Buscar neste blog

domingo, 23 de abril de 2017

O C.F. Rúa-Valdeorras e o Armenteira C.F. mídense baixo a intensa calor

O C.F. Rúa-Valdeorras e o Armenteira C.F. disputaron na tarde deste domingo no campo de O Aguillón, en A Rúa, o partido correspondente á vixésimo quinta xornada do grupo 2 da Segunda División Feminina nunha tarde marcada pola intensa calor. O conxunto verdinegro, que tivo que realizar unha viaxe dun 240 quilómetros, cruzando Galicia de Oeste a Leste, presentou un once inicial con Ángeles na portería, Karla, Alessandra, Fátima e Laura en defensa, Ana Abal, Ana Martínez e Raquel no mediocampo, Uxía e Paula polos extremos, e Mar na punta de ataque. As locais asumiron o control do xogo dende o inicio, ao que as de A Armenteira trataron de responder con orde e colocación. Pero xa aos cinco minutos, Isabel Vázquez, a perigosa extremo esquerda do C.F. Rúa-Valdeorras, recibiu un balón en diagonal que resolveu con extraordinaria mestría para poñer por diante ao seu equipo. Non se amilanou o Armenteira C.F. e incluso dispuxo de dúas claras ocasións nos pés de Paula e de Mar, pero os nervos e a mala fortuna impediron que rematasen en gol. Un remate de cabeza de Carlota Quiroga e unha fantástica xogada individual da talentosa mediocampista Candela Novo puxeron a sentenza ao descanso para as de Valdeorras. A forte calor, que obrigou a deter o encontro polo esvaecemento dalgunhas xogadoras, unido ao cansanzo provocado pola longa viaxe e á imposibilidade de manter a posesión do coiro por parte das futbolistas do Armenteira C.F. fixo que na segunda metade as accións se desenvolvesen practicamente todo o tempo na metade do terreo de xogo defendida polas verdinegras. Bastante mérito tiveron as rapazas que dirixe Marcial Prado con aguantar e facer fronte ao esgotamento ante un contricante con maiores argumentos físicos e técnicos que aínda anotaría catro tantos máis ata completar o sete a cero co que se chegou aos noventa minutos. O bo ambiente e o compañeiro entre ámbolos dous equipos, presente antes e despois do partido, e que xa se mostrara no encontro que disputaran na primeira volta, fixo que as compoñentes dos dous clubes finalizasen a xornada cunha fotografía conxunta que quedará para a lembranza deste cita histórica para o Armenteira C.F., pois tratouse do desprazamento máis longo que realizou ata a data para disputar un partido oficial. O próximo domingo o equipo feminino do Armenteira C.F. despedirá a competición de liga por esta temporada no campo de O Leixo ante a S.D. Villestro, un esixente rival que ocupa a cuarta posición con cincuenta e tres puntos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario