Buscar neste blog

mércores, 15 de xuño de 2016

Presentado o programa de actividades da noite de San Xoán en A Armenteira

A comisión organizadora da celebración que, co motivo da noite de San Xoán, terá lugar en A Armenteira o próximo xoves 23 de xuño deu a coñecer este mércores o programa de actividades. No cartel que presentaron e que comezaron a colocar polos distintos lugares da parroquia figura un completo programa, no que non faltará a tradicional fogueira e a sardiñada, e na que os asistentes tamén poderán disfrutar de churrasco, empanadas, aperitivos, cervexas, postres, viño e música, e todo elo ao módico prezo de dous euros para as persoas maiores de dez anos e de un euro para os menores desa idade. A maiores, as xentes con máis gañas de festa terán á súa disposición copas a tan só 2,50 euros. Ademais, segundo sinalan dende a organización, haberá sorpresas entre as que se inclúen actividades para os nenos e nenas, e outras que se revelarán nos próximos días. Con esta celebración, de gran arraigo e tradición na parroquia, pretenden poñer de manifesto o espírito de unidade que se está a vivir en A Armenteira nos últimos tempos, e que agardan que se vexa reforzado despois da celebración dun evento como este. A colaboración económica de numerosas casas comerciais así como a participación activa e desinteresada das principais entidades representativas da parroquia permitirá que aqueles veciños e veciños da contorna que o desexen poidan disfrutar en común dunha noite tan máxica como a de San Xoán no que a diversión e o bo ambiente están máis ca garantidos. Dende a comisión organizadora recordan a aquelas persoas interesadas en asistir que é preciso que se anoten e, para elo, poden poñerse en contacto cos seus representantes a través do número de teléfono 66025871. A data límite de anotación é o martes 21 de xuño.


Ningún comentario:

Publicar un comentario