O campo de Monte da Mina, no barrio de Castrelos, en Vigo, foi o escenario da primeira vitoria do equipo feminino do Armenteira C.F. no que vai de temporada. Foi un triunfo por un gol a dous nun encontro disputado na tarde deste domingo ante a E.D.V.M. Pereiró C.F., na primeira ocasión que este conxunto, que vive o seu segundo ano de historia, visitaba a cidade olívica. O cadro que dirixen Marcial Prado e Junior Tirado presentou un once inicial con Ángeles baixo paus, Laura, Alessandra, Naomi e Fátima en defensa, Sofía, Diana e Iria no mediocampo, Paula e Yara polos costados e Ana Martínez como futbolista máis adiantada. Rapidamente tomaron vantaxe as verdinegras. Sofía, unha xogadora cunha calidade e un talento por enriba da maioría das que militan nos equipos deste grupo, culminaba unha acción individual e batía maxistralmente a Elisabeth Fernández. A superioridade visitante sería refrendada por Ana Martínez ao finalizar un contragolpe. Puideron sentenzar as de A Armenteira, pero nin Sofía, nin Yara, nin Ana Martínez, nin tampouco Paula tiveron fortunas nas claras ocasións das que dispuxeron. En cambio, nunha das escasas aproximacións das viguesas, unha falta de entendemento en defensa deixaría o coiro nos pés de Lucía Atanes, que recurtaría distancias. Na segunda metade, o Armenteira C.F. xa sen Iria nin Ángeles, que se viron obrigadas a retirarse do terreo de xogo con sendas lesións, disfrutou de novo de varias oportunidades para ampliar a súa bagaxe. A falta de acerto e o desgaste físico das visitantes, que foron perdendo a orde táctica a medida que as forzas as ían abandonando, deron emocións a uns minutos finais nos que a E.D.V.M. Pereiró C.F. buscaba achegarse á meta defendida por Karla. Algún lanzamento de media distancia e unha cabezada das locais levaron o nerviosismo á afección verdinegra que nun número importante se trasladou ata Vigo. Pero as rapazas que dirixe Marcial Prado demostraron que tamén saber sufrir e souberon sacar adiante un partido e lograr un traballado e merecido triunfo que coloca os tres primeiros puntos no seu casilleiro cando se levan disputado tres xornadas de liga. O próximo domingo o equipo feminino do Armenteira C.F. recibirá no campo de O Leixo, á S.D. Chispa, unha escadra caracterizada pola calidade e a exquisitez técnica das súas xogadoras, e que se sitúa xa na cuarta posición con seis puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario