Buscar neste blog

domingo, 4 de marzo de 2018

Xusta e cómoda vitoria do Armenteira C.F. alevín ante o C. Juventud Cambados "B"

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. -  C. JUVENTUD CAMBADOS "B"- 5 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Matilde; Álex Grigorio, Andrés, Lucas Otero; Sara Otero, Estela, Mateo; e Aldara. Tamén xogaron Brais Charlín, Ainhoa, Ramón e Óscar.
GOLES: 1-0. Minuto 19. Mateo. 2-0. Minuto 27. Alaadine Ammari, en propia meta. 3-0. Minuto 32. Ainhoa. 4-0. Minuto 45. Brais Charlín. 5-0. Minuto 49. Mateo.
ÁRBITRO: Pérez Rodríguez. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima xornada da Terceira alevín, Grupo 61, disputado na mañá deste domingo no campo de O Leixo (ARMENTEIRA), nunha mañá fresca, ventosa e nubrada, ante uns corenta espectadores e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo alevín do Armenteira C.F. venceu con claridade no partido deste domingo ao C. Juventud Cambados "B". Foi nun encontro cómodo para o cadro verdinegro, no que os visitantes apenas se achegaron á meta defendida por Sergio Matilde, pero no que houbo que agardar á segunda metade para que esa comodidade fose total. Máis serio e contundente atrás e con maior fortaleza na liña medular o conxunto que dirixía dende o banquillo Luis Barral tomou o mando dende o principio. Pero esa superioridade non se manifestou no marcador ata que, xa no minuto 19, un disparo mordido de Mateo dende o borde da área se colase no fondo das mallas amarelas. O futbolista de Vilariño que o día anterior fixera o seu debut co equipo infantil en Cuntis, volveu ser unha das pezas máis desequilibrantes dos verdinegros. No segundo período o Armenteira C.F. comezou a marcar distancias. Un envío cara o punto de penalti do xogador de categoría benxamín Óscar, despois de internarse pola banda dereita, introducíase na meta defendida por Roberto Oubiña tras impactar no futbolista cambadés Alaadine Ammari. Ainhoa, no primeiro pau, poñía a punta da súa bota dereita para colocar o tres a cero, aproveitando un magnífico lanzamento de córner de Andrés. Outro saque de curruncho, e de novo efectuado por Andrés, remataba na cabeza de Brais Charlín, que, sen necesidade de saltar, mandaba o balón ao fondo das mallas. O cinco a cero sería obra de Mateo, tras unha xogada individual na que se desfixo de varios adversarios ata chegar á area, e colocar un lanzamento raso polo lado dereito da rede do C. Juventud Cambados. Puido aínda ser máis abultada a vitoria de materializar a escadra local algunhas claras ocasións das que dispuxo. As poucas veces nas que Sergio Matilde participou volveuno facer con enorme acerto, consistindo na maior parte dos casos en saídas fóra da súa área para cortar co pé algunha das aproximacións rivais. Esta xusta, clara e merecida vitoria, baseada nunha gran actuación colectiva, e destacando a aportación de Lucas Otero, Brais Charlín e Óscar, xogadores de categoría benxamín, suplindo con éxito a ausencia do máximo artilleiro do equipo no que vai de liga, Brais Santamaría. Con este triunfo a formación que adestran Luis e Alba Barral mantense na novena posición, con vintetrés puntos. Agás cambios de última hora, esta semana será intensa para este grupo de rapaces e rapazas. Para o martes 6 de marzo está fixado o partido que, a petición do Portonovo S.D. "B", se aprazou a fin de semana do 23 e 24 de febreiro. Se a Real Federación Galega de Fútbol non atende as peticións de ámbolos dous clubes o encontro terá lugar no campo de Baltar de Arriba a partires das 18:15 horas. E, xa na próxima fin de semana, o Armenteira C.F. alevín deberá visitar a cidade de Pontevedra para medirse á A.J. Lérez "C", que ocupa a cuarta posición con 33 puntos, dez máis que dos que conta o equipo de O Leixo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario