Buscar neste blog

xoves, 27 de abril de 2017

Claro triunfo do equipo infantil do Armenteira C.F. ante a A.D. Arousa F-7

O equipo infantil do Armenteira C.F. venceu con claridade á A.D. Arousa Fútbol-7 no partido disputado na tarde deste mércores no campo de O Leixo, en A Armenteira. O encontro correspondente á xornada 22, e que por diversas circunstancias tivo que ser aprazado o pasado 11 de marzo, tivo lugar nun ambiente marcado polo forte vento e un intenso frío que fixo que os escasos afeccionados e afeccionadas que refuxiasen naqueles lugares máis abrigados das instalacións deportivas situadas no alto de O Busto. O conxunto verdinegro, dirixido nesta ocasión por Jonathan Crespo e Eva López, debido á ausencia por motivos laborais de Valentín Estévez "Tilín", presentou un once inicial con Santi na portería, Migui, Xoán, Sebas e Anabel en defensa, Andres Liu, Carlos Pérez, Jose Otero e Jeffrey no mediocampo, Álex Ruel na mediapunta, e Piñeiro en ataque. Os primeiros minutos foron de certa indecisión. Ningún dos dous conxuntos conseguía facerse co control da situación. A A.D. Arousa F-7 aproveitábase do vento a favor e intentaba empurrar aos locais cara o seu campo. Mentres, o Armenteira C.F., véndose superior e con maiores recursos, non acababa de entrar no partido e deixábase levar polo ritmo lento ao que discurría o xogo. Unha xogada individual de Álex Ruel, que el mesmo culminou na área, serviría para adiantar á formación verdinegra e, a partires de entón, o dominio foi pasando pouco a pouco a mans dos de O Leixo. Outra acción de Álex Ruel, na que o balón rematou na área pequena nos pés de Piñeiro, era finalizada por este mesmo para lograr o segundo tanto. A vantaxe local incrementaríase cando Álex Ruel transformou maxistralmente un lanzamento de falta sinalado tras unha infracción do meta Buyo, que saiu fóra da área a curtar coa man unha incursión do mediocampista de Meaño. Os goles seguirían caíndo unha e outra vez a prol dos rapaces e rapazas do Armenteira C.F., que se foron cunha bagaxe de seis a cero ao descanso e cun marcador favorable de dez goles a cero ao chegar aos noventa minutos. Seis goles de Álex Ruel, un de Piñeiro, un de Jose Otero, un de Mosteiro e un de Carlos completaron a cifra goleadora coa que o equipo infantil da entidade verdinegra quixo agasallar á súa incondicional afección. Houbo incluso oportunidade para que debutasen como goleadores Enilson e Perla, dous futbolistas incorporados esta campaña ás filas do clube de A Armenteira, e que partido a partido están progresando e aportando novas solucións ao grupo. O día que será lembrado porque Mascherano sumou o seu primeiro tanto nas filas do F.C. Barcelona, tras sete temporadas, estes dous rapaces puideron tamén inaugurar o seu capítulo goleador. De seguro que o seu esforzo e o seu traballo acabarán dando froito, senón en forma de tanto, si noutra das múltiples recompensas que ofrece o deporte rei. A próximo domingo, de novo no campo de O Leixo, a partires das 11:30 horas, o cadro que adestra "Tilín" recibirá a visita do Catoira S.D., décimoquinto clasificado con sete puntos, na que será outra excelente oportunidade para que o Armenteira C.F. poida seguir loitando por acadar o sexto posto na táboa, actualmente en posesión do Céltiga F.C., e que se atopa a catro puntos dunha escadra á que aínda lle restan doce puntos en xogo.






Ningún comentario:

Publicar un comentario