Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. volver ter esta fin de semana unha xornada intensa, que será de participación en torneos para os equipos benxamín e alevín, e liga, a última desta temporada, para os equipos infantil e cadete.
O equipo benxamín afronta o seu primeiro torneo de fin de campaña. Será o que no IV Torneo de Fútbol Base C.J. Cambados, no que a maioría dos rapaces e rapazas que dirixen Valentín Estévez e José Ramón Dacosta vivirán a súa primeira experiencia nun evento deste tipo. A aceptable imaxe que este conxunto deu no encontro correspondente á trixésimo segunda xornada que disputou o pasado xoves no campo de Berdón, no que a pesares de caír derrotado por once goles a cero, volver dar mostras de progresión e de notables avances en todos aspectos do fútbol, supoñen unha satisfacción e un merecido premio para o bo traballo que o cadro técnico está a levar a cabo con este grupo de futbolistas. No torneo cambadés os de O Leixo deberán medirse na fase de grupos á E.F.B. Vilanova, a partires das 11 horas, ao Chapela C.F, a partires das 13 horas, e ao C. Xuventude Cambados, a partires das 16:30 horas. No caso de ocupar un dos dous primeiros postos do grupo os de Valentín Estévez entrarían na loita polo título de campión, mentres que de situarse no terceiro ou cuarto posto deberían disputar as eliminatorias de consolación. Para esta cita o técnico cambadés non poderá contar con Ainoha nin con Brais Charlín, dúas importantes baixas para un bloque que comeza a dar mostras de relativa solidez.
O equipo alevín disputará, pola súa parte, o III Torneo Solidario de Fútbol-8 Barileza, que terá lugar no campo de As Cachizas, en Dena. A escadra que dirixe o valgués Jonathan Crespo figura no grupo A, o grupo verde, e deberá enfrontarse na primeira fase ao Unión Dena C.F., a partires das 11 horas, ao A.D. Arousa F-7, a partires das 13 horas, e ao conxunto marinense do Santomé-Ancora D´Ouro "B" F.S., a partires das 15 horas. De clasificarse nunha das dúas primeiras prazas do grupo o conxunto verdinegro accedería ás eliminatorias polo título e, no caso de non acadar esas posición, quedaría definitivamente apeado do torneo. As preocupacións do adestrador local céntranse principalmente na mala racha de resultados que están afectando ao seu equipo nas últimas xornadas. A falta de puntería e a debilidade defensiva están condenando a un conxunto que viña realizando una excelente campaña, como se mostrou a pasada fin de semana no II Torneo C.D. Ribadumia, ou este xoves no encontro de volta da promoción de ascenso á Primeira Autonómica Alevín na modalidade de Fútbol-8. Neste último partido, no que o Armenteira C.F. caiu derrotado no campo de O Leixo por cero goles a tres ante a A.X.D. Verdugo, os locais desperdiaron numerosas ocasións, e concederon algunha que outra facilidade na zona defensiva, da que sacaron proveito os de Ponte Sampaio. Con resultado de cero a dous ao descanso a remontada parecía posible, pero o nerviosismo e a ansiedade por anotar do cadro verde e negro xogoulle unha mala pasada, e todo isto, unido, a un polémico gol, no que a enfervorizada afección local reclamou como falta ao meta Sergio, fixou un abultado cero a tres, que non reflectiu o que se viu realmente sobre a terra do campo do lugar de O Busto. No torneo de Dena os rapaces e rapazas do clube de A Armenteira tratarán de darlle a volta á mala fortuna dos últimos partidos, e procurarán superar as dificultades que poden significar as previsibles ausencias dalgúns xogadores importantes na estrutura do equipo.
O equipo infantil afronta o domingo a partires das 12 horas, no campo Municipal de Vilaxóan, a súa última cita ligueira da temporada. Será a estrea no banco deste conxunto de Valentín Estévez, que nas últimas semanas asumiu a dirección dos adestramentos deste conxunto, e que buscará darlle un xiro aos resultados desfavorables que levan afectando a esta escadra dende o inicio da temporada. A ocasión non parece a máis propicia, xa que o rival, o San Martín C.F., ocupa a primeira posición, con noventa puntos. O cadro vermello contaba ata a pasada xornada todos os seus encontros por vitorias, pero a derrota ante o C. Vilagarcía S.D. puxo en perigo esa praza, a única que da acceso ao ascenso directo de categoría, ao situarse os de Berdón a só dous puntos dos de Vilaxoán. Polo tanto a cita desta fin de semana preséntase como decisiva para dilucidar cal será o conxunto que se proclame campión do grupo 8 da Segunda Autonómica Infantil, feito polo cal a Federación Galega de Fútbol estableceu un horario unificado para os partidos no que os postos de ascenso ou promoción estean en xogo. Para esta ocasión tan especial na que o Armenteira C.F. ten o privilexio de participar, o técnico cambadés poderá debutar contando coa práctica totalidade dos seus xogadores, agás o sancionado Jose Otero, unha baixa máis que notable á que tentarán facer fronte en base ao traballo e ao compromiso colectivo.
Para finalizar, o equipo cadete, disputará o domingo a partires das 12 horas ante a E.F.B. Vilanova o partido de despedida da liga 2015/2016. Foi sen dúbida unha temporada difícil e con moitas adversidades para o conxunto que dirixen Marcial Prado e Víctor Saborido, pero a forza do grupo soubo salvar os obstáculos que foron apareceron no camiño e finalizar nunha aceptable sétima posición, que non vai variar, independentemente do resultado que acaden esta fin de semana. O cadro vilanovés ocupa a quinta praza con corenta e oito puntos, sete máis ca os de O Leixo, pero xa caiu derrotado en A Armenteira no partido da primeira volta, polo que os xogadores verdinegros agardan repetir ese éxito e rematar con bo sabor de boca a temporada. O cadro técnico que encabeza Marcial Prado contará en principio con todos os seus efectivos para disfrutar da que será a última cita futbolística na categoría cadete para moitos dos compoñentes do conxunto, á espera de que se concrete o proxecto de equipo xuventil que o Armenteira C.F. ten pensado levar a cabo na próxima campaña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario