FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - C. JUVENTUD CAMBADOS - 2 - 4
ARMENTEIRA C.F.: Ángeles; Xeila, Alessandra, Fátima, Laura; Ana Abal, Tamara, Diana; Ana Martínez, Paula e Sofía. Tamén xogaron Naomi, Yara, Rocío e Analía. GOLES: 0-1. Minuto -. Alba Rodiño. 0-2. Minuto -. Romina Dadín. 0-3. Minuto -. Marjorie Allo. 0-4. Minuto - Lucía Valladares. 1- 4. Minuto -. Sofía. 2-4- Minuto -. Ana Martínez
ÁRBITRO: Moreno Balea. A causa dun imprevisto presentouse no campo a escasos minutos de comezar o partido, abandonando tamén de forma apresurada as instalacións deportivas de O Leixo, feito que puido provocar a existencia de numerosas imprecisións na acta arbitral, en concreto en relación cos minutos nos que foron anotados os goles. Mostrou cartóns amarelos a Tamara, Sofía e Yara por partida dobre, coa conseguinte expulsión do terreo de xogo, por parte do Armenteira C.F. e a Nieves Roma por parte do C. Juventud Cambados.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo sexta xornada da Segunda División Feminina. Grupo 3, disputado no campo de O Leixo, ante uns cincuenta espectadores, nunha tarde fresca, na que a chuvia non fixo acto de aparición durante os noventa minutos e sobre un terreo de xogo con lama en algunhas zonas e surcos nos laterais, pero que soportou con relativo éxito as condicións meteorolóxicas adversas dos últimos días.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo sexta xornada da Segunda División Feminina. Grupo 3, disputado no campo de O Leixo, ante uns cincuenta espectadores, nunha tarde fresca, na que a chuvia non fixo acto de aparición durante os noventa minutos e sobre un terreo de xogo con lama en algunhas zonas e surcos nos laterais, pero que soportou con relativo éxito as condicións meteorolóxicas adversas dos últimos días.
CRÓNICA
O equipo sénior feminino do Armenteira C.F. sufriu unha cruel e, a tenor do observado sobre a superficie de terra de O Leixo, tamén inxusta derrota ante o C. Juventud Cambados. Foi nun encontro equilibrado na primeira metade e que se decidiu nun segundo período no que o infortunio do Armenteira C.F. e a gran efectividade das visitantes decidiu a contenda. Os primeiros corenta e cinco minutos foron de tanteo sen que ningún dos dous conxuntos fose quen de mostrarse superior sobre o rival. Co xogo desenvolvéndose fundamentalmente na zona de medio campo as aproximacións á meta contraria foron escasass. Unha cabalgada de Paula que ela mesma resolveu contra o lateral da rede foi quizais a ocasión máis clara das verdinegras neste período, mentres que os tímidos achegamentos das cambadesas non puxeron en demasiados apuros á gardamallas Ángeles. No segundo período foi cando se dilucidou o encontro. Máis de vinte minutos de dominio absoluto do Armenteira C.F., co cadro visitante pechado no seu campo, non tiveron recompensa para as rapazas que adestran Marcial Prado e Júnior Tirado. A parroquia local disfrutaba co bo xogo das súas futbolistas, que se levaban os balóns divididos, creaban perigo polos costados, pero que non eran quen de poñer a proba á meta Nieves Roma. Unha excelente acción individual de Sofía, que se desfixo de todas as defensoras e se prantaba cara a cara coa porteira visitante, enviando finalmente o balón pegado ao pau dereito extendeu os lamentos pola bancada local. Pouco despois, unha penetración polo extremo dereito de Xeila, na que superou a saída da meta rival, pero a escasa forza do golpeo impediu que o balón acabase dentro da meta do C. Juventud Cambados, provocou que a desesperación fose en aumento. Aínda que case ninguén podía presaxiar o que ocorrería a continuación. Nun contragolpe das amarelas no que quedou desguarnecido o centro da defensa do Armenteira C.F., o rexeitamento da meta Ángeles caiu nos pés de Alba Rodiño no segundo pau, e a atacante cambadesa non perdoaría. Sen tempo a repoñerse deste duro golpe un balón colgado era cabeceado por Romina Dadín para colocar o cero a dous. E apenas uns intres máis tarde unha volea dende a zona esquerda do ataque do C. Juventud de Cambados pillaba adiantada a Ángeles e supoñía o terceiro tanto para as visitantes. O cero a catro viría noutro contragolpe no que Lucía Valladares non fallaba no man a man coa porteira. Con todo, as mozas do conxunto local non se renderon. Querendo demostrar a inxustiza que reflectía o marcador, tiraron de loita e raza, e buscaron unha remontada que se antollaba imposible. Sofía, exhibindo de novo a súa enorme calidade, acadaba na área pequena o primeiro e máis que merecido gol para as verdinegras. E Ana Martínez, dende uns vinte metros, sorprendía cun disparo elevado á meta Nieves Roma. Con moi poucos minutos por diante a remontada parecía moi difícil, aínda que non imposible. As protestas de Yara a unha decisión do colexiado Moreno Balea, remataron coa expulsión da xogadora de Vilaxoán e poñían máis difícil a situación. En inferioridade numérica a fazaña estaba xa case inalcanzable, pero as rapazas do Armenteira C.F. seguiron loitando ata o asubío final. Entre a afección local mesturábase o descontento coa actuación arbitral co sentimento de inxustiza. Cinco chegadas do C. Juventud Cambados na segunda metade significaron catro goles. É posible que o termo xustiza non se poida aplicar ao fútbol, pero o que é indiscutible é que a efectividade é seguramente o factor máis determinante neste deporte. Un dos mellores encontros das verdinegras, nun duelo de rivalidade, e no que, lamentablemente, os tres puntos volveron marcharse de O Leixo. Con este resultado o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. continúa na décimo oitava posición, con nove puntos. A próxima fin de semana as mozas que dirixe Marcial Prado deberán desprazarse ata o Campo Pahiño de Navia, en Vigo, para medirse ao histórico o clube da Federación Veciñal de Peñas Recreativas El Olivo, un conxunto que no seu día ocupou máximo nivel entre todos os clubes de fútbol feminino de Galicia, e ao cal unha sanción federativa o obrigou a descender dúas categorías esta temporada. Na terceira posición e con cincuenta e oito puntos no casilleiro, as viguesas serán unha proba máis ca esixente para as rapazas do equipo de A Armenteira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario