Buscar neste blog

domingo, 30 de abril de 2017

Despedida de liga entre emocións para o equipo feminino do Armenteira C.F. e a S.D. Villestro

O equipo feminino do Armenteira C.F. e da S.D. Villestro despediron a competición de liga na Segunda División Feminina, no grupo 2, nun partido no que o protagonismo o tiveron principalmente as emocións. O emotivo minuto de silenzo que se gardou en recordo do pai da xogadora do equipo de categoría infantil, Anabel, abriu un capítulo de emocións das que tampouco foi alleo o fútbol. O cadro técnico verdinegro, Marcial Prado, presentou un once inicial con Ángeles na portería, Laura, Alessandra, Naomi e Fátima en defensa, Ana Abal, Raquel e Karla no mediocampo, Ana Lorenzo e Paula nos costados, e Uxía en ataque. Media hora tardou a S.D. Villestro en perforar a meta defendida por Ángeles. Con orde e seriedade en defensa e con intensidade na presión as xogadoras do Armenteira C.F. contrarrestaban o xogo combinativo que trataba de armar con paciencia o cadro visitante. As acertadas intervencións de Ángeles, a rapidez no corte das centrais Alessandra e Naomi, e a loita continua de Karla por todas as zonas do campo supoñían unha fórmula de éxito para a escadra local. Pero foi nun lanzamento dende media distancia como Carla Couso abriría a lata para as santiaguesas e marcaría o camiño a seguir nos minutos restantes. Con cero goles a tres ao descanso e cero a oito ao rematar os noventa minutos a S.D. Villestro levouse de O Leixo un merecido pero traballado triunfo ante un equipo que defendeu con dignidade e que incluso puido lograr algún tanto se a fortuna as acompañara nalgunha das saídas en velocidade de Paula. Este resultado deixa finalmente á escadra que dirixe Marcial Prado na duodécima posición, mentres que a S.D. Villestro remata no terceiro posto, con cincuenta e séis puntos. Con todo a temporada non remata para estes dous conxuntos. No caso do Armenteira C.F. a cita co fútbol repetirase o próximo domingo no campo de O Leixo co partido de ida da Copa Segunda División Feminina ante a U.D. Mos, que acaba de facerse co campionato do grupo 3 desta categoría.


Ningún comentario:

Publicar un comentario