FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - MARCÓN ATLÉTICO - 1 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Casal; Sara Rey, Xoán, Javi, Fran; Carlos, Hugo, Íñigo; Migui, Manu Meixús e Adri. Tamén xogaron Jose Domínguez e Jeffrey.
GOLES: 0-1. Minuto 12. Raúl González. 1-1. Minuto 43. Adri
ÁRBITRO: Martínez Martínez. Mostrou cartón amarelo a Xoán por parte do Armenteira C.F.
INCIDENCIAS: Partido da sétima xornada da segunda fase da Segunda autonómica infantil. Grupo 62A, disputado no campo de O Leixo, en Armenteira, ante uns setenta espectadores, nunha fresca e nublada e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
Os equipos de categoría infantil de Armenteira C.F. e Marcón Atlético repartiron puntos no partido disputado na tarde deste luns no campo de O Leixo. Era un encontro que debía terse disputado o pasado 10 de marzo, unha fin de semana na que debido á chegada dun forte temporal a Real Federación Galega de Fútbol suspendera os partidos que se debían xogar no sábado e na mañá do domingo. O encontro deste luns enfrontaba a dous rivais directos, distanciados na clasificación por apenas un punto, que ofreceron un magnífico espectáculo a unha afección que case encheu unhas bancadas nas que fai tempo que non se lembraba un ambiente tan animado como o desta tarde-noite. E, de feito, a asistencia pasou a pena. O elevado ritmo de xogo, as numerosas ocasións e a intensidade e emoción que se mantiveron ao longo dos oitenta minutos fixeron desta unha función futbolística inesquecible. Nada máis comezar o partido Migui non foi quen de resolver un man a man ante o gardamallas Uxías Raposeiras, sen dúbida o futbolista máis destacado dos pontevedreses este luns. A desgraza para o Armenteira C.F. viría uns intres despois, cando Raúl González colaba un lanzamento directo de córner nas mallas defendidas por Sergio. Tratou de reaccionar o cadro local, que atopaba no carril esquerdo a principal vía de entrada cara as inmediacións da meta contraria. A presenza de Migui nese costado, no que xa dera unha exhibición o pasado sábado ante a E.F.B . Vilanova, hat-trick incluído, pareceu dar un novo aire ao conxunto que dirixe Luis Barral. Migui, Manu Meixús e Adri, que tamén mudou a súa posición no centro da defensa para converterse no referente en ataque, conforman unha tripleta que nada ten que envexar a calquera dos equipos do grupo. Migui en varias ocasións e Manu Meixús culminando un contragolpe e tras un lanzamento de falta disfrutaron de claras oportunidades de gol antes de ires ao descanso, pero volvéronse atopar coa enorme seguridade baixo paus que mostrou o meta dun Marcón Atlético que non dubidada en aproveitar os espazos que deixaban os locais para armar rápidos contraataques valéndose principalemente da velocidade dos seus atacantes por banda. Tras a reanudación o dominio pasou a ser case exclusivo do Armenteira C.F. Unha gran asistencia de Íñigo permitía a Adri poñer a igualada, e a partires de entón tivo lugar o asedio. Co Marcón Atlético pechado no seu campo os rapaces que adestra Luis Barral deron unha auténtica exhibición de traballo, entrega e intensidade. Deixándose a pel sobre o campo trataban de non dar un balón por perdido e buscaban unha e outra vez a meta contraria. Quizais foi abuso dos balóns elevados e a falta de serenidade nos metros finais os que impediron que chegase a merecida recompensa. Adri, Manu Meixús, Hugo ou Íñigo tiveron nos seus pés a posibilidade de poñer por diante ao seu equipo. Estaba claro que non era un día para probar puntería. A medida que a noite se apoderaba do campo de O Leixo e a néboa contribuía a reducir aínda máis a visibilidade as forzas dos locais comezaban a minguar, feito do que pretendeu sacar partido o Marcón Atlético nos últimos minutos. Un par de faltas sinaladas polo colexiado Martínez Martínez e moi discutidas pola bancada local, levaron o susto a unha afección verdinegra que viviu un final de infarto. Afortunadamente para o Armenteira C.F. os visitantes tampouco estiveron acertados nestas accións e o encontro finalizaba cun empate a un goles, un resultado que, a tenor do observado sobre todo no segundo período, acabou tendo un sabor amargo para a escadra verde e negra. Exhaustos, esgotados polo tremendo esforzo realizado e decepcionados pola escasa fortuna ante o marco adversario os rapaces do equpo infantil do Armenteira C.F. recibiron unha merecida ovación por parte dunha afección que non deixou de berrar durante os oitenta minutos. O mesmo ocorreu cos rapaces do conxunto de Marcón, que tamén obsequiaron á afección cunha gran mostra de entrega e un espírito altamente competitivo. Con este resultado o equipo que dirixe Luis Barral sitúase na oitava posición, con once puntos, a un do rival deste luns. A próxima cita será na fin de semana o 7 de abril en Pontevedra ante o Salgueiriños C.F. "C", quinto clasificado con quince puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario