Buscar neste blog

sábado, 9 de setembro de 2017

O Armenteira Veteranos saca un empate en Godos nun partido no que rematou con nove xogadores

O Armenteira Veteranos sacou un valioso empate no que era o seu primeiro partido da liga 2017/2018. Foi no campo de Godos, un dos poucos campos da contorna, xunto co de O Leixo, que aínda conta cunha superficie de terra. O clube verdinegro presentou unha formación inicial con Joserra baixo paus, Jorge Dávila, Portas, Carlos e Richi en defensa, Marcial, Javi, Jorge Castro e Rafa na liña de medios, e Manueliño e Galiñanes en ataque. Custoulle aos de A Armenteira Veteranos adaptarse ás dimensións do terreo de xogo, cunha lonxitude escasa en relación coa anchura. O cadro local, o Godos C.F. Veteranos, aproveitaba o dominio destas circunstancias para enviar balóns longos en diagonal que a duras penas trataban de repeler os centrais e os laterais visitantes. Nunha desas xogadas Álvaro Abalo adiantaría aos locais. Unha indecisión entre o porteiro e a defensa deixaría o coiro nos pés de José Fresco para por os dous a cero para os de Caldas. Pero entón chegou o recital de Jorge Castro. O portentoso futbolista deVilar recurtaría distancias e ao fío do descanso fixaba a igualada no marcador. Na segunda metade o Armenteira Veteranos mostrouse moito máis asentado e tomou o mando do xogo. Pero, de novo Álvaro Abalo, sacaría proveito da endeblez defensiva que exhibiu na tarde deste sábado o conxunto verde e negro e, tras recibir na área, xirouse e bateu a Jose Outón, que exerceu de gardamallas neste segundo período. Non desistiu o Armenteira Veteranos e seguiu buscando a portería contraria. Coa loita constante de Manueliño e Jorge Castro como principal arma os de A Armenteira conseguiron o merecido agasallo ao seu traballo co terceiro tanto, acadado novamente por Jorge Castro. Cando parecía posible a remontada unha discutida decisión do colexiado  Padín Ordóñez, demasiado nervioso e inseguro dende o inicio, provocou as protestas dos visitantes. O resultado foi a expulsión tras doble cartón amarelo de Javi e Manueliño, que se uniron ao repertorio de cartolinas que recibiron os de O Leixo. Tamén Jorge Castro, Portas, Martín e Jorge Dávila foron amonestados. Os últimos minutos foron insignificantes. O Armenteira Veteranos resistiu sen problemas con dous homes menos e lograría un xusto resultado de empate a tres, que aínda puido ser mellor de non ser polos despistes defensivos que permitiron os goles dos de Godos. A próxima fin de semana o cadro verdinegro recibirá no campo de O Leixo ao Romai-Viveiros Outón, un dos principais favoritos a ocupar os postos altos da táboa e ao que non deron vencido nos dous encontros que disputaron a pasada temporada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario