O partido da xornada, e quizais de todo o campionato de liga da segunda fase da categoría alevín, no grupo 63A, que disputaron na mañá deste sábado no campo de O Leixo o Armenteira C.F. e o C. Xuventú Sanxenxo rematou con empate a dous. Un resultado que pode resultar xusto e meritorio para ámbolos dous conxuntos, sen dúbida os que maior potencial están exhibindo entre os do grupo, pero que deixou un sabor amargo para o cadro local. Os laios, o desencanto e incluso unha relativa tristura extendéronse entre os xogadores e xogadoras e a afección verdinegra ao rematar os cincuenta minutos. A cita era clave e quizais a presión coa que a afrontaron estes rapaces e rapazas, e souberon estar á altura das circunstancias, pero o empate deixa todo como estaba antes deste partido, cun punto de vantaxe para os de Sanxenxo, dependendo de si mesmos nas sete xornadas que restan para rematar a liga. Nunha mañá soleada pero fresca en O Leixo, a ausencia por motivos laborais de Luis Barral puxo á fronte do timón a Jonathan Crespo e Alba Barral. O técnico de Valga, sempre presto a colaborar en calquera iniciativa da entidade verdinegra e con ampla e exitosa experiencia nas últimas temporadas na categoría alevín, era unha opción máis ca solvente para suplir ao habitual inquilino deste equipo do Armenteira C.F. Cun cinco inicial formado por Jose Domínguez baixo paus, Fran e Adri como centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús e Junior polas bandas, Íñigo no mediocentro e Brais Santamaría en ataque, os locais saíron con gran intensidade e tiveron o dominio durante os primeiros vintecinco minutos, que se disputaron case exclusivamente no terreo de xogo defendido por un C. Xuventú Sanxenxo que apenas inquedou a meta verde e negra. Adri mediante un remate mordido tras o saque dun córner, Íñigo a través dun disparo dende fóra da área poñían unha vantaxe aparentemente cómoda coa que se chegaría ao descanso, unha vantaxe que aínda puido ser maior se acabase no fondo das mallas unha cabezada do propio Íñigo que impactou no longueiro. A ilusión que se extendeu polas bancadas de O Leixo, onde a enfervorizada afección non cesaba de animar, foi reducíndose na segunda metade. Agora o control pasou a mans dos de Sanxenxo. Sen crear claras ocasións de gol, os amarelos tratatan de achegarse unha e outra vez aos dominios de Jose Domínguez. Guiados dende a zona de creación por Yoel Pazos, o xogador máis determinantes dos da vila turística, vían como as súas maniobras eran cortadas por unha defensa na que Fran e Adri, apoiados por Javi, se amosaban moi seguros. Un balón bombeado de Brais Lores e outra acción similar de Yoel Pazos, que sorprenderon a Jose Domínguez, fixaban a igualada final no marcador, un resultado que puido variar se Manu Meixús culminase en gol unha gran xogada individual ou se os visitantes fixesen o mesmo tras unha serie de remates que taponaron con insistencia os defensores verdinegros. A próxima fin de semana o cadro que dirixe Luis Barral desprázase ata o campo de Monte Redondo, en Corón, onde tratará de conseguir un novo triunfo que o manteña na loita polo liderato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario