Buscar neste blog

domingo, 12 de xuño de 2016

Fin de temporada sen fortuna para os equipos infantil e cadete do Armenteira C.F.

A temporada 2015/2016 puxo este domingo o seu peche para os equipos infantil e cadete do Armenteira C.F. Ámbolos dous conxuntos disputaron a última xornada de liga e poderán agora descansar despois dunha longa campaña.

O equipo infantil tiña unha durísima cita ante o San Martín C.F. no campo Municipal de Vilaxoán. O cadro que dirixiu o cambadés Valentín Estévez, que se fixo cargo dos adestramentos nas últimas semanas, era o convidado de pedra do conxunto local, que de vencer, aseguraría o primeiro posto e a praza que da lugar ao ascenso directo á Primeira Autonómica Infantil. Tras uns primeiros minutos de tanteo, nos que o conxunto verdinegro mantivo a compostura e se mostrou ordenado e colocado no campo, o toque e a velocidade dos de Vilaxoán impuxeron a súa lei. O esforzo da defensa, na que os mancados Álex Ruel e Xoán, xunto con Sebas e Juan, trataban de deter as acometidas rivais cara a meta defendida por Santi, non era suficiente para parar o potencial ofensivo do San Martín C.F. Entre o festival de goles dos locais, que se viu correspondido por un excelente ambiente nas bancadas, Piñeiro logrou, cunha magnífica bolea ante a saída do porteiro, o único tanto do Armenteira C.F. Cando o colexiado Carballal Pérez decidiu con sensatez decretar a fin do partido, os de Vilaxoán puideron celebrar cunha gran festa o seu ascenso de categoría, mentres que os de O Pombal recibían un merecido aplauso do público asistente despois dunha temporada longa e chea de adversidades.

Pola súa contra, o equipo cadete desprazábase ata o campo de O Terrón para enfrontarse á E.F.B. Vilanova. O cadro que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido aspiraba a culminar a súa aceptable temporada con tres puntos máis ante un conxunto que o superaba na clasificación pero ao que vencera no partido da primeira volta. Tras os tantos de Mathias e Alberto, as esperanzas de traer un triunfo de O Terrón parecían confirmarse, pero os de O Leixo non contaban coa reacción da E.F.B. Vilanova. E esta foi firme e contundente, e nunha segunda parte memorable, os branquiazuis conseguir voltear o marcador e acabaron facéndose cunha vitoria por cinco goles a dous. A pesares da derrota, o cadro técnico do Armenteira C.F. fai un balance positivo da campaña realizada, xa que, aínda que o potencial da escadra podía permitirlle situarse na loita polos primeiros postos, os continuos reveses que a foron afectando dende o inicio da temporada condenaron aos de Marcial Prado unha honrosa sétima praza con corenta e un puntos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario