Buscar neste blog

sábado, 30 de setembro de 2017

Cómodo triunfo do equipo xuvenil do Armenteira C.F. en Dena

O equipo xuvenil do Armenteira C.F. conseguiu un cómodo triunfo por dous goles a catro no partido disputado na mañá deste domingo no campo de As Cachizas ante o equipo local do Unión Dena C.F. O cadro adestrado por Valentín Estévez "Tilín" presentou un once inicial con Roberto Torres na portería, Gabriel, Sergio Nogueira, Javi e Rafa en defensa, Cristian Cores, Jona, Mathias e Cristian Abal no mediocampo, Hilias na mediapunta e Alberto en ataque. Sen claras ocasión no inicio o Armenteira C.F. foi pouco a pouco facéndose co control do xogo. A posesión pertencía aos verdinegros que non conseguían traducir o seu dominio en oportunidades claras de gol. Sería no minuto 42 cando Cristian Abal culminaba na área unha internada pola banda esquerda e batía con sutileza a Miguel Outón. Non houbo tempo para celebracións para os de Tilín e, ao fío do descanso, un contragolpe do Unión Dena C.F. no que os visitantes relaxaron a presión daba co coiro nos pés de Eloy Gómez para poñer a igualada. No segundo período a tónica continuou sendo a mesma. O dominio seguía correspondendo ao Armenteira C.F., pero, neste caso, con máis acerto ante a meta contraria. E iso veu da man de Cristian Abal, un veloz e habiloso extremo que, primeiro rematando na área pequena unha xogada persoal, o logo cabeceando ante a saída do meta rival, anotaría dous tantos máis para completar o seu particular hat-trick e pór terra de por medio para o seu equipo. Con todo, a alegría non sería absoluta para o futbolista de Vilariño, xa que o golpe recibido do meta Miguel Outón no seu intento de evitar o gol causaríalle un forte golpe no nariz que o obrigaría a abandonar o terreo de xogo minutos despois. A sentenza definitiva correría a cargo de Alberto, que colocaría unha elegante vaselina no fondo das mallas dos de As Cachizas. Nos minutos finais a nota curiosa foi o debut como xogadores de campo de Marin e David Piñeiro, habituais gardametas, e que, ante a falta de efectivos, tiveron que exercer de improvisados dianteiros. Tamén tivo a súa oportunidade Rubén, que se estreaba coa camisola vermella esta temporada en partido oficial. A baixada de ritmo do Armenteira C.F. permitiu que José Sanmartín puidese acurtar distancias para a escadra local cando o encontro chegaba á súa fin. Con esta vitoria o conxunto xuvenil que representa o proxecto común de Umia C.F. e Armenteira C.F. para a temporada 2017/2018 sitúase na cuarta posición con catro puntos, á espera do partido que no que se medirá ao C.D. Bamio a próxima fin de semana no campo de A Bouza, en Barrantes.


Ningún comentario:

Publicar un comentario