O Armenteira Veteranos volveu deixar tres puntos no campo de O Pombal, en Cambados, como xa o fixera a fin de semana pasada, cando caíra derrotado ante o Cafetería Vilariño. Nesta ocasión foi ante o Albariño Veteranos, que logrou vencer ao conxunto verdinegro por catro goles a tres tras un emocionante e intenso encontro no que a fortuna no remate estivo acompañou máis aos cambadeses. Os de A Armenteira presentaron un once inicial con Joserra baixo paus, Jorge Dávila, Carlos, Portas e Richi en defensa, Rafa, Martín, Cacabelos e Joseíño na liña de medios, e Jorge Castro e Galiñanes na dianteira. No banco de suplentes agardaba Moncho, o único recambio do que dispuxeron na tarde deste sábado en Cambados. Xa dende o inicio a igualdade foi a nota dominante. Nunha acción típica de ataque dos verdinegros, o balón chegou na área aos pés de Jorge Castro, que poñía por diante ao seu equipo. A resposta local viría tras unha falta cometida ao borde da área, e que sería excepcionalmente convertida por Joaquín Viana, colocando o coiro na escadra da meta defendida por Joserra. Pepe Núñez, unido por vínculos familiares á entidade de O Leixo, posto que o seu fillo militou a pasada temporada na entidade irmá do Armenteira Veteranos, o Armenteira C.F., cabecearía na área un perfecto centro dun compañeiro para adiantar aos seus. Nunha xogada similar, un excepcional centro de Jorge Castro era enviado ao fondo das mallas cambadesas por Galiñanes cunha gran cabezada. Pero, antes de chegar ao descanso, Rubén Charlín, sen dúbida o futbolista de maior talento do Albariño Veteranos, sacaba partido da débil presión da defensa visitante e mandaba a gol un potente disparo dende a frontal da área. Tras o período de lecer o partido diminuiu o ritmo e o Armenteira Veteranos sentiuse máis cómodo e lograba xerar ocasións que tiñan como principal protagonista a Jorge Castro. Sería Galiñanes, en estado de gracias durante as últimas xornadas, o que, sen temblarlle o pulso ante o meta José Durán, volvía a colocar as táboas no marcador. Parecía que o encontro se encamiñaba cara o empate final pero, de novo Pepe Núñez, ao rematar libre de marca un centro case sobre a liña de gol, fixaba o catro a tres co que finalizaría un partido no que o Armenteira Veteranos aínda gozou dalgunha oportunidade nos últimos minutos. Con este resultado o cadro verde e negro mantense na décima posición, con trinta e un puntos, unha cifra que tratará de aumentar o próximo sábado no campo de O Leixo ante o Multitiendas S.D., sexto clasificado con corenta e sete puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario