa número 1, os cales gozarán do privilexio de enfrontarse a equipos de clubes de tanto prestixio como o R.C. Celta, o R.C.Deportivo de A Coruña, o Real Madrid C.F., o F.C. Barcelona, o Arsenal F.C. ou o París Saint-Germain F.C.


xoves, 13 de abril de 2017

Poucas opcións para o equipo alevín do Armenteira C.F. na primeira xornada do Arousa Fútbol-7

O equipo alevín do Armenteira C.F. tivo poucas opcións nos partidos disputados durante este xoves, na que foi a primeira xornada do grupo B da fase previa do torneo Arousa Fútbol-7 de categoría alevín.

A ausencia de Luis Barral durante os encontros da mañá por motivos laborais permitiu a Alba Barral poñerse ao mando como primeira adestradora do equipo. No primeiro envite, ante o C.D. Cuatrovientos, presentou un sete inicial con Sergio Matilde baixo paus, Fran e Adri como centrais, Íñigo no mediocentro, Manu Meixús no costado dereito, Junior no esquerdo, e Brais Santamaría en ataque. O C.D. Cuatrovientos tratou de facerse co dominio do xogo, imprimindo maior ritmo á circulación do balón. As acertadas intervencións de Sergio Matilde impediron que os de Ponferrada tomasen vantaxe. Un doble remate a un saque de córner de Íñigo puido poñer por diante á escadra verdinegra, pero, aescasos intres do descanso, o C.D. Cuatrovientos finalizou en gol unha rápida xogada de contragolpe. A aceptable imaxe que deu a formación verdinegra durante o primeiro período non puido manterse tras o descanso, cando o rival acabou impoñendo o seu maior potencial ata vencer por cinco goles a cero. Unha clara ocasión de Manu Meixús, na que a fortuna non estivo do seu lado, foi a única aproximación dos de A Armenteira neses segundos doce minutos.

No segundo dos partidos da mañá o C.D. Areosa non deu ningún tipo de opción ao equipo de O Leixo, que se vía superado unha e outra vez pola velocidade das accións dos xóvenes futbolistas do clube vigués. Sen apenas posibilidades de xerar perigo na meta contraria e tratando de conter unha e outra vez as embestidas rivais, cun Sergio Matilde de novo inspirado, o Armenteira C.F. acabaría sucumbindo por nove tantos a cero.

Xa pola tarde, e desta volta coa presenza de Luis Barral no banquillo, o Armenteira C.F. afrontaba ante o Pabellón C.F. "C" o que a priori era o duelo que lle outorgaba maiores posibilidades de acadar un resultado minimamente positivo. A desmoralización das derrotas dos primeiros dous partidos fixo mella nos xogadores e xogadoras verdinegros, que non foron quen de darlle a intensidade necesaria ás súas accións, algo que resulta letal nun torneo do nivel do Arousa Fútbol-7. Só Fran, mediante un potente lanzamento de falta dende longa distancia, foi quen de probar ao meta dos ourensáns nestes primeiros momentos. Unha internada pola banda dereita e un balón colgado dende o costado esquerdo supuxeron os dous primeiros goles para o rival, que aínda acadaría un máis antes de chegar ao tempo de lecer. Na segunda metade o Armenteira C.F. reaccionou e foi capaz de dominar e hostigar a unha defensa rival que ata eses intres se estaba mostrando moi segura. Froito dese dominio chegou o gol de Íñigo, ao culminar na área pequena unha bonita xogada colectiva. Aínda dispuxeron os de O Leixo dalgunha ocasión máis, como a que tivo Adri cun libre directo dende a frontal da área. Con todo, o Pabellón C.F. "C" volveu sacar proveito da súa maior capacidade para facer circular o coiro e, nun perfecto contraataque, lograría o cuarto e último tanto do encontro.








O Armenteira C.F. volve vivir o ambiente máis puro dos torneos na primeira xornada do Arousa Fútbol-7 2017

O equipo alevín do Armenteira C.F. disfrutou este xoves da primeira das dúas xornadas nas que vai participar na presente edición da fase previa do torneo internacional Arousa Fútbol-7 que, como cada ano, vén celebrándose durante a Semana Santa. A entidade de O Leixo non quixo faltar á súa cita e os xogadores e xogadoras que dirixen Luis e Alba Barral desprazáronse ata as instalacións deportivas de Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, para medirse a rivais da talla do C.D. Cuatrovientos, C.D. Areosa, Pabellón C.F. "C" e A.C.D. Ancorad´ouro F.S, cos que foi encadrado no grupo B. Este xoves foron os tres primeiros destes conxuntos os que puxeron a proba as súas forzas coas do Armenteira C.F., e permitiron que os futbolistas e a numerosa afección que os acompañou puidese vivir unha xornada de fútbol competición que está considerada entre as mellores da súa categoría en Europa. O madrugón, o primeiro partido tivo lugar ás 9:30 horas, non foi obstáculo para que pais, nais, irmáns e demais acompañantes non parasen de dar ánimos. A pesares das baixas de última hora de Jose Domínguez, Andrés Fernández e Javi, cubertas polos futbolistas do equipo benxamín Sara Otero e Brais Charlín, estes nenos e nenas saíron a defender con dignidade o nome dun clube e unhas cores que temporada a temporada van gañando prestixio no panorama fútbolístico da comarca e de Galicia. A foto oficial, realizada despois do primeiro partido, o almorzo de mañá e a compra de artigos e recordatorios clásicos deste tipo de eventos, entre os cales destacaron polo furor que desataron unhas botas da marca deportiva que patrocina o torneo, que polo seu baixo prezo case esgotaron existencias, marcaron a rutina dunha xornada que mañá volverá a repetirse para o Armenteira C.F.



domingo, 9 de abril de 2017

O Armenteira Veteranos leva os tres puntos tras un azaroso partido ante o Multitiendas S.D.

O Armenteira Veteranos logrou unha importante e meritoria vitoria por tres goles a un no partido disputado na tarde deste sábado ante o Multitiendas S.D. Entre a forte calor e nunha animada xornada de fútbol no campo de O Leixo, o cadro verdinegro presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Portas, Óscar e Richi en defensa, Marcial, Carlos, Martín e Joseíño na liña medular, e Jorge Castro e Galiñanes en ataque. Sen recambios no banquillo e con relevantes ausencias os locais afrontaron o encontro con cautela fronte a un rival que destaca pola súa capacidade combinativa, con xogadores de gran calidade para esta categoría como Novais ou José Torres. O equilibrio foi a nota predominante dende os primeiros minutos e as ocasións claras tardaron en chegar. No minuto 35 apareceu a figura de Jorge Castro, que resolveu con precisión un balón que recibiu na área visitante. O dianteiro de Vilar foi un auténtico pesadelo para o conxunto vilagarciano, que vían como unha e outra vez os seus defensas se vían superados por un dianteiro que suma xa 30 goles no que vai de liga. De novo Jorge Castro sería protagonista tres minutos despois, ao provocar un penalti que el mesmo lanzou, para que foi detido en primeira instancia polo meta Pichel, pero que un atento Marcial remachou ao fondo das mallas. Na segunda metade os visitantes intensificaron o ritmo do xogo, buscando con maior insistencia a meta defendida por Joserra. Froito deste dominio viría unha pena máxima, desperdiciada polo Multitiendas S.D. Pero sería tras un libre indirecto a prol do Armenteira Veteranos cando os de Vilagarcía montaron un rápido contragolpe que pillou desprevenida á defensa verdinegra, e que Antonio Collazo acabaría convertindo en gol. A partires de entón a polémica tomou o partido. As reiteradas protestas dos futbolistas vilagarciáns ás decisións do colexiado Tranchero Castro, acabaron por colmar a paciencia do árbitro, que obrigou a retirar do banquillo a todos aqueles que non contaban coa correspondente licencia. Con todo, as protestas non cesaron, e despois dun novo penalti a favor dos visitantes, que o colexiado mandou repetir tras ser convertido no primeiro lanzamento, e que foi enviado fóra no segundo, a rebeldía do Multitiendas S.D. non fixo máis ca ir en aumento. O reforzo moral que supuxo para o Armenteira Veteranos o fallo desta pena máxima púxose de manifesto nunha bonita xogada colectiva que Carlos finalizaría en gol. O futbolista de Fofán, que exerceu de mediocentro, demarcación na que destacara nas categorías de fútbol base do Armenteira C.F., tivo unha excepcional actuación e levou con firmeza o timón da liña de creación dos verdinegros. Un envío en profundidade cara Jorge Castro foi interceptado fóra da área coa man polo gardamallas Pichel, o que supoñía o segundo cartón amarelo e a expulsión. O descontento con esta decisión provocou que os vilagarciáns amagasen con abandonar o partido e, novamente o encontro estivo detido durante varios minutos. A partires de entón os locais xestionaron con comodidade a vantaxe e acabaron facéndose con tres puntos que os manteñen na décima posición con trinta e catro puntos. Na próxima xornada, a disputar o sábado 22 de abril os de O Leixo deberán visitar o campo de A Rapeira, en Portas, para medirse ao San Benitiño C.F. Veteranos-Joyería Groba, décimo cuarto clasificado con dezaoito puntos.





Importante e merecida vitoria do equipo infantil do Armenteira C.F. ante o Atlético Cuntis

O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu unha importante e merecida vitoria no partido disputado no campo de O Leixo ante o Atlético Cuntis na tarde deste sábado. Nunha tarde soleada e cunha intensa calor sobre as instalacións deportivas propiedade da Comunidade de Montes Chan da Fonte, o cadro que dirixe o cambadés Valentín Estévez "Tilín", presentou un once inicial formado por Santi baixo paus, Migui, Xoán, Sebas e Anabel en defensa, Andrés Liu, Carlos, Jose Otero e Kevin na liña de medios, Álex Ruel na mediapunta e Piñeiro en ataque. A superioridade dos locais xa se manifestou dende os primeiros momentos e no minuto dous unha excelente asistencia de Álex Ruel era aproveitada por Jose Otero ao definir con calidade ante a saída do meta cuntiense Carlos Amado. Apenas vinte minutos despois, de novo Jose Otero, moi inspirado na tarde deste sábado, colocaba un balón raso no fondo das redes dos de Cuntis. A comodidade que parecía marcar esta vantaxe comezou a cuestionarse nada máis comezar o segundo período, cando Martín Correa sacou partido das dúbidas da zona de centrais do Armenteira C.F. para apretar o marcador. Pero a reacción dos locais foi inmediata, e primeiro Borja Vieites en propia meta, Piñeiro cun disparo raso en carreira dende fóra da área e Jose Otero ao recoller un rexeitamento da defensa visitante colocaban un cinco a un que parecía que lles permitiría vivir placidamente a recta final do encontro. Pero o cansanzo e a relaxación destes últimos minutos fixo que os da vila termal adiantasen liñas buscando a meta defendida por Santi, e de novo Martín Correa e Víctor Iglesias deron emocion á ultima parte dun partido que remataría cun triunfo por cinco goles a tres, que aínda puido ser maior de ter máis fortuna os atacantes verdinegros nos varios lanzamentos que enviaron aos paus da portería contraria.  Este resultado mantén aos de O Leixo na novena posición, con trinta e nove puntos. A próxima xornada, na fin de semana do 22 e 23 de abril, a escadra que adestra "Tilín", terá un difícil compromiso na visita ao campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove, onde se enfrontarán a un dos equipos que loitan polas prazas de ascenso, a S.D. Amanecer, cuarta clasificada con cincuenta e cinco puntos, aínda que cun partido menos disputado.


Vitoria do equipo alevín do Armenteira C.F. ante o C.D. Bueu para seguir na loita polo título

O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou unha clara vitoria por once goles a cero ante o C.D. Bueu no partido disputado na mañá deste sábado no campo de O Leixo, que lle permiten seguir coa súa marcha triunfal nesta Segunda fase alevín, no grupo 63 A, e manterse na loita por un campionato de liga que xornada a xornada está máis ao alcance do conxunto verdinegro. O cadro dirixido nesta ocasión en solitario por Alba Barral, debido á ausencia por motivos laborais de Luis Barral, saiu con equipo inicial con Jose Domínguez na portería, Fran e Álex Grigorio como centrais, con Javi por diante da defensa, con Manu Meixús e Junior polas bandas, Íñigo no mediocentro, e Adri na punta de ataque. A tranquilidade coa que se tomaron o encontro os rapaces e rapazas da escadra verdinegra, quizais influenciados pola forte calor e o baixo ritmo do rival, que os acabou contaxiando, non impediu que fosen tomando vantaxe dende os primeiros minutos. Adri abriría o camiño, que sería seguido por unha serie de goles de diversa factura que puxeron a sentenza xa na primeira metade. No segundo período Alba Barral decidiu dar descanso durante varios minutos aos futbolistas que máis veñen participando no equipo, e incluso deu a oportunidade a dous compoñentes do conxunto de categoría benxamín, Sara Otero, que ocupou o posto de central, e Brais Charlín, que dende o extremo esquerdo deixou mostras da súa enorme calidade e, nada máis saltar ao terreo de xogo, na primeira bola que tocou, xa a conseguiu colar no fondo das mallas dos de Bueu. O botín goleador foi do máis repartido. Cinco tantos de Adri, dous de Manu Meixús, dous de Íñigo, un de Junior e outro do propio Brais Charlín, completaron os once goles que dan un novo triunfo a un Armenteira C.F. que continúa coa súa marcha triunfal nesta competición na que só se deixaron puntos na derrota sufrida no campo de Baltar de Arriba ante o C. Xuventú Sanxenxo, do cal o segue separando un punto, e todo parece indicar que o título se decidirá na xornada do 29 e 30 de abril, cando o cadro amarelo visite O Leixo. Pero antes, os nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral deberán desprazarse ata o campo de As Lombas, dentro de dúas semanas, tras o descanso ligueiro da próxima fin de semana, onde se medirán ao Catoira S.D., un conxunto perigoroso, que ocupa a sexta posición con vinte puntos, e que foi quen de acadar un empate ante o C. Xuventú Sanxenxo.





venres, 7 de abril de 2017

A preparación da viaxe do Armenteira C.F. a A Rúa xa está en marcha

A preparación da viaxe que o Armenteira C.F. vai realizar ao concello ourensán de A Rúa xa está en marcha. A Xunta Directiva e a coordinación do equipo feminino da entidade de O Leixo están rematando os preparativos para unha xornada na que o fútbol e o coñecemento da paisaxe, a xeografía e a cultura de Galicia se aunarán. O motivo principal desta viaxe á comarca de Valdeorras será o partido que o equipo feminino do Armenteira C.F. deberá disputar ante o conxunto local do C.F. Rúa-Valdeorras o próximo domingo 23 de abril e que, a falta de confirmación oficial, parece que vai que se vai celebrar en torno ás 17:00 horas. Para facilitar o desprazamento do equipo e do amplo número de afeccionados e afeccionadas que se agarda que o acompañen porase á súa disposición un autobús que partirá pola mañá dende as inmediacións do colexio de A Armenteira. O prezo da viaxe estableceuse en 10 euros para os adultos, e de 5 euros para os nenos e nenas ata catorce anos. Este prezo non inclúe a comida, pero dende a entidade verdinegra sinalan que están contactando con algún restaurante de A Rúa ou dos arredores para acordar un menú variado e adecuado aos petos e aos variados gustos das persoas que ata alí se despracen. Para anotarse unicamente terán que dirixirse a calquera dos membros da Xunta Directiva, á coordinación do equipo feminino, no número de teléfono 634788186, ou a través dos distintos medios telemáticos que o clube pon á disposición.


xoves, 6 de abril de 2017

Todo listo para as festas de Semana Santa de A Armenteira

As festas de Semana Santa de A Armenteira están a punto de porse en marcha. O programa de eventos festivos, que ten como punto álxido a celebración o luns 17 de abril da popular romaría de Nosa Señora das Cabezas, vén de ser presentado estes días polos seus organizadores. Tanto a Comisión de Festas O´Noso, encargada da parte máis lúdica e festiva, como por parte da comisión parroquial encargada da parte relixiosa ultiman estes días os detalles dun conxunto de actos que convertirán á parroquia nun dos principais referentes para as xentes da contorna e para os numerosos visitantes que acudirán nestas datas a visitar a zona das Rías Baixas. O`Noso fixo público e está procedendo á colocación do polos diversos lugares da parroquia do cartel das festas, que terá o pistoletazo de saída o domingo 16 de abril coa XV Festa da Xuventude, na que actuarán  Green Hot Peppers, un grupo tributo do da formación de rock estadounidense Red Hot Chili Peppers,  e os grupos Outro Carallo e Raiba. Para completar a sesión musical estarán os ritmos de Disco Móvil DUE. Sen case tempo a repoñer forzas, o día 17 virá o día grande, o día das Cabezas, no que milleiros de visitantes se volverán achegar entorno do mosteiro cisterciense. O peche deste extenso programa festivo será o sábado 22 de abril coa verbena na honra da Virxe dos Dolores, que nesta ocasión contará coa presenza das orquestras Gran Parada e La Ola ADN. E como vén sendo tradición dende fai unhas décadas, están á venda xa as sudaderas e as camisetas conmemorativas, que serven de recordo e ao mesmo tempo reportan uns ingresos cos que sufragar os gastos deste intenso programa de festexos. Pola súa contra a comisión encargada da programación relixiosa céntrase estes días na preparación da igrexa e do adro, no que se instalou unha gran carpa baixo a que poderá abrigarse a gran cantidade de fieis que se agarda que acuda a rendir culto a unha das santas que máis devoción espertan en toda Galicia.



domingo, 2 de abril de 2017

O equipo feminino do Armenteira C.F. pranta cara ao Atlético Arousana "B" e consigue manter a igualada ata o descanso

O equipo feminino do Armenteira C.F. realizou un aceptable partido na mañá deste domingo ante o Atlético Arousana "B" no campo Mari Paz Vilas de Bamio. Acompañadas por unha notable afección as rapazas que dirixe Marcial Prado presentáronse no campo da parroquia vilagarciana cun once inicial composto por Ángeles baixo paus, Fátima, Alessandra, Naomi e Laura en defensa, Raquel, Diana e Ana Martínez na liña de medios, Karla e Paula polos costados, e Mar como futbolista máis adiantada. O conxunto local tomou o mando do xogo dende os primeiros minutos, apoiadas na calidade do toque e no fútbol combinativo que forma parte da filosofía desta escola tan representativa dentro do balompé comarcal e galego. As de A Armenteira mantíñanse ordenadas e serias en defensa, afastando os balóns da súa área cando era posible, sen que Ángeles, que volvía á portería, curiosamente no día do seu cumpreanos, pasase excesivos apuros. Incluso houbo opcións para algunha arrincada e, nunha delas Paula quedouse soa ante a meta Adriana Álvarez, obrigando á gardameta vilagarciana a atallar en dous tempos o seu potente disparo, que aínda puido acabar nos pés de Mar. Pero nun balón perdido no mediocampo as locais trazaron unha xogada que acabou na área, no poder da talentosa María Vázquez que, cun par de recortes, perfilouse para enviar o coiro ao fondo das mallas verdinegras. A reacción do Armenteira C.F. non se fixo agardar e outra galopada de Paula pola banda esquerda era detida en falta por unha defensora local cando a xogadora de Pontevedra enfilaba a liña de portería. O colexiado Raposo García decretou penalti, que foi transformado por Ana Martínez coa clase e a calidade que a caracterizan. Coa igualada ao descanso parecía que o cadro verdinegro podería puntuar por segunda xornada consecutiva. Para desgracia para elas e para a súa animosa afección non foi así. Nada máis reanudarse o encontro Khaterine Gutiérrez recibe un balón en profundidade cara a liña de fondo do lateral esquerdo da área defendida polas visitantes e, aproveitando as dúbidas e a indecisión das defensas e da porteira., puxo por diante ao Atlético Arousana "B". Co marcador a favor todo foi moito máis fácil para a escadra vilagarciana. Fixéronse donas da situación e o Armenteira C.F. apenas era quen de cruzar o mediocampo e crear algunha xogada de perigo cara a área contraria. De novo María Vázquez, e a continuación Micaela López en dúas ocasións completaban o resultado final de cinco goles a un que co se chegarían aos noventa minutos. Os goles recibidos na segunda metade e a derrota final non deben empañar a boa actuación que estas rapazas realizaron sobre o terreo de xogo do Mari Paz Vilas. A orde e a seriedade defensiva, a pelexa no mediocampo, coa garra de Karla e a clase de Ana Martínez, o desborde e desequilibrio por banda de Paula e a velocidade de Mar en ataque son algúns dos argumentos dun equipo que pouco a pouco vai atopando a súa identidade, unha identidade forxada a base de ir superando dificultades nunha temporada, a primeira da historia no fútbol feminino para a entidade e para a maior parte destas mozas. Dende logo son elas as que están sentando as bases para o futuro dun equipo e dunha entidade que pretende seguir apostando por un proxecto e por unha modalidade como é a do fútbol feminino, que tanta ilusión transmite e tantas posibilidades de futuro aporta. Serán agora dúas semanas sen liga para o equipo feminino do Armenteira C.F. que, a expensas da organización dalgún partido amigable, poderá repoñer forzas e continuar coa preparación de cara aos dous partidos que restan para finalizar a competición.





sábado, 1 de abril de 2017

O Armenteira Veteranos volve deixar tres puntos en O Pombal tras un partido no que mereceu máis

O Armenteira Veteranos volveu deixar tres puntos no campo de O Pombal, en Cambados, como xa o fixera a fin de semana pasada, cando caíra derrotado ante o Cafetería Vilariño. Nesta ocasión foi ante o Albariño Veteranos, que logrou vencer ao conxunto verdinegro por catro goles a tres tras un emocionante e intenso encontro no que a fortuna no remate estivo acompañou máis aos cambadeses. Os de A Armenteira presentaron un once inicial con Joserra baixo paus, Jorge Dávila, Carlos, Portas e Richi en defensa, Rafa, Martín, Cacabelos e Joseíño na liña de medios, e Jorge Castro e Galiñanes na dianteira. No banco de suplentes agardaba Moncho, o único recambio do que dispuxeron na tarde deste sábado en Cambados. Xa dende o inicio a igualdade foi a nota dominante. Nunha acción típica de ataque dos verdinegros, o balón chegou na área aos pés de Jorge Castro, que poñía por diante ao seu equipo. A resposta local viría tras unha falta cometida ao borde da área, e que sería excepcionalmente convertida por Joaquín Viana, colocando o coiro na escadra da meta defendida por Joserra. Pepe Núñez, unido por vínculos familiares á entidade de O Leixo, posto que o seu fillo militou a pasada temporada na entidade irmá do Armenteira Veteranos, o Armenteira C.F., cabecearía na área un perfecto centro dun compañeiro para adiantar aos seus. Nunha xogada similar, un excepcional centro de Jorge Castro era enviado ao fondo das mallas cambadesas por Galiñanes cunha gran cabezada. Pero, antes de chegar ao descanso, Rubén Charlín, sen dúbida o futbolista de maior talento do Albariño Veteranos, sacaba partido da débil presión da defensa visitante e mandaba a gol un potente disparo dende a frontal da área. Tras o período de lecer o partido diminuiu o ritmo e o Armenteira Veteranos sentiuse máis cómodo e lograba xerar ocasións que tiñan como principal protagonista a Jorge Castro. Sería Galiñanes, en estado de gracias durante as últimas xornadas, o que, sen temblarlle o pulso ante o meta José Durán, volvía a colocar as táboas no marcador. Parecía que o encontro se encamiñaba cara o empate final pero, de novo Pepe Núñez, ao rematar libre de marca un centro case sobre a liña de gol, fixaba o catro a tres co que finalizaría un partido no que o Armenteira Veteranos aínda gozou dalgunha oportunidade nos últimos minutos. Con este resultado o cadro verde e negro mantense na décima posición, con trinta e un puntos, unha cifra que tratará de aumentar o próximo sábado no campo de O Leixo ante o Multitiendas S.D., sexto clasificado con corenta e sete puntos.


Paso adiante do equipo alevín do Armenteira C.F. na loita polo liderato tras vencer con solvencia en Domaio

O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou un importante triunfo no partido disputado na mañá deste sábado no campo de A Granxa ante o conxunto local do Domaio F.C. Nunha apacible mañá e cunhas agradables vistas que tiñan como privilexiado fondo a ponte de Rande e a ría de Vigo os rapaces e rapazas que dirixen Luis e Alba Barral acadaron unha vitoria por un gol a cinco que se cimentou nun gran nivel de intensidade e nun excelente traballo colectivo. O cadro técnico verdinegro presentou un equipo inicial con Jose Domínguez na portería, Fran e Álex Grigorio como centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús e Junior nos costados, Íñigo no mediocentro e Adri en ataque. A motivación co que afrontaban este encontro os xóvenes futbolitas verdinegros amosouse dende o inicio. Os primeiros minutos foron de claro dominio visitante e o Domaio F.C. vía como cada vez que trataba de saír do seu campo o coiro éralle arrebatado polas dilixentes accións defensivas dos de O Leixo. No minuto 7 un saque de córner efectuado por Manu Meixús caiu nos pés de Adri e o polivalente futbolista do O Marco non perdonou. Con esta desvantaxe no marcador os locais aumentaron o ritmo de xogo e fóronse a polo empate. O partido entrou entón nunha situación na que non tiña un dominador claro, con alternativas por ámbolos dous bandos. Pero a excepcional sobriedade defensiva exhibida polo Armenteira C.F. en A Granxa impedía que os da comarca de O Morrazo puidesen achegarse con perigo á meta defendida por Jose Domínguez. Un extraordinario lanzamento de falta de Fran acababa na escadra dos de Domaio e marcaba o rumbo do que restaba de partido. O defensa de Silván, que tivo unha extraordinaria actuación, marcaba de lanzamento de falta por segunda xornada consecutiva. Antes de chegar ao descanso, Manu Meixús, tras unha magnífica asistencia de Íñigo, definía con frialdade ante Alexandre Farto. No segundo período mantívose a tónica dos primeiros vintecinco minutos, e o Armenteira C.F., sen conseguir trazar xogadas combinativas longas, si mostrou maneiras de equipo grande e, coa súa tremenda pegada, sentenciaría o encontro. Íñigo aproveitando que o meta local abandonou a portería para saír a despexar co pé un balón e Adri mediante outro lanzamento de falta completarían a goleada verdinegra. Daniel García, xa nos últimos minutos, e sacando partido da baixada do ritmo dos visitantes, acadaba o gol da honra para o seu equipo. Con este triunfo por un gol a cinco o Armenteira C.F. segue mantendo a súa particular pugna co C. Xuventú Sanxenxo por facerse co liderato. Un punto separan aos da vila da Madama do cadro verdinegro, co que se agarda unha recta final apaixoante na disputa por un campionato de liga que parece que vai ser un man a man entre estes dous conxuntos. A próxima fin de semana a escadra que adestra Luis Barral recibirá no campo de O Leixo ao C.D. Bueu, último clasificado do grupo e que aínda non tivo a fortuna de estrenar o seu casilleiro de puntos.