Buscar neste blog

mércores, 28 de marzo de 2018

Unha oportunidade para a economía local

A celebración das festas de Semana Santa en A Armenteira representa unha gran oportunidade para os negocios e as actividades económicas da parroquia. Os locais de hostalaría do entorno do mosteiro cisterciense recadan estes días boa parte dos seus ingresos anuais. Pero tamén é a ocasión para conseguir un emprego para moitas persoas do lugar. Con carácter eventual e  durante apenas uns días mozos e mozas e tamén xentes de idade máis avanzada logran un aporte económico fundamental para o sustento dunhas familias ás que a crise e a inestabilidade laboral levan ameazando dende fai unha década. Para a Comisión de Festas O´Noso a recadación destes días é clave para poder realizar os festexos que organizan ao longo do ano. O mesmo ocorre para a comisión encargada dos oficios relixiosos, que recibe numerosas e cuantiosas ofrendas que os fieis depositan á Virxe das Cabezas coa esperanza de que interceda para curalos dos seus males. Entidades sen ánimo de lucro procuran tamén sacar partido deste relativo boom da economía local. O Armenteira C.F., sempre aberto a iniciativas emprendedoras e innovadoras, decidiu instalar un espazo gastronómico e de ocio no último treito da Ruta da Pedra e da Auga. O pasado ano xa levara a cabo unha iniciativa similar, pero desta volta decidiu potenciala para intentar axudar a sufragar o elevado número de gastos que soporta unha entidade deste tipo. Un aplicado equipo de colaboradores, dirixido pola Xunta Directiva, afánase estes días en preparar un espazo no que o fútbol non deixará de estar presente, aínda que neste caso cederá protagonismo aos cafés, ás copas, ás tapas, aos bocadillos ou aos deliciosos menús que ofrecerán na súa carta. E todo por unha finalidade máis ca loable: manter viva a ilusión dos nenos e nenas dun clube que leva con orgullo o nome dunha parroquia que vive estes días os seus momentos máis grandes.


Ningún comentario:

Publicar un comentario