Buscar neste blog

luns, 24 de abril de 2017

Triunfo do equipo alevín do Armenteira C.F. en Catoira antes da cita decisiva ante o C. Xuventú Sanxenxo

O equipo alevín conseguiu un importante triunfo por un gol a catro no partido disputado na tarde deste luns no campo de As Lombas ante o Catoira S.D. O cadro que adestran Luis e Alba Barral cumpriu co trámite e mantense na loita por un título que terá a súa cita decisiva a próxima fin de semana ante o C. Xuventú Sanxenxo no campo de O Leixo. A escadra verdinegra presentou un equipo inicial con Jose Domínguez na portería, Fran e Adri como centrais, Javi por diante da defensa, Íñigo no mediocentro, Manu Meixús e Junior polos costados, e Brais Santamaría en ataque. O primeiro período caracterizouse pola lentitude e a falta de tensión. Quizais afectados polo parón ligueiro durante a Semana Santa e polo cansanzo provocado polas festas que se viñeron celebrando en A Armenteira ata esta fin de semana, os xogadores e xogadoras do Armenteira C.F. estaban lonxe da imaxe que habitualmente veñen dando durante esta Segunda fase alevín. A falta de claridade e fluidez no movemento do balón e a escaseza de entradas por banda impedían que os de O Leixo xenerasen ocasións de certa claridade. Ben é certo que tampouco o Catoira S.D. era quen de levar perigo á meta defendida por Jose Domínguez e que as aproximacións de maior relevancia tiñan como protagonistas a futbolistas verdinegros. Primeiro Junior, logo Manu Meixús, Brais Santamaría... puideron adiantar ao seu conxunto, pero non sería ata o minuto 19 cando Manu Meixús, ao recoller un reixamente do pai tras un tiro de Junior, acadaba o primeiro tanto do partido. Coa vantaxe no marcador a segunda metade foi moito máis cómoda para o Armenteira C.F. O cadro viquingo apenas era capaz de saír do seu campo, e as ocasións visitantes producíanse cada vez con máis frecuencia. Adri mediante un lanzamento directo de córner, Íñigo ao culminar na área pequena unha xogada colectiva, e outra vez Adri ao xirarse e empalmar unha volea anotaron os tres tantos restantes para un Armenteira C.F. que vería como a relaxación posterior permitiu que Giovanni Gambino lograse o gol da honra para os de Catoira. Con este triunfo o equipo alevín da entidade verde e negra mantense na segunda posición, con trinta e nove puntos, a un do líder, o C. Xuventú Sanxenxo, que será precisamente o rival que a próxima fin de semana, previsiblemente o sábado á mañá, visite o campo de O Leixo nun encontro que se presume decisivo para dilucitar cal dos dous conxuntos se fará co título de campión de liga.






Ningún comentario:

Publicar un comentario