O Armenteira Veteranos viviu un cruel desenlace de liga no encontro que disputou este sábado no campo de O Casal, en Salcedo, ante o Rayovedra. No partido que servía de peche á temporada 2015/2016 do grupo 4A da liga de veteranos da zona de Pontevedra, o cadro verdinegro presentouse no campo desta parroquia do concello de Pontevedra con só dez xogadores sobre o terreno de xogo. A pesares desta inferioridade numérica os de O Leixo chegaron a colocarse cunha vantaxe de cero a tres no marcador, cos tantos anotados polo dianteiro Manueliño e do medio Martín Casais, despois dun extraordinario lanzamento de falta. Pero o desgaste físico ante un rival que dispoñía de recambios no banquillo, no medio dunha intensa calor, fixo que o rival fose recurtando distanzas, e ao descanso os de O Leixo xa só superaban ao Rayovedra por dous goles a tres. Na segunda metade o Armenteira Veteranos adiantou liñas e fíxose co dominio dun partido que se xogou durante a maior parte do tempo na metade que defendían os pontevedreses. Pero de novo unha indecisión defensiva permitiu igualar que o Rayovedra igualase o marcador e, tras unha xogada polémica na que os de A Armenteira reclamaron penalti sobre Manueliño, o cadro local aproveitou a falta de contundencia defensiva do seu contrincante para enviar un balón en longo ao seu atacante sobre o costado esquerdo que, ante a desesperada saída de Joserra, colocou unha perfecta volea no fondo das mallas dun Armenteira Veteranos que se resignaba ante a súa mala fortuna. O resultado final de catro goles a tres, quizais inxusto para o merecemento de ámbolos dous conxuntos, fixo que as esperanzas de acadar a quinta posición se esfumasen para a escadra verde e negra, aínda que o sexto posto que ocupou finalmente non deixa de ser un xusto premio a unha campaña máis que aceptable. Para a próxima temporada agárdanse cambios no sistema de competición, xa que Federación Galega de Fútbol está promovendo un campionato de liga ao que parece que se está sumando un número importante de clubes, mentres que outros teñen a intención de permanecer na competición que seguirá organizando a Asociación Cultural de Futbolistas Veteranos. No caso do Armenteira Veteranos a decisión aínda non está tomada, pero, en calquera caso, si podemos asegurar que esta parroquia do concello de Meis estará representada nunha destas ligas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario