O equipo infantil do Armenteira C.F. conseguiu unha contundente vitoria por oito goles a cero no que era o seu primeiro partido da liga 2017/2018. Foi no campo de O Leixo ante a C.D. Portas nun encontro no que Luis Barral presentou un once inicial formado por Sergio Casal en portería, Migui, Xoán, Adri e Fran en defensa, Íñigo, Hugo e Carlos na liña de medios, Manu Meixús e Junior polos costados, e Mosteiro en ataque. Axiña se puxo de manifesto a comodidade coa que os rapaces e rapazas que locen a camisola verdinegra solventaron o encontro. Un balón en profundidade foi aproveitado por Mosteiro, convertido esta campaña nun atacante potente e rompedor, para bater David Angueira. Unha incursión ata a área pequena de Manu Meixús serviría para por o dous a cero coa colaboración dun defensa visitante. A partires de entón o dominio do Armenteira C.F. continuou sendo aplastante sen que os futbolistas do conxunto das terras do Umia conseguirán inquedar practicamente en ningunha ocasión á meta defendida por Sergio Casal no primeiro período e por Jose Domínguez no segundo. Mosteiro por partida dobre, Manu Meixús, Adri de penalti, Íñigo, Carlos, Fran de lanzamento de falta e Migui serían os goleadores dun triunfo que supón un inicio de liga máis ca ilusionante para esta xeración de futbolistas na que tantas esperanzas ten postas a parroquia do Armenteira C.F. esta temporada. A próxima fin de semana, os nenos e nenas que dirixe Luis Barral deberán desprazarse ata o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, para medirse a un esixente rival, o Céltiga F.C., que vén de vencer por un gol a cinco ao Vilalonga F.C. nesta primeira xornada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario