Buscar neste blog

mércores, 15 de xuño de 2016

S.D. Chispa e Armenteira C.F. poñen fin á liga benxamín cun intenso partido en Monte Redondo

O campo de Monte Redondo, na parroquia vilanovesa de Corón, acolleu este mércores o último encontro da Segunda Autonómica Benxamín, Grupo 63, no duelo que mediu ao conxunto local da S.D. Chispa e ao Armenteira C.F. O cadro que dirixen Valentín Estévez e José Ramón Dacosta estaba dando mostras dunha notable progresión nas últimas xornadas, tal e como se puxo de manifesto no IV Torneo de Fútbol Base C.J. Cambados. Os de Corón trataron de impoñer dende o inicio a súa maior experiencia e potencial, aínda que non o tiveron nada fácil. Un tanto de Andrés Fernández colocou a emoción no marcador e durante bastantes minutos mantívose certo equilibrio no dominio do xogo, pero, finalmente, a diferenza de entre ambas escadras quedou plasmada no oito a dous co que rematou o partido. Con esta derrota finaliza unha temporada que foi sobre todo ilusionante para un grupo de rapaces e rapazas que, na maior parte dos casos, se iniciaron no mundo do fútbol da man do Armenteira C.F., e dun cadro técnico que tanto empeño puxo en formalos e guialos neste apaixoante deporte. Valentín Estévez, José Ramón Dacosta e Víctor Saborido encárgaronse desta dura pero gratificante labor cunha xeración de futbolistas que deixa asegurado o futuro da entidade verde e negra.


Ningún comentario:

Publicar un comentario