As localidades de Cambados e de Dena acolleron este sábado a participación dos equipos benxamín e alevín do Armenteira C.F. Como ven sendo habitual temporada tras temporada a entidade verdinegra non perde a oportunidade de brindarlles aos seus xogadores e xogadores a posibilidade de disfrutar de eventos deste tipo.
O equipo benxamín disputou no campo de O Pombal, en Cambados, o IV Torneo de Fútbol Base C.J. Cambados. O cadro que dirixen Valentín Estévez e José Ramón Dacosta foi encadrada no grupo A, xunto coa E.F.B. Vilanova, o Chapela C.F. e o C. Xuventude Cambados "A". Os rapaces e rapazas do clube verdinegro exhibiron sobre o estadio cambadés a progresión que levan experimentando semana a semana, ante o orgullo da afección e do corpo técnico que tanto empeño está a poñer na súa formación, deron unha imaxe máis que aceptable, destacando o empate colleitado no partido da fase de consolación ante o C. Xuventude Cambados "B", no que a fortuna non os acompañou nos lanzamentos dende o punto de penalti, Estas boas sensación agardan ser confirmadas no partido que disputarán este mércores a partires das 19 horas no campo de Monte Redondo, en Corón, que servirá de peche a unha temporada para o recordo para este grupo de futbolistas.
O equipo alevín desprazou ata Dena, onde no campo de As Cachizas disputou o III Torneo Solidario de Fútbol-8 Barileza. O conxunto que adestra Jonathan Crespo foi encadrado no grupo A, no cal tivo que medirse ao Unión Dena C.F., á A.D. Arousa F-7 e á A.C.D. Ancora D`Ouro "B". No primeiro encontro, ante o equipo anfitrión, os de A Armenteira saíron faltos de intensidade, o que foi aproveitado polo Unión Dena C.F. para anotar dous goles nos primeiros minutos. Os intentos de reacción do cadro verdinegro, que dispuxo de varias ocasións para apretar o marcador, foron infrutuosos, e o partido remataría coa vitoria por dous goles a cero para os locais. No segundo encontro, o rival en liza era a A.D. Arousa F-7, unha escadra de sobra coñecida polos de O Leixo debido aos numerosos enfrontamentos que os mediron nas últimas datas. Ademais, nas filas do conxunto de Vilagarcía figuraba Rubén García, que formou parte esta temporada do plantel do Armenteira C.F. O dominio do xogo estivo en todo momento nos pés dos xogadores e xogadoras que dirixe Jonathan Crespo, que conseguiron con dificultades superar a falta de acerto nos metros finais que os estaba condenando nos últimos partidos. E así Zubo, resolvendo na área unha xogada colectiva, e Manu Meixús culminando unha acción individual puxeron en clara vantaxe aos de A Armenteira. No último minuto, o A.D. Arousa F-7 maquillaba o marcador transformando un lanzamento de falta dende longa distancia. Xa pola tarde, no encontro final da fase de grupo, o Armenteira C.F. deu a súa mellor imaxe neste torneo. Con dinamismo e velocidade no xogo, tomou o control da situación, e froito dese dominio, Adri, rematando de cabeza na área pequena un bonito centro de Zubo, colocou por diante ao seu equipo. Pero de novo o desacerto en ataque e a lentitude e falta de contundencia en defensa acabaron condenando aos de Jonathan Crespo a unha derrota inmerecida. Estes resultados e a non existencia de fase de consolación neste torneo de Dena obrigaron aos rapaces e rapazas do equipo alevín do Armenteira C.F. a facer as maletas, nas que puideron incluír unha medalla que a organización lles entregou e que supuxo o xusto premio ao seu esforzo sobre o terreo de xogo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario