A primeira xornada de participación do equipo alevín do Armenteira C.F. na presente edición da fase previa do torneo internacional Arousa Fútbol-7 estivo marcada sobre todo por un feito: as condicións meteorolóxicas adversas. O frío, a choiva, en forma de saraiba a veces e o vento foron as notas predominantes dun día de fútbol que viu como estas circunstancias desluciron un dos mellores espectáculos que pode ofrecer esta deporte nas categorías de base a nivel estatal. Para o Armenteira C.F. foi unha xornada intensa e compricada. Á mañá tivo que facer fronte ao Bertamiráns F.C. "C", un conxunto dunhas das escolas de fútbol máis emerxentes de Galicia. Xa en horario de tarde, cambiou o escenario do Manuel Jiménez polo campo de A Pelada, en Faxilde, ao que a organización trasladou parte da competición debido á dificultade que podería supoñer disputar varios partidos no campo de herba natural de Fontecarmoa, habilitado en principio como campo número 3. En Faxilde mediuse á U.D. Barbadás, outra potente escola de formación no deporte do balompé da área metropolitana de Ourense. A meteoroloxía foi respectuosa ata ese momento. Pero cando a expedición da entidade verde e negro se trasladaba de novo cara Fontecarmoa para afrontar o último partido da xornada desatouse o temporal. Unha explosión de vento e saraiba fixo voar vallas, lonas, banquillos e o outros elementos publicitarios que adornadas o escenario principal da competición. Foi preciso suspender o desenvolvemento do torneo durante aproximadamente unha hora, un parón tras a cal o equipo que dirixen Luis e Alba Barral tivo ante si o que a priori era o rival máis compricado do grupo: o Areosa C.F. A potente escadra viguesa, unha das máis fortes de Galicia, non deu opción algunha aos nenos e nenas do clube de O Leixo. Con dignidade, loitando e dando a cara na medida do posible asumiron o reto. A gran actuación de Sara Otero na portería arrincou os aplausos do público e atraeu os flashes das cámaras que inmortalizan cada momento deste evento deportivo. Quizais esta acabe sendo a mellor lembranza que deixe o Armenteira C.F. nesta edición da Arousa Fútbol-7. Unha lembranza que quedará marcada igual que as rozaduras nas pernas da futbolistas de Vilariño, que non soportaron o ímpetu que puxo nas numerosas ocasión nas que se lanzou a polo balón. O venres 30 de marzo será a seguinte e última cita para a escadra verde e negra no torneo, e será ante outro rival de gran rival, o conxunto coruñés do Oza Juvenil S.D.
Buscar neste blog
xoves, 29 de marzo de 2018
mércores, 28 de marzo de 2018
Unha oportunidade para a economía local
A celebración das festas de Semana Santa en A Armenteira representa unha gran oportunidade para os negocios e as actividades económicas da parroquia. Os locais de hostalaría do entorno do mosteiro cisterciense recadan estes días boa parte dos seus ingresos anuais. Pero tamén é a ocasión para conseguir un emprego para moitas persoas do lugar. Con carácter eventual e durante apenas uns días mozos e mozas e tamén xentes de idade máis avanzada logran un aporte económico fundamental para o sustento dunhas familias ás que a crise e a inestabilidade laboral levan ameazando dende fai unha década. Para a Comisión de Festas O´Noso a recadación destes días é clave para poder realizar os festexos que organizan ao longo do ano. O mesmo ocorre para a comisión encargada dos oficios relixiosos, que recibe numerosas e cuantiosas ofrendas que os fieis depositan á Virxe das Cabezas coa esperanza de que interceda para curalos dos seus males. Entidades sen ánimo de lucro procuran tamén sacar partido deste relativo boom da economía local. O Armenteira C.F., sempre aberto a iniciativas emprendedoras e innovadoras, decidiu instalar un espazo gastronómico e de ocio no último treito da Ruta da Pedra e da Auga. O pasado ano xa levara a cabo unha iniciativa similar, pero desta volta decidiu potenciala para intentar axudar a sufragar o elevado número de gastos que soporta unha entidade deste tipo. Un aplicado equipo de colaboradores, dirixido pola Xunta Directiva, afánase estes días en preparar un espazo no que o fútbol non deixará de estar presente, aínda que neste caso cederá protagonismo aos cafés, ás copas, ás tapas, aos bocadillos ou aos deliciosos menús que ofrecerán na súa carta. E todo por unha finalidade máis ca loable: manter viva a ilusión dos nenos e nenas dun clube que leva con orgullo o nome dunha parroquia que vive estes días os seus momentos máis grandes.
A Armenteira prepárase para as súas festas máis populares
A parroquia de A Armenteira vive estes días nun ambiente especialmente festivo. Tan só a ameaza de choiva parece poñer en perigo a celebracións duns festexos que converten durante a Semana Santa a este lugar nas ladeiras do monte Castrove nun dos centros neurálxicos da comarca de O Salnés. Esta tranquila paraxe cambia nesta época do ano o seu aspecto e adopta un colorido especial. A elo contribúen as furgonetas e camións dos vendedores ambulantes e a presenza de numerosos camiñantes que se achegan ata o entorno do mosteiro cisterciense pola Ruta de Pedra e da Auga, entre os cales está un dos máis habituais, o presidente do Goberno de España Mariano Rajoy, que se deixou ver este xoves pola zona. Pero os días fortes serán o a partires do domingo 1 de abril. Abrirá o programa a XVI Festa da Xuventude, que contará coa actuación dos grupos Picadura e Champurada e coa ambientación musical DUE. A máxima efervescencia festiva terá lugar o luns de Pascua, o 2 de abril coa celebración da romaría popular na honra da Virxe das Cabezas, na que se mesturan fervor relixioso, espíritu deportivo e aventureiro, gañas de disfrutar da natureza e da paisaxe, e, principalmente, festa na máxima expresión da palabra. Andando a través da Ruta da Pedra e da Auga ou das diversas vías que conducen ao lugar, en bicicleta, a cabalo ou en coche, agárdase que se conten por miles os visitantes que accedan ata o lugar. O peche do programa festivo virá coa celebración da verbena na honra da Virxe dos Dolores, que convocará aos festeiros e festeiras na noite do sábado 7 de abril no campo da festa para deixarse levar polos pegadizos ritmos das orquestras D`Moda e Jerusalén. Dende a Comisión de Festas O`Noso, responsable da organización deste programa de eventos só desexan que o tempo acompañe. As previsión meteoróloxicas adversas son a principal preocupación dos membros desta veterana asociación, así como de todas aquelas persoas que levan tempo facendo plans para disfrutar dos tradicionais "días de A Armenteira".
O Armenteira C.F. xuvenil paga caros os erros na segunda parte en O Terrón
FICHA TÉCNICA
E.F.B. VILANOVA - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Marin; Gabriel, Diego Berreco, Fari, Bufi; Roberto Trigo, André, Mathias, Adrián Castro; Josiño e Alberto
GOLES: 1-0. Minuto 12. Roi Estévez. 2-0. Minuto 58. Roi Estévez, de penalti. 3-0. Minuto 75. Roi Estévez.
ÁRBITRO: Balboa Torres. Mostrou cartóns amarelos a Alejandro Brea e Roi Estévez por parte da E.F.B. Vilanova e a Hilias por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo segunda xornada, grupo 9, disputado no campo de O Terrón, en Vilanova de Arousa, ante uns cincuenta espectadores, nunha fresca e nubrada e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. caiu derrotado por tres goles a cero ante a E.F.B. Vilanova no partido disputado na tarde deste mércores no campo de O Terrón. Tratábase dun encontro que debía disputarse o pasado 11 de marzo, pero que a Real Federación Galega de Fútbol decidira suspender, ao igual que o resto da xornadas nas categorías de base, debido á chegada dun forte temporal. O partido deste mércores tivo dúas partes ben distintas. A primeira foi de relativo equilibrio entre os dous conxuntos, cun Armenteira C.F. incluso superior, mentres que na segunda o cadro verdinegro acabou sucumbindo vítima dos seus propios erros. Cando semellaba que a E.F.B. Vilanova ía imprimir un intenso ritmo dende o inicio, tal e como fixera no encontro de volta en A Bouza, os primeiros minutos foron de tanteo e, pouco a pouco, o equipo visitante sentíase máis cómodo sobre o terreo de xogo. O fútbol tiña lugar na metade do campo defendida polos de Vilanova O Armenteira C.F. mostrábase moi seguro en defensa, cun Gabriel cada vez máis asentado na zona do lateral dereito e cunha parella de centrais na que destacaba a solidez de Fari e a irredutibilidade dun Diego Berreco pletórico. No mediocampo o dono indiscutible do xogo era André, con Mathias como organizador e con Roberto Trigo desequilibrando coa súa velocidade pola banda dereita, con Adrián Castro, menos activo que de costume, desbordando pola esquerda. Josiño aportaba detalles de calidade na mediapunta e Alberto ofrecía coma sempre entrega e sacrificio ao máximo no seu papel de referente en ataque. O perigo dos locais limitábase a algún contragolpe aillado, ás accións a balón parado ou ás situación de falta de entendemento entre o porteiro e os defensas. Unha xogada na que Marin estirou o pé esquerdo para evitar sobre a liña de gol que o balón entrase foi o aproximación máis comprometida dos vilanoveses. Disfrutou de varias ocasións claras o Armenteira C.F. Roberto Trigo, Adrián Castro ou Alberto non deron acertado coas mallas defendidas por Iván Carballo. De todas elas a máis clara tívoa Adrián Castro, que, tras unha excepcional combinación en ataque, enviou coa porta valdeira o coiro por enriba do longueiro. Na segunda metade o panorama parecía manterse ata que os erros dos visitantes resultaron decisivos. Unha asistencia a Roi Estévez tras unha falta sacada polo seu equipo de forma rápida remataba cun magnífico disparo do atacante vilanovés, ante o que nada podía facer Marin. Pouco despois, Gabriel deixaba o pé arrastrado no chan, feito que foi aproveitado por un dianteiro local para deixarse caer. A pena máxina sería convertida por Roi Estévez, que sería asimesmo o autor do terceiro tanto dos seus, cando o Armenteira C.F. estaba rendido e o cadro local tocaba, triangulaba e chegaba polos costados sen atopar demasiada oposición por parte dun rival descontento consigo mesmo e coa súa escasa fortuna. Deu unha aceptable imaxe a escadra dirixida por Valentín Estévez "Tilín", que exhibiu unha versión competitiva aínda que inocente en determinados aspectos. Esta inocencia e a falta de picardía en certos momentos acabaron sendo claves na tarde deste mércores en Vilanova de Arousa. A próxima cita para o Armenteira C.F. xuvenil será a fin de semana do 7 de abril no campo da Área Recreativa de A Toxa ante o Meaño F.C., pechacancelas do grupo, pero que no partido da primeira volta fora quen de arrincar un punto na súa visita a A Bouza.
martes, 27 de marzo de 2018
Boa primeira metade, pero con escaso acerto do Armenteira C.F. alevín en Portonovo
FICHA TÉCNICA
PORTONOVO S.D. "B"- ARMENTEIRA C.F. - 5 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Matilde; Álex Grigorio, Andrés, Sara Otero; Brais Santamaría, Estela, Mateo; e Aldara. Tamén xogaron Brais Charlín, Ramón e Óscar.
GOLES: 1-0. Minuto 16. Pablo Outeda. 2-0. Minuto 41. Pablo Outeda. 3-0. Minuto 42. Roi Varela. 4-0. Minuto 43. Unai Aguín. 5-0. Minuto 49. Unai Aguín.
ÁRBITRO: Argibay Suárez. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sexta xornada da Terceira alevín, Grupo 61, disputado na tarde deste martes no campo de Baltar de Arriba (PORTONOVO), nunha tarde soleada e primaveral ante uns trinta espectadores e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo alevín do Armenteira C.F. caiu derrotado por cinco goles a cero ante o Portonovo S.D. no partido correspondente á décimo sexta xornada que debía terse disputado o pasado 24 de febreiro, pero que foi aprazado no seu día a petición do conxunto local. Foi nun encontro desigual por parte da escadra que dirixen Luis e Alba Barral, que foi clara dominadora durante a primeira metade, e que acabou pagando o seu escaso acerto ante a portería contraria ante un rival con maior capacidade na distribución do xogo e con calidade na definición. Cando parecía que ía ser un encontro cómodo para o Portonovo S.D. os primeiros minutos comezaron a contradecir estes pronósticos. Trataban de combinar e asumir o control os rapaces e rapazas do cadro local, pero os seus pases eran interceptados polos futbolistas verdinegros, que, guiados dende a zona do mediocentro por Estela, armaban rápidas transicións e plantábanse con frecuencia ante a meta defendida por Manuel Galiñanes. Case todas estas accións remataban nos pés de Aldara, pero non tivo fortuna a dianteira de O Freixo nas numerosas ocasións nas que se viu cara a cara co gardamallas local. Tamén Brais Santamaría estivo a piques de adiantar ao Armenteira C.F. de non ser porque un defensor local sacou o coiro da liña de gol. Non perdoou en cambio o equipo de Baltar, que tras un magnífico contragolpe soubo mover o balón polo borde da área ata que o Pablo Outeda atopou un oco para disparar e superar a estirada de Sergio Matilde. Resignados pola súa escasa fortuna os nenos e nenas do clube de A Armenteira trataron de reaccionar no segundo período. Con dous xogadores de categoría benxamín como Brais Charlín e Óscar como revulsivos, a estratexia de Luis e Alba Barral non deu os froitos agardados nesta parte. Houbo algunha oportunidade para os visitantes, pero o dominio foi pasando de forma paulatina ao Portonovo S.D. De novo Pablo Outeda, Roi Varela, e Unai Aguín por partida dobre porían o cinco a cero que resultaría definitivo. Algunha intervención de enorme mérito de Sergio Matilde, que arrincou os aplausos do público, evitou que a derrota fose maior. O gardamallas de Vilariño estase confirmando partido tras partido como unha das máis firmes promesas da canteira de O Leixo e nun dos baluartes dun equipo alevín que está facendo fronte de forma decente a unha temporada que se presentaba compricada. Como curiosidade cabe destacar que A Armenteira non só estivo representada no campo de Baltar de Arriba polos nenos e nenas do seu equipo alevín, senón que no cadro local milita tamén un xogador con raíces nesta parroquia e pertenecente a unha familia moi implicada nas actividades que nela se desenvolven. Ero García, que xa no seu nome leva a identidade das súas orixes, luciu o dorsal 15 da elástica branca e azul, aínda entre os seus soños está defender algún día as cores do clube da terra dos seus devanceiros. Non haberá descanso para o equipo que dirixen Luis e Alba Barral, pois este mércores volven á competición co partido ante a A.J. Lérez "C" correspondente á décimo oitava xornada e que a Real Federación Galega de Fútbol aprazara a causa do temporal. Será a partires das 19:00 horas no campo de A Xunqueira 1-Fútbol-8 e ante un rival que ocupa o cuarto posto na clasificación con trinta e nove puntos. Unha dura proba para este grupo de nenos e nenas que viven unhas das semanas máis intensas de fútbol das súas vidas, pois ao partido deste martes en Portonovo, e ao deste mércores en Pontevedra sumarase a participación no prestixioso torneo Arousa Fútbol-7 2018 durante o xoves e venres.
luns, 26 de marzo de 2018
Escasa recompensa para o Armenteira C.F. infantil tras un partido pleno de intensidade
FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - MARCÓN ATLÉTICO - 1 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Casal; Sara Rey, Xoán, Javi, Fran; Carlos, Hugo, Íñigo; Migui, Manu Meixús e Adri. Tamén xogaron Jose Domínguez e Jeffrey.
GOLES: 0-1. Minuto 12. Raúl González. 1-1. Minuto 43. Adri
ÁRBITRO: Martínez Martínez. Mostrou cartón amarelo a Xoán por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da sétima xornada da segunda fase da Segunda autonómica infantil. Grupo 62A, disputado no campo de O Leixo, en Armenteira, ante uns setenta espectadores, nunha fresca e nublada e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
Os equipos de categoría infantil de Armenteira C.F. e Marcón Atlético repartiron puntos no partido disputado na tarde deste luns no campo de O Leixo. Era un encontro que debía terse disputado o pasado 10 de marzo, unha fin de semana na que debido á chegada dun forte temporal a Real Federación Galega de Fútbol suspendera os partidos que se debían xogar no sábado e na mañá do domingo. O encontro deste luns enfrontaba a dous rivais directos, distanciados na clasificación por apenas un punto, que ofreceron un magnífico espectáculo a unha afección que case encheu unhas bancadas nas que fai tempo que non se lembraba un ambiente tan animado como o desta tarde-noite. E, de feito, a asistencia pasou a pena. O elevado ritmo de xogo, as numerosas ocasións e a intensidade e emoción que se mantiveron ao longo dos oitenta minutos fixeron desta unha función futbolística inesquecible. Nada máis comezar o partido Migui non foi quen de resolver un man a man ante o gardamallas Uxías Raposeiras, sen dúbida o futbolista máis destacado dos pontevedreses este luns. A desgraza para o Armenteira C.F. viría uns intres despois, cando Raúl González colaba un lanzamento directo de córner nas mallas defendidas por Sergio. Tratou de reaccionar o cadro local, que atopaba no carril esquerdo a principal vía de entrada cara as inmediacións da meta contraria. A presenza de Migui nese costado, no que xa dera unha exhibición o pasado sábado ante a E.F.B . Vilanova, hat-trick incluído, pareceu dar un novo aire ao conxunto que dirixe Luis Barral. Migui, Manu Meixús e Adri, que tamén mudou a súa posición no centro da defensa para converterse no referente en ataque, conforman unha tripleta que nada ten que envexar a calquera dos equipos do grupo. Migui en varias ocasións e Manu Meixús culminando un contragolpe e tras un lanzamento de falta disfrutaron de claras oportunidades de gol antes de ires ao descanso, pero volvéronse atopar coa enorme seguridade baixo paus que mostrou o meta dun Marcón Atlético que non dubidada en aproveitar os espazos que deixaban os locais para armar rápidos contraataques valéndose principalemente da velocidade dos seus atacantes por banda. Tras a reanudación o dominio pasou a ser case exclusivo do Armenteira C.F. Unha gran asistencia de Íñigo permitía a Adri poñer a igualada, e a partires de entón tivo lugar o asedio. Co Marcón Atlético pechado no seu campo os rapaces que adestra Luis Barral deron unha auténtica exhibición de traballo, entrega e intensidade. Deixándose a pel sobre o campo trataban de non dar un balón por perdido e buscaban unha e outra vez a meta contraria. Quizais foi abuso dos balóns elevados e a falta de serenidade nos metros finais os que impediron que chegase a merecida recompensa. Adri, Manu Meixús, Hugo ou Íñigo tiveron nos seus pés a posibilidade de poñer por diante ao seu equipo. Estaba claro que non era un día para probar puntería. A medida que a noite se apoderaba do campo de O Leixo e a néboa contribuía a reducir aínda máis a visibilidade as forzas dos locais comezaban a minguar, feito do que pretendeu sacar partido o Marcón Atlético nos últimos minutos. Un par de faltas sinaladas polo colexiado Martínez Martínez e moi discutidas pola bancada local, levaron o susto a unha afección verdinegra que viviu un final de infarto. Afortunadamente para o Armenteira C.F. os visitantes tampouco estiveron acertados nestas accións e o encontro finalizaba cun empate a un goles, un resultado que, a tenor do observado sobre todo no segundo período, acabou tendo un sabor amargo para a escadra verde e negra. Exhaustos, esgotados polo tremendo esforzo realizado e decepcionados pola escasa fortuna ante o marco adversario os rapaces do equpo infantil do Armenteira C.F. recibiron unha merecida ovación por parte dunha afección que non deixou de berrar durante os oitenta minutos. O mesmo ocorreu cos rapaces do conxunto de Marcón, que tamén obsequiaron á afección cunha gran mostra de entrega e un espírito altamente competitivo. Con este resultado o equipo que dirixe Luis Barral sitúase na oitava posición, con once puntos, a un do rival deste luns. A próxima cita será na fin de semana o 7 de abril en Pontevedra ante o Salgueiriños C.F. "C", quinto clasificado con quince puntos.
xoves, 15 de marzo de 2018
A organización veciñal convoca aos socios e socias para este sábado
A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira celebrará este sábado 17 de marzo a partires das 20:30 horas en primeira convocatoria e das 21:00 en segunda, a primeira Asemblea Xeral Ordinaria da súa curta pero intensa historia. O escenario elixido non será outro que a Casa de Cultura da parroquia, un espazo recuperado para uso veciñal fai aproximadamente un ano, tras meses de loita nos que a intervención da asociación resultou fundamental. Entre os puntos que figuran na orde do día figuran a lectura e aprobación da acta do acto de presentación que tivo lugar o 10 de marzo do pasado ano, a memoria das actividades realizadas durante o ano 2017, o exame e aprobación das contas dese mesmo ano, a exposición e aprobación das cotas de socio e o rexitro e renovación dos carnets para o presente ano e, para finalizar, expoñense os proxectos e actividades a desenvolver durante o 2018. Dende o equipo directivo da sociedade valorase positivamente o traballo levado a cabo durante este ano. Segundo sinalan, as xestións ante as distintas administracións para a realización de obras e melloras en distintos puntos da parroquia resultaron exitosas, así como o completo programa de cursos e actividades que veñen ofertando a socios e socias, e a veciños e veciñas en xeral, que trouxo ata A Armenteira a profesionais de diversos ámbitos relacionados coa coidado do medio ambiente, a xestión dos recursos locais, o aforro enerxético ou o baile e as artes escénicas. Mención aparte terían os eventos e festexos, onde volveu a destacar a tradicional fogueira de San Xoán, que xuntou a centenares de persoas en torno ao campo da festa na que é considerada como a noite máis máxica do ano. Pero tampouco se esqueceron de preparar actividades en relación en datas tan sinaladas como a época do magosto ou en noitevella. Para dar a coñecer a súa labor e rendir contas da mesma, a asociación veciñal de A Armenteira convoca á súa masa social este sábado, unha ocasión que será aproveitada tamén para escoitar e atender as propostas, suxestións e ideas que aporten as persoas que asistan.
domingo, 11 de marzo de 2018
Cruel derrota do Armenteira C.F. feminino ante un C. Juventud Cambados tremendamente efectivo
FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - C. JUVENTUD CAMBADOS - 2 - 4
ARMENTEIRA C.F.: Ángeles; Xeila, Alessandra, Fátima, Laura; Ana Abal, Tamara, Diana; Ana Martínez, Paula e Sofía. Tamén xogaron Naomi, Yara, Rocío e Analía. GOLES: 0-1. Minuto -. Alba Rodiño. 0-2. Minuto -. Romina Dadín. 0-3. Minuto -. Marjorie Allo. 0-4. Minuto - Lucía Valladares. 1- 4. Minuto -. Sofía. 2-4- Minuto -. Ana Martínez
ÁRBITRO: Moreno Balea. A causa dun imprevisto presentouse no campo a escasos minutos de comezar o partido, abandonando tamén de forma apresurada as instalacións deportivas de O Leixo, feito que puido provocar a existencia de numerosas imprecisións na acta arbitral, en concreto en relación cos minutos nos que foron anotados os goles. Mostrou cartóns amarelos a Tamara, Sofía e Yara por partida dobre, coa conseguinte expulsión do terreo de xogo, por parte do Armenteira C.F. e a Nieves Roma por parte do C. Juventud Cambados.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo sexta xornada da Segunda División Feminina. Grupo 3, disputado no campo de O Leixo, ante uns cincuenta espectadores, nunha tarde fresca, na que a chuvia non fixo acto de aparición durante os noventa minutos e sobre un terreo de xogo con lama en algunhas zonas e surcos nos laterais, pero que soportou con relativo éxito as condicións meteorolóxicas adversas dos últimos días.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo sexta xornada da Segunda División Feminina. Grupo 3, disputado no campo de O Leixo, ante uns cincuenta espectadores, nunha tarde fresca, na que a chuvia non fixo acto de aparición durante os noventa minutos e sobre un terreo de xogo con lama en algunhas zonas e surcos nos laterais, pero que soportou con relativo éxito as condicións meteorolóxicas adversas dos últimos días.
CRÓNICA
O equipo sénior feminino do Armenteira C.F. sufriu unha cruel e, a tenor do observado sobre a superficie de terra de O Leixo, tamén inxusta derrota ante o C. Juventud Cambados. Foi nun encontro equilibrado na primeira metade e que se decidiu nun segundo período no que o infortunio do Armenteira C.F. e a gran efectividade das visitantes decidiu a contenda. Os primeiros corenta e cinco minutos foron de tanteo sen que ningún dos dous conxuntos fose quen de mostrarse superior sobre o rival. Co xogo desenvolvéndose fundamentalmente na zona de medio campo as aproximacións á meta contraria foron escasass. Unha cabalgada de Paula que ela mesma resolveu contra o lateral da rede foi quizais a ocasión máis clara das verdinegras neste período, mentres que os tímidos achegamentos das cambadesas non puxeron en demasiados apuros á gardamallas Ángeles. No segundo período foi cando se dilucidou o encontro. Máis de vinte minutos de dominio absoluto do Armenteira C.F., co cadro visitante pechado no seu campo, non tiveron recompensa para as rapazas que adestran Marcial Prado e Júnior Tirado. A parroquia local disfrutaba co bo xogo das súas futbolistas, que se levaban os balóns divididos, creaban perigo polos costados, pero que non eran quen de poñer a proba á meta Nieves Roma. Unha excelente acción individual de Sofía, que se desfixo de todas as defensoras e se prantaba cara a cara coa porteira visitante, enviando finalmente o balón pegado ao pau dereito extendeu os lamentos pola bancada local. Pouco despois, unha penetración polo extremo dereito de Xeila, na que superou a saída da meta rival, pero a escasa forza do golpeo impediu que o balón acabase dentro da meta do C. Juventud Cambados, provocou que a desesperación fose en aumento. Aínda que case ninguén podía presaxiar o que ocorrería a continuación. Nun contragolpe das amarelas no que quedou desguarnecido o centro da defensa do Armenteira C.F., o rexeitamento da meta Ángeles caiu nos pés de Alba Rodiño no segundo pau, e a atacante cambadesa non perdoaría. Sen tempo a repoñerse deste duro golpe un balón colgado era cabeceado por Romina Dadín para colocar o cero a dous. E apenas uns intres máis tarde unha volea dende a zona esquerda do ataque do C. Juventud de Cambados pillaba adiantada a Ángeles e supoñía o terceiro tanto para as visitantes. O cero a catro viría noutro contragolpe no que Lucía Valladares non fallaba no man a man coa porteira. Con todo, as mozas do conxunto local non se renderon. Querendo demostrar a inxustiza que reflectía o marcador, tiraron de loita e raza, e buscaron unha remontada que se antollaba imposible. Sofía, exhibindo de novo a súa enorme calidade, acadaba na área pequena o primeiro e máis que merecido gol para as verdinegras. E Ana Martínez, dende uns vinte metros, sorprendía cun disparo elevado á meta Nieves Roma. Con moi poucos minutos por diante a remontada parecía moi difícil, aínda que non imposible. As protestas de Yara a unha decisión do colexiado Moreno Balea, remataron coa expulsión da xogadora de Vilaxoán e poñían máis difícil a situación. En inferioridade numérica a fazaña estaba xa case inalcanzable, pero as rapazas do Armenteira C.F. seguiron loitando ata o asubío final. Entre a afección local mesturábase o descontento coa actuación arbitral co sentimento de inxustiza. Cinco chegadas do C. Juventud Cambados na segunda metade significaron catro goles. É posible que o termo xustiza non se poida aplicar ao fútbol, pero o que é indiscutible é que a efectividade é seguramente o factor máis determinante neste deporte. Un dos mellores encontros das verdinegras, nun duelo de rivalidade, e no que, lamentablemente, os tres puntos volveron marcharse de O Leixo. Con este resultado o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. continúa na décimo oitava posición, con nove puntos. A próxima fin de semana as mozas que dirixe Marcial Prado deberán desprazarse ata o Campo Pahiño de Navia, en Vigo, para medirse ao histórico o clube da Federación Veciñal de Peñas Recreativas El Olivo, un conxunto que no seu día ocupou máximo nivel entre todos os clubes de fútbol feminino de Galicia, e ao cal unha sanción federativa o obrigou a descender dúas categorías esta temporada. Na terceira posición e con cincuenta e oito puntos no casilleiro, as viguesas serán unha proba máis ca esixente para as rapazas do equipo de A Armenteira.
domingo, 4 de marzo de 2018
Xusta e cómoda vitoria do Armenteira C.F. alevín ante o C. Juventud Cambados "B"
FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - C. JUVENTUD CAMBADOS "B"- 5 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Matilde; Álex Grigorio, Andrés, Lucas Otero; Sara Otero, Estela, Mateo; e Aldara. Tamén xogaron Brais Charlín, Ainhoa, Ramón e Óscar.
GOLES: 1-0. Minuto 19. Mateo. 2-0. Minuto 27. Alaadine Ammari, en propia meta. 3-0. Minuto 32. Ainhoa. 4-0. Minuto 45. Brais Charlín. 5-0. Minuto 49. Mateo.
ÁRBITRO: Pérez Rodríguez. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima xornada da Terceira alevín, Grupo 61, disputado na mañá deste domingo no campo de O Leixo (ARMENTEIRA), nunha mañá fresca, ventosa e nubrada, ante uns corenta espectadores e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo alevín do Armenteira C.F. venceu con claridade no partido deste domingo ao C. Juventud Cambados "B". Foi nun encontro cómodo para o cadro verdinegro, no que os visitantes apenas se achegaron á meta defendida por Sergio Matilde, pero no que houbo que agardar á segunda metade para que esa comodidade fose total. Máis serio e contundente atrás e con maior fortaleza na liña medular o conxunto que dirixía dende o banquillo Luis Barral tomou o mando dende o principio. Pero esa superioridade non se manifestou no marcador ata que, xa no minuto 19, un disparo mordido de Mateo dende o borde da área se colase no fondo das mallas amarelas. O futbolista de Vilariño que o día anterior fixera o seu debut co equipo infantil en Cuntis, volveu ser unha das pezas máis desequilibrantes dos verdinegros. No segundo período o Armenteira C.F. comezou a marcar distancias. Un envío cara o punto de penalti do xogador de categoría benxamín Óscar, despois de internarse pola banda dereita, introducíase na meta defendida por Roberto Oubiña tras impactar no futbolista cambadés Alaadine Ammari. Ainhoa, no primeiro pau, poñía a punta da súa bota dereita para colocar o tres a cero, aproveitando un magnífico lanzamento de córner de Andrés. Outro saque de curruncho, e de novo efectuado por Andrés, remataba na cabeza de Brais Charlín, que, sen necesidade de saltar, mandaba o balón ao fondo das mallas. O cinco a cero sería obra de Mateo, tras unha xogada individual na que se desfixo de varios adversarios ata chegar á area, e colocar un lanzamento raso polo lado dereito da rede do C. Juventud Cambados. Puido aínda ser máis abultada a vitoria de materializar a escadra local algunhas claras ocasións das que dispuxo. As poucas veces nas que Sergio Matilde participou volveuno facer con enorme acerto, consistindo na maior parte dos casos en saídas fóra da súa área para cortar co pé algunha das aproximacións rivais. Esta xusta, clara e merecida vitoria, baseada nunha gran actuación colectiva, e destacando a aportación de Lucas Otero, Brais Charlín e Óscar, xogadores de categoría benxamín, suplindo con éxito a ausencia do máximo artilleiro do equipo no que vai de liga, Brais Santamaría. Con este triunfo a formación que adestran Luis e Alba Barral mantense na novena posición, con vintetrés puntos. Agás cambios de última hora, esta semana será intensa para este grupo de rapaces e rapazas. Para o martes 6 de marzo está fixado o partido que, a petición do Portonovo S.D. "B", se aprazou a fin de semana do 23 e 24 de febreiro. Se a Real Federación Galega de Fútbol non atende as peticións de ámbolos dous clubes o encontro terá lugar no campo de Baltar de Arriba a partires das 18:15 horas. E, xa na próxima fin de semana, o Armenteira C.F. alevín deberá visitar a cidade de Pontevedra para medirse á A.J. Lérez "C", que ocupa a cuarta posición con 33 puntos, dez máis que dos que conta o equipo de O Leixo.
xoves, 1 de marzo de 2018
A bandeira dun clube
Unha bandeira é un cacho de tea, de forma normalmente rectangular, que soe colgarse dunha hasta por un dos seus lados e que se emprega como emblema ou sinal dun Estado, dunha cidade ou dunha institución. Pero por bandeira tamén se entende a causa que se defende ou pola que se toma partido. Bandeiras hai de varios tipos, con distintas cores, distintos símbolos e no seu nome téñense emprendido diversos tipos de movementos e iniciativas. Nos tempos que vivivos as bandeiras son motivo de disputa, de apropiación, de exclusión e usadas como arma arroxadiza por nacionalismos de toda clase. No mundo do deporte as bandeiras tamén se utilizan como símbolos representativos. Enchen de cor os estadios e nelas envólvese afeccións que fan seus os éxitos acados sobre canchas ou terreos de xogo. Menos común é velas nos clubes máis modestos. A extensión e a popularización do merchandising ata as categorías máis humildes puxo á súa disposición emblemas que lles permiten equipararse, salvando as distancias, aos grandes trasatlánticos do deporte mundial. O Armenteira C.F. non quería ser menos. Dende a súa creación, aló por setembro de 1995, o clube de O Leixo non dispuxo dunha bandeira propiamente dita. O esforzo e a imaxinación de pais e nais dos rapaces conseguira darlle forma a un tapete que veu cumprindo dignamente durante varios anos a función de bandeira. Aínda que o soño da entidade que actualmente preside Martín Casais era posuír un emblema á altura da doutros clubes, xeralmente superiores en recursos, pero que nada teñen que envexar en gañas e ilusión a este modesto clube das ladeiras do Castrove. A colaboración da empresa local Aquarei Public fixo o resto. Dende fai uns anos o seu xerente atende as moitas veces aloucadas ideas dos dirixentes da entidade verdinegra e transfórmaas en pancartas publicitarias, camisetas e material de diverso tipo que encheu de colorido e deu unha renovada imaxe a unhas instalacións tan austeras como as de o campo de O Leixo. A asistencia o xoves 5 de abril dunha expedición do Armenteira C.F. a un famoso programa da televisión autonómica acelerou o encargo, e esta fin de semana terá lugar a estrea. Á bandeira como causa, que en forma de respecto, humildade, familiaridade, solidariedade ou de compromiso coa formación e a educación indiscutiblemente veu identificando ao clube dende a súa creación, unirase agora unha enseña de tea verde e negra, co escudo remarcado en branco no medio. Ondeará con orgullo no alto de O Busto e será o cumio a un traballo de moitos anos e un símbolo, por moi banal que pareza, do crecemento dun proxecto que botaron a andar Julio Serén e "Barreiras" fai case 23 anos e que temporada a temporada non deixa de progresar, e que non coñece máis límites que o horizonte dos soños de todos e todas os que compoñen unha familia que na actualidade conta con 99 licenzas sobre o terreo de xogo e moitos outros corazóns latexando dende a bancada para manter máis viva ca nunca esa ilusión.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)