O Bar Santiaguiño levouse a vitoria no partido que o mediu na tarde deste sábado no campo de O Leixo ao Armenteira Veteranos. O partido, de gran rivalidade, dadas a proximidade e as relacións de amizade entre os compoñentes de ámbolos dous planteis, foi de gran igualdade, con alternativas dun e doutro lado e cun desenlace tremendamente cruel para os locais tendo en conta o transcurso do encontro. O Armenteira Veteranos presentou un once inicial con Joserra na portería, Jorge Dávila, Portas, Carlos e Richi en defensa, Marcial, Martín, Rafa e Joseíño na liña de creación, e Jorge Castro e Galiñanes en ataque. Con só oito minutos de xogo, Jorge Castro aproveitou as confianzas na saída do balón dos visitantes para recuperar unha pelota e empalmar un potente disparo que foi detido polo meta Tucho, pero que, un atento Galiñanes enviou ao fondo das mallas. Era o cuarto gol en catro partidos consecutivos do dianteiro de Valboa e poñía aos seus nunha situación moi favorable, que aínda puido ser máis se a fortuna os acompañase nalgunha das ocasións das que dispuxeron neste primeiro período, protagonizadas por Manueliño e, sobre todo, por un Jorge Castro falto da súa habitual inspiración. O Bar Santiaguiño baseaba principalmente o seu perigo nas xogadas a balón parado, nas que buscaban o poderío áereo do central Nacho Charlín. Nos primeiros minutos do segundo período os visitantes intensificaron o ritmo, pero co paso do tempo o Armenteira Veteranos foi soltándose e chegando con maior soltura á meta dos de Ribadumia. Faltou acerto para sentenzar e Jorge Castro en varias ocasións, Martín, Manueliño ou Javi despois dunha excepcional acción individual na que se librou de varios contricantes, erraron no momento clave. A polémica chegou cando o meta Tucho, confundido polas marcas do terreo de xogo do partido de fútbol-8 aínda visibles do partido da mañá, recolleu coas mans fóra da área un balón. O colexiado, Campos Maneiro, non atendeu ás protestas dos xogadores e da afección local e sancionouno unicamente cun cartón marelo. Si sinalou en cambio con pena máxima un despexe con brazo de Richi, que a piques estivo a punto de deter Joserra, e que poñía a igualada no marcador. Cando todo indicaba que a cita ía rematar en táboas, no minuto 89, un balón que recibiu de espaldas Luis Barral, de novo o principal argumento ofensivo do cadro lila, foi cortado por Portas con tan pouca fortuna que derrubou ao experimentado dianteiro de Barrantes. Jorge Padín volveu asumir a responsabilidade e enviou o coiro ao fondo das mallas dun Armenteira Veteranos que se vía obrigado a aceptar a crueldade do destino. Tras o asubío final a rivalidade e a tensión dos noventa minutos esquecéronse entre as cervezas e os pinchos que os compoñentes de ámbolos dous conxuntos compartiron na cantina. Este resultado deixa ao Bar Santiaguiño na cuarta posición, con sesenta e tres puntos, en plena disputa pola segunda praza, que permitía o ascenso de categoría, e aos de O Leixo, na décima posición, con trinta e sete puntos. O próximo fin de semana, na que será a última xornada de liga, o Armenteira Veteranos visitará o campo Municipal de Zacande para medirse á S.C.D. Terras de Curro, un equipo que se sitúa no duodécimo posto con vintetrés puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario