O equipo alevín do Armenteira C.F. disfrutou este xoves da primeira das dúas xornadas nas que vai participar na presente edición da fase previa do torneo internacional Arousa Fútbol-7 que, como cada ano, vén celebrándose durante a Semana Santa. A entidade de O Leixo non quixo faltar á súa cita e os xogadores e xogadoras que dirixen Luis e Alba Barral desprazáronse ata as instalacións deportivas de Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, para medirse a rivais da talla do C.D. Cuatrovientos, C.D. Areosa, Pabellón C.F. "C" e A.C.D. Ancorad´ouro F.S, cos que foi encadrado no grupo B. Este xoves foron os tres primeiros destes conxuntos os que puxeron a proba as súas forzas coas do Armenteira C.F., e permitiron que os futbolistas e a numerosa afección que os acompañou puidese vivir unha xornada de fútbol competición que está considerada entre as mellores da súa categoría en Europa. O madrugón, o primeiro partido tivo lugar ás 9:30 horas, non foi obstáculo para que pais, nais, irmáns e demais acompañantes non parasen de dar ánimos. A pesares das baixas de última hora de Jose Domínguez, Andrés Fernández e Javi, cubertas polos futbolistas do equipo benxamín Sara Otero e Brais Charlín, estes nenos e nenas saíron a defender con dignidade o nome dun clube e unhas cores que temporada a temporada van gañando prestixio no panorama fútbolístico da comarca e de Galicia. A foto oficial, realizada despois do primeiro partido, o almorzo de mañá e a compra de artigos e recordatorios clásicos deste tipo de eventos, entre os cales destacaron polo furor que desataron unhas botas da marca deportiva que patrocina o torneo, que polo seu baixo prezo case esgotaron existencias, marcaron a rutina dunha xornada que mañá volverá a repetirse para o Armenteira C.F.
Ningún comentario:
Publicar un comentario