O equipo alevín do Armenteira C.F. logrou unha clara vitoria por once goles a cero ante o C.D. Bueu no partido disputado na mañá deste sábado no campo de O Leixo, que lle permiten seguir coa súa marcha triunfal nesta Segunda fase alevín, no grupo 63 A, e manterse na loita por un campionato de liga que xornada a xornada está máis ao alcance do conxunto verdinegro. O cadro dirixido nesta ocasión en solitario por Alba Barral, debido á ausencia por motivos laborais de Luis Barral, saiu con equipo inicial con Jose Domínguez na portería, Fran e Álex Grigorio como centrais, con Javi por diante da defensa, con Manu Meixús e Junior polas bandas, Íñigo no mediocentro, e Adri na punta de ataque. A tranquilidade coa que se tomaron o encontro os rapaces e rapazas da escadra verdinegra, quizais influenciados pola forte calor e o baixo ritmo do rival, que os acabou contaxiando, non impediu que fosen tomando vantaxe dende os primeiros minutos. Adri abriría o camiño, que sería seguido por unha serie de goles de diversa factura que puxeron a sentenza xa na primeira metade. No segundo período Alba Barral decidiu dar descanso durante varios minutos aos futbolistas que máis veñen participando no equipo, e incluso deu a oportunidade a dous compoñentes do conxunto de categoría benxamín, Sara Otero, que ocupou o posto de central, e Brais Charlín, que dende o extremo esquerdo deixou mostras da súa enorme calidade e, nada máis saltar ao terreo de xogo, na primeira bola que tocou, xa a conseguiu colar no fondo das mallas dos de Bueu. O botín goleador foi do máis repartido. Cinco tantos de Adri, dous de Manu Meixús, dous de Íñigo, un de Junior e outro do propio Brais Charlín, completaron os once goles que dan un novo triunfo a un Armenteira C.F. que continúa coa súa marcha triunfal nesta competición na que só se deixaron puntos na derrota sufrida no campo de Baltar de Arriba ante o C. Xuventú Sanxenxo, do cal o segue separando un punto, e todo parece indicar que o título se decidirá na xornada do 29 e 30 de abril, cando o cadro amarelo visite O Leixo. Pero antes, os nenos e nenas que adestran Luis e Alba Barral deberán desprazarse ata o campo de As Lombas, dentro de dúas semanas, tras o descanso ligueiro da próxima fin de semana, onde se medirán ao Catoira S.D., un conxunto perigoroso, que ocupa a sexta posición con vinte puntos, e que foi quen de acadar un empate ante o C. Xuventú Sanxenxo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario