FICHA TÉCNICA
PORTONOVO S.D. "B"- ARMENTEIRA C.F. - 5 - 0
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Matilde; Álex Grigorio, Andrés, Sara Otero; Brais Santamaría, Estela, Mateo; e Aldara. Tamén xogaron Brais Charlín, Ramón e Óscar.
GOLES: 1-0. Minuto 16. Pablo Outeda. 2-0. Minuto 41. Pablo Outeda. 3-0. Minuto 42. Roi Varela. 4-0. Minuto 43. Unai Aguín. 5-0. Minuto 49. Unai Aguín.
ÁRBITRO: Argibay Suárez. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sexta xornada da Terceira alevín, Grupo 61, disputado na tarde deste martes no campo de Baltar de Arriba (PORTONOVO), nunha tarde soleada e primaveral ante uns trinta espectadores e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo alevín do Armenteira C.F. caiu derrotado por cinco goles a cero ante o Portonovo S.D. no partido correspondente á décimo sexta xornada que debía terse disputado o pasado 24 de febreiro, pero que foi aprazado no seu día a petición do conxunto local. Foi nun encontro desigual por parte da escadra que dirixen Luis e Alba Barral, que foi clara dominadora durante a primeira metade, e que acabou pagando o seu escaso acerto ante a portería contraria ante un rival con maior capacidade na distribución do xogo e con calidade na definición. Cando parecía que ía ser un encontro cómodo para o Portonovo S.D. os primeiros minutos comezaron a contradecir estes pronósticos. Trataban de combinar e asumir o control os rapaces e rapazas do cadro local, pero os seus pases eran interceptados polos futbolistas verdinegros, que, guiados dende a zona do mediocentro por Estela, armaban rápidas transicións e plantábanse con frecuencia ante a meta defendida por Manuel Galiñanes. Case todas estas accións remataban nos pés de Aldara, pero non tivo fortuna a dianteira de O Freixo nas numerosas ocasións nas que se viu cara a cara co gardamallas local. Tamén Brais Santamaría estivo a piques de adiantar ao Armenteira C.F. de non ser porque un defensor local sacou o coiro da liña de gol. Non perdoou en cambio o equipo de Baltar, que tras un magnífico contragolpe soubo mover o balón polo borde da área ata que o Pablo Outeda atopou un oco para disparar e superar a estirada de Sergio Matilde. Resignados pola súa escasa fortuna os nenos e nenas do clube de A Armenteira trataron de reaccionar no segundo período. Con dous xogadores de categoría benxamín como Brais Charlín e Óscar como revulsivos, a estratexia de Luis e Alba Barral non deu os froitos agardados nesta parte. Houbo algunha oportunidade para os visitantes, pero o dominio foi pasando de forma paulatina ao Portonovo S.D. De novo Pablo Outeda, Roi Varela, e Unai Aguín por partida dobre porían o cinco a cero que resultaría definitivo. Algunha intervención de enorme mérito de Sergio Matilde, que arrincou os aplausos do público, evitou que a derrota fose maior. O gardamallas de Vilariño estase confirmando partido tras partido como unha das máis firmes promesas da canteira de O Leixo e nun dos baluartes dun equipo alevín que está facendo fronte de forma decente a unha temporada que se presentaba compricada. Como curiosidade cabe destacar que A Armenteira non só estivo representada no campo de Baltar de Arriba polos nenos e nenas do seu equipo alevín, senón que no cadro local milita tamén un xogador con raíces nesta parroquia e pertenecente a unha familia moi implicada nas actividades que nela se desenvolven. Ero García, que xa no seu nome leva a identidade das súas orixes, luciu o dorsal 15 da elástica branca e azul, aínda entre os seus soños está defender algún día as cores do clube da terra dos seus devanceiros. Non haberá descanso para o equipo que dirixen Luis e Alba Barral, pois este mércores volven á competición co partido ante a A.J. Lérez "C" correspondente á décimo oitava xornada e que a Real Federación Galega de Fútbol aprazara a causa do temporal. Será a partires das 19:00 horas no campo de A Xunqueira 1-Fútbol-8 e ante un rival que ocupa o cuarto posto na clasificación con trinta e nove puntos. Unha dura proba para este grupo de nenos e nenas que viven unhas das semanas máis intensas de fútbol das súas vidas, pois ao partido deste martes en Portonovo, e ao deste mércores en Pontevedra sumarase a participación no prestixioso torneo Arousa Fútbol-7 2018 durante o xoves e venres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario