Buscar neste blog

xoves, 15 de marzo de 2018

A organización veciñal convoca aos socios e socias para este sábado

A Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira celebrará este sábado 17 de marzo a partires das 20:30 horas en primeira convocatoria e das 21:00 en segunda, a primeira Asemblea Xeral Ordinaria da súa curta pero intensa historia. O escenario elixido non será outro que a Casa de Cultura da parroquia, un espazo recuperado para uso veciñal fai aproximadamente un ano, tras meses de loita nos que a intervención da asociación resultou fundamental. Entre os puntos que figuran na orde do día figuran a lectura e aprobación da acta do acto de presentación que tivo lugar o 10 de marzo do pasado ano, a memoria das actividades realizadas durante o ano 2017, o exame e aprobación das contas dese mesmo ano, a exposición e aprobación das cotas de socio e o rexitro e renovación dos carnets para o presente ano e, para finalizar, expoñense os proxectos e actividades a desenvolver durante o 2018. Dende o equipo directivo da sociedade valorase positivamente o traballo levado a cabo durante este ano. Segundo sinalan, as xestións ante as distintas administracións para a realización de obras e melloras en distintos puntos da parroquia resultaron exitosas, así como o completo programa de cursos e actividades que veñen ofertando a socios e socias, e a veciños e veciñas en xeral, que trouxo ata A Armenteira a profesionais de diversos ámbitos relacionados coa coidado do medio ambiente, a xestión dos recursos locais, o aforro enerxético ou o baile e as artes escénicas. Mención aparte terían os eventos e festexos, onde volveu a destacar a tradicional fogueira de San Xoán, que xuntou a centenares de persoas en torno ao campo da festa na que é considerada como a noite máis máxica do ano. Pero tampouco se esqueceron de preparar actividades en relación en datas tan sinaladas como a época do magosto ou en noitevella. Para dar a coñecer a súa labor e rendir contas da mesma, a asociación veciñal de A Armenteira convoca á súa masa social este sábado, unha ocasión que será aproveitada tamén para escoitar e atender as propostas, suxestións e ideas que aporten as persoas que asistan.


Ningún comentario:

Publicar un comentario