Buscar neste blog

venres, 1 de setembro de 2017

A vendima obriga a aprazar o partido entre o San Martín C.F. e o Armenteira C.F. de categoría xuvenil

As numerosas ausencias que o equipo xuvenil do Armenteira C.F. ía ter este sábado para o partido fronte ao San Martín C.F. que tiña previsto disputarse a partires das 19:00 horas no campo Municipal de Vilaxoán obrigou a que a Xunta Directiva da entidade verdinegra se vise obrigada a negociar co cadro local a suspensión deste encontro. O inicio das vendimas, na que boa parte dos xogadores e as súas familias están inmersos, deixaban ao conxunto que dirixe Valentín Estévez "Tilín" con apenas nove efectivos para unha cita de vital importancia na preparación dunha temporada na que o clube de O Leixo ten postas moitas esperanzas. O acordo establecido co Umia, do cal o equipo xuvenil do Armenteira C.F. exercerá de filial, é quizais a principal aposta do clube verdinegro para esta campaña. A calidade dos compoñentes do plantel, procedentes tanto das categorías de fútbol base do Umia C.F. como do Armenteira C.F., así como o excelente traballo do equipo técnico encabezado por Valentín Estévez "Tilín" e co que tamén colaboraron de forma decisiva Lucas Torres e Jorge "Jito" Quintana deu xa os seus froitos nos dous encontros de pretemporada disputados. Un empate a dous goles ante a S.C.D. Salcedo e un triunfo por dous tantos a seis ante a S.D. Chispa son a mellor mostra deste bo facer. Por desgraza para os afeccionados e afeccionadas este sábado non se poderá disfrutar do fútbol vistoso que estes rapaces soen ofrecer. Haberá que agardar ata a próxima fin de semana cando, se as vendimas o permiten, teña lugar o Trofeo Divina Pastora´2017 de categoría xuvenil, no que xa está confirmada a presenza da S.D. Pontearnelas e do Unión Dena C.F.




Ningún comentario:

Publicar un comentario