C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto e Armenteira Veteranos repartíronse os puntos no partido correspondente á terceira xornada da Segunda Galicia Veteranos, Grupo 1, que se disputou na tarde deste sábado nun renovado campo Municipal de Meis. Sobre a alfombra de céspede artificial recentemente instalada nas instalacións deportivas da capital do concello de Meis estes dous conxuntos libraron un novo duelo de rivalidade que non estivo exento de polémica. O cadro de A Armenteira presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Óscar Muñiz, Óscar Barreiro e Portas en defensa. Richi. Carlos, Martín e Rafa no mediocampo, e Galiñanes e Jorge Castro na dianteira. Comezaron os locais tomando a iniciativa, baseados nunha maior fluidez na circulación do balón e buscando unha e outra vez a Ricardo Fernández, un futbolista de enorme calidade e, sen dúbida, o seu gran referente sobre o terreo de xogo. As caídas á banda esquerda do ex-futbolista do Pontevedra C.F. na Segunda División B do fútbol español e actual adestrador do Zacande F.C. foron un continuo pesadelo para a zaga verdinegra. A intensa marcaxe a as faltas coas que trataban de deter os avances deste talentoso zurdo provocaban as protestas dos locais ante as que sucumbía un colexiado excesivamente endeble ante a presión dos xogadores. Pouco a pouco foi atopando o Armenteira Veteranos o camiño da portería contraria. A forza e a loita de Jorge Castro en ataque abría ocos na defensa rival. Sería o propio Jorge Castro o encargado de inaugurar o marcador ao converter unha pena máxima sinalada por Otero Martínez tras unha man no interior da área dun defensor local. No segundo período, un e outro equipo, abonados á inspiración nos metros finais de Ricardo Fernández e Jorge Castro buscaban a meta contraria a medida que as forzas ían abandonando a estes experimentados futbolistas. E sería dos pés de Ricardo de onde nacería a igualada para o C.D. Mosteiro-Cafetería Impacto. Un balón colgado polo mediapunta de Zacande era recollido por Jose Enríquez na área pequena para superar a Jose Outón e situar o empate a un co que rematarían os noventa minutos. Pouca historia tería o resto do encontro no que o máis salientable foi a expulsión de Joseíño cando se dispoñía a entrar no terreo de xogo para substituír a un compañeiro. As protestas polo trato desigual co que o colexiado estaba sancionado a reiteración de faltas do equipo local tiveron como resposta un dobre cartón amarelo que enviou á ducha antes de tempo ao extremo de Valboa. Con este resultado o Armenteira Veteranos finaliza a xornada na décima posición con dous puntos, á espera de recibir o próximo sábado no campo de O Leixo ao Albariño Veteranos, segundo clasificado con nove puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario