Buscar neste blog

domingo, 3 de setembro de 2017

S.D. Pontearnelas e C.D. Ribadumia triunfan no Trofeo San Ero 2017

A S.D. Pontearnelas e o C.D. Ribadumia resultaron triunfadores nos torneos celebrados na tarde do pasado sábado no campo de O Leixo, en A Armenteira, e que congregaron a numerosos afeccionados e afeccionadas nas instalacións deportivas situadas no lugar de O Busto.

A xornada comezou co Trofeo San Ero 2017 de categoría benxamín, que se abriu co partido entre o Unión Dena C.F. e o Armenteira C.F. Nun encontro no que o dominio correspondeu durante a maior parte do tempo ao cadro local o gol de Brais Charlín parecía encarrilar a eliminatoria para a escadra que adestran Jonathan Crespo e Eva López. Pero un infortunio defensivo permitiu que o Unión Dena C.F. lograse a igualada e, na quenda de penaltis superase ao Armenteira C.F. Na outra eliminatoria a S.D. Pontearnelas disputaron un duelo moi equilibrado, de alto nivel competitivo, que se acabarían levando os vilanoveses nos lanzamentos dende os dez metros. Armenteira C.F. e Umia C.F. mediríanse a continuación na eliminatoria polo terceiro e cuarto posto, que sería para os de Barrantes, vencedores por catro tantos a cero. O mesmo resultado daríase na gran final, na que a S.D. Pontearnelas superou con comodidade ao Unión Dena C.F.

No Trofeo Triangular San Ero 2017 de categoría infantil o C.D. Ribadumia e o Unión Dena C.F. foron os encargados de inaugurar a competición. O conxunto aurinegro mostrou o gran potencial que posúe e venceu con claridade por catro goles a cero aos de Meaño, que tamén viron como o Armenteira C.F. os superaba sen demasiados apuros por sete tantos a cero. A tenor deste resultados o terceiro partido presentábase como a gran final. Baixo un sol de xustiza C.D. Ribadumia e Armenteira C.F. medíronse nun duelo no que os visitantes tomaron o control do esférico dende os primeiros minutos. O cadro que nesta ocasión dirixiu Jonathan Crespo resistiu con orde e intensidade defensiva ata que o cansanzo e velocidade coa que o equipo aurinegro movía o balón acabou por romper o seu entramado defensivo. Por cinco goles a cero acabaría gañando o conxunto de A Senra, que lle outorgaría de forma merecida o trofeo de campión.

Foi sen dúbida unha xornada intensa de fútbol en O Leixo. Unha elevada afluencia de público e un animado ambiente, amenizado pola alborada da festa na honra de San Ero que se celebraba na parroquia, e que se desprazou ata estas instalacións deportivas para levar o son das gaitas e o estruendo dos foguetes. O cumio das competicións puxérono a entrega de trofeos, que corresponderon a Vanessa Torreiro, Iván Borrageiros, Jorge Dávila e Miro Guzmán no caso do trofeo de categoría benxamín, e a Víctor Saborido, Tino Melón e Rubén Serén, representante da Comisión de Festas O´Noso, no caso do trofeo infantil.














Ningún comentario:

Publicar un comentario