Buscar neste blog

sábado, 15 de abril de 2017

A devoción concéntrase a partires deste domingo en A Armenteira

A Semana Santa é unha época de paixón relixiosa e A Armenteira convértese durante eses días nun dos lugares nos que se vive con máis fervor.  A popular Romaría das Cabezas reunirá a partires deste domingo a milleiros de fieis no entorno do mosteiro cirterciense. A talla da virxe que se venera, Nosa Señora das Cabezas, realizada en madeira policromada, e que destaca polo seu imponente tamaño, data do século XVII. Conta a lenda que esta virxe aparecéuselle a San Bernardo, e que ela, para agradecer a devoción deste monxe cisterciense, permitiulle probar unhas pingas do leite coa que amamantaba ao neno. Por iso a imaxe que se venera en A Armenteira aparece representada cun peito ao descuberto. Un amplo programa de oficios relixiosos desenvolverase na igrexa do mosteiro dende o domingo 16 de abril ata o domingo da semana seguinte, o segundo domingo de Pascua, no que se honra á Virxe dos Dolores. O día 16, o domingo de Pascua, as misas celebraranse dende as nove ata as doce da mañá e, xa pola tarde, dende as cinco ata as oito. O luns de Pascua, o día grande, as misas terán lugar dende as nove ata a unha en horario de mañá, e dende as cinco ata as oito á tarde. O domingo 23 os oficios relixiosos serán dende as nove da mañá ata as doce, e dende as cinco ata as oito da tarde. Agárdase que sexan moitos os devotos que se acheguen ata o templo para rendir culto a unha virxe á que os ofrecidos entregan multitude de exvotos de cera que representan sobre todo cabezas humanas, pois esta santa é avogada das dores e todos aqueles males relacionados con esta parte do corpo.




Ningún comentario:

Publicar un comentario