O Armenteira Veteranos caiu derrotado por un gol a catro na tarde deste sábado no partido que disputou no campo de O Leixo ante o Romai-Viveiros Outón, un dos equipos con maior potencial e que se atopa entre os máximos favoritos a ocupar os postos altos da táboa. Foi nun encontro que se decidiu no inicio da segunda metade, en cinco minutos fatídicos para o cadro verdinegro. O conxunto local presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Carlos, Óscar e Portas en defensa, Marcial, Martín, Rafa e Joseíño na liña de medios, e Galiñanes e Jorge Castro en ataque. Tras unha saída fulgurante dos de Romai, o Armenteira Veteranos foi sacudíndose do dominio do rival e sentíndose pouco a pouco máis cómodo sobre a superficie de area de O Leixo. Nunha das aproximacións dos verde e negros Martín Casais sería obxecto dun penalti que sería transformado por Jorge Castro. Pouco duraría a alegría para a escadra local, xa que outra pena máxima, neste caso a favor dos do concello de Portas, era convertida en gol por Quique Villadamigo. Coa igualada ao descanso todo facía presumir un encontro equilibrado, pero, na reanudación, cinco minutos de infortunio acabaría condenando ao Armenteira Veteranos. Quique Villadamigo en dúas ocasións e Felipe Lafuente, en tantos de factura similar, porían a sentenza e restarían emoción aos minutos restantes. A fortaleza física e o maior ritmo de xogo do equipo visitante serviría para superar a un conxunto verdinegro que se plantaba en O Leixo coas importantes ausencias de Javi e Manueliño, sancionados con un e seis partidos respectivamente tras o partido disputado o pasado sábado en Godos. O próximo sábado o Armenteira Veteranos vivirá unha das citas máis agardadas da temporada, o derbi municipal na categoría de veteranos que o enfrontará no recentemente remozado campo Municipal de Meis ante o C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario