FICHA TÉCNICA
E.F.B. VILANOVA - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Marin; Gabriel, Diego Berreco, Fari, Bufi; Roberto Trigo, André, Mathias, Adrián Castro; Josiño e Alberto
GOLES: 1-0. Minuto 12. Roi Estévez. 2-0. Minuto 58. Roi Estévez, de penalti. 3-0. Minuto 75. Roi Estévez.
ÁRBITRO: Balboa Torres. Mostrou cartóns amarelos a Alejandro Brea e Roi Estévez por parte da E.F.B. Vilanova e a Hilias por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo segunda xornada, grupo 9, disputado no campo de O Terrón, en Vilanova de Arousa, ante uns cincuenta espectadores, nunha fresca e nubrada e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. caiu derrotado por tres goles a cero ante a E.F.B. Vilanova no partido disputado na tarde deste mércores no campo de O Terrón. Tratábase dun encontro que debía disputarse o pasado 11 de marzo, pero que a Real Federación Galega de Fútbol decidira suspender, ao igual que o resto da xornadas nas categorías de base, debido á chegada dun forte temporal. O partido deste mércores tivo dúas partes ben distintas. A primeira foi de relativo equilibrio entre os dous conxuntos, cun Armenteira C.F. incluso superior, mentres que na segunda o cadro verdinegro acabou sucumbindo vítima dos seus propios erros. Cando semellaba que a E.F.B. Vilanova ía imprimir un intenso ritmo dende o inicio, tal e como fixera no encontro de volta en A Bouza, os primeiros minutos foron de tanteo e, pouco a pouco, o equipo visitante sentíase máis cómodo sobre o terreo de xogo. O fútbol tiña lugar na metade do campo defendida polos de Vilanova O Armenteira C.F. mostrábase moi seguro en defensa, cun Gabriel cada vez máis asentado na zona do lateral dereito e cunha parella de centrais na que destacaba a solidez de Fari e a irredutibilidade dun Diego Berreco pletórico. No mediocampo o dono indiscutible do xogo era André, con Mathias como organizador e con Roberto Trigo desequilibrando coa súa velocidade pola banda dereita, con Adrián Castro, menos activo que de costume, desbordando pola esquerda. Josiño aportaba detalles de calidade na mediapunta e Alberto ofrecía coma sempre entrega e sacrificio ao máximo no seu papel de referente en ataque. O perigo dos locais limitábase a algún contragolpe aillado, ás accións a balón parado ou ás situación de falta de entendemento entre o porteiro e os defensas. Unha xogada na que Marin estirou o pé esquerdo para evitar sobre a liña de gol que o balón entrase foi o aproximación máis comprometida dos vilanoveses. Disfrutou de varias ocasións claras o Armenteira C.F. Roberto Trigo, Adrián Castro ou Alberto non deron acertado coas mallas defendidas por Iván Carballo. De todas elas a máis clara tívoa Adrián Castro, que, tras unha excepcional combinación en ataque, enviou coa porta valdeira o coiro por enriba do longueiro. Na segunda metade o panorama parecía manterse ata que os erros dos visitantes resultaron decisivos. Unha asistencia a Roi Estévez tras unha falta sacada polo seu equipo de forma rápida remataba cun magnífico disparo do atacante vilanovés, ante o que nada podía facer Marin. Pouco despois, Gabriel deixaba o pé arrastrado no chan, feito que foi aproveitado por un dianteiro local para deixarse caer. A pena máxina sería convertida por Roi Estévez, que sería asimesmo o autor do terceiro tanto dos seus, cando o Armenteira C.F. estaba rendido e o cadro local tocaba, triangulaba e chegaba polos costados sen atopar demasiada oposición por parte dun rival descontento consigo mesmo e coa súa escasa fortuna. Deu unha aceptable imaxe a escadra dirixida por Valentín Estévez "Tilín", que exhibiu unha versión competitiva aínda que inocente en determinados aspectos. Esta inocencia e a falta de picardía en certos momentos acabaron sendo claves na tarde deste mércores en Vilanova de Arousa. A próxima cita para o Armenteira C.F. xuvenil será a fin de semana do 7 de abril no campo da Área Recreativa de A Toxa ante o Meaño F.C., pechacancelas do grupo, pero que no partido da primeira volta fora quen de arrincar un punto na súa visita a A Bouza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario