Buscar neste blog

domingo, 30 de xullo de 2017

A Asemblea Xeral da Federación contará coa presenza do Armenteira C.F.

O Armenteira C.F. estará presente na Asemblea Xeral que a Federación Galega de Fútbol celebrará este luns 31 de xullo, a partires das 20:00 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. Unha representación da Xunta Directiva asistirá a un acto no que se tratarán asuntos tan importantes como a memoria deportiva da temporada 2016/2017, a aprobación das contas anuais correspondentes e os resultados correspondentes ao exercicio económico de 2016, a solicitude de autorización á Asemblea Xeral para a aprobación do plan competicional de fútbol veterano e das especialidades de fútbol gaélico e fútbol sala ou a presentación de modificacións do Regulamento Xeral e do Regulamento Disciplinario. Asimesmo procederase ao sorteo do calendario da Terceira División Nacional, grupo 1, o que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, e dos grupos Norte e Sur da Preferente Galicia para a temporada 2017/2018. No evento agárdase que reapareza o presidente da institución, Rafael Louzán, convalecente tras un desafortunado accidente de bicicleta. Coa participación nesta Asemblea o Armenteira C.F. quere potenciar a súa política de participación en actos organizados tanto pola Federación, como por outros clubes ou medios de comunicación, nos que a súa presenza vén sendo habitual dende o inicio do mandato da actual Xunta Directiva.



O bispo de Barcelona oficiará este luns unha misa en A Armenteira

O bispo de Barcelona, Juan José Omella, dirixirá un oficio relixioso este luns 31 de xullo na igrexa do mosteiro de A Armenteira. No acto litúrxico, que terá lugar a partires das 16:00 horas, participarán uns cens mozos e mozas dun grupo de acción católica que elixiron este escenario para unha actividade que se inclúe dentro do seu programa de verán. Monseñor Omella, nomeado cardeal polo papa Francisco en xuño do presente ano, é actualmente unha das máximas autoridades da xerarquía católica no estado español. Natural de Cretas, en Teruel,, ocupou os cargos de bispo de Basbastro-Monzón, de Calahorra e de La Calzada-Logroño antes de que, en 2015, antes de que o sumo pontífice Jorge Mario Bergoglio o puxese á fronte do bispado de Barcelona, no que sucedeu a personaxes tan carismáticos como Ricard María Carles e Lluis Martínez i Sistach. Por enésima ocasión o mosteiro cisterciense volve acoller unha celebración relixiosa multitudinaria, que se une aos frecuentes actos nupciais e e á masiva participación nos actos litúrxicas que soe caracterizar á fregresía que dende fai trinta e oito anos administra don Ramón Fernández Ramos.



venres, 28 de xullo de 2017

Meis acolle un curso de monitor de fútbol

O Concello de Meis foi o lugar elixido pola Federación Galega de Fútbol para a realización dun novo curso de monitor de fútbol, unha titulación que permite exercer este cargo nas categorías e niveis máis básicos. A actividade formativa, que terá lugar durante o próximo mes de agosto, realizarase no Centro Multiusos de O Mosteiro, situado no antigo campo da feira, mentres que a parte práctica será impartida no recentemente renovado campo Municipal de Meis. Ao acto de presentación, celebrado na mañá deste venres no salón de plenos da Casa Consistorial, asistiron representantes municipais, encabezados polo alcalde José Luis Pérez Estévez e a concelleira de Cultura, Educación e Deporte, Ofelia Barral, así como representantes da Xunta Directiva da Federación, o presidente do Comité Galego de Adestradores, Manuel Mosquera, e unha representación dos tres clubes de fútbol máis significativos do Concello: C.D. Mosteiro, Zacande F.C. e Armenteira C.F. Tal como espuxo Amancio Varela, directivo da Federación Galega de Fútbol, o curso desenvolverase de maneira intensiva, co que permitirá que os alumnos e alumnas poidan dispoñer da titulación antes de que dean inicio as competicións, a principios do mes de setembro. Cabe recordar que na vindeira temporada será obrigatorio que todas as persoas que ocupen o cargo de adestrador e se senten nun banquillo durante os partidos para realizar estas función dispoñan do título correspondente a cada categoría e nivel. Por este motivo agárdase que sexan moitos os alumnos e alumnas interesados nun curso que terá un horario flexible, con varias franxas a elixir, e que terá un custo de 150 euros.


xoves, 27 de xullo de 2017

Armenteira, si quero

Non sabemos con exactitude cal era a concepción e a trascendencia que tiña o amor para os habitantes de A Armenteira nos tempos máis remotos. Supoñemos que as xentes que nos deixaron testemuñas tan valiosas como a mámoa da Casiña da Moura ou os petróglifos do Outeiro do Cribo eran xentes de profundo sentimentalismo, ou polo menos, a tenor dos restos que conservamos, é evidente que eran xentes cun gran aprezo polas persoas que os rodeaban e cun tremendo amor á natureza e ao territorio no que habitaban, e delo quixeron dar constancia nas construcións funerarias e nos gravados que nos deixaron. Pero para quen o amor era unha parte imprescindible era para Don Ero, aquel cabaleiro da Corte de Alfonso VII, que aló polo século XII decidiu trasladarse a esta tranquila paraxe das ladeiras do Monte Castrove para disfrutar, na compaña da súa esposa, da paixón e a tenrura entre os frondosos bosques de carballos e os rebulideiros regatos que baixaban entre os penedos. Con todo, ese amor que sentía pola súa muller e pola súa terra non era quen de darlle descendencia, e a Virxe, á que Don Ero e a súa esposa amaban intensamente, aparecéuselles nun soño para comunicarlles unha gran noticia: por fin poderían ter descendencia, pero non sería unha descendencia de fillos naturais, senón fillos espirituais, que perpetuarían o seu legado e impedirían que a súa obra xamais fose esquecida. Foi entón cando Don Ero mandou construír un mosteiro e pediu a San Bernardo que lle enviase monxes para comezar a fundar esa familia pola que tanto suspiraba. Séculos máis tarde, hai outra lenda que nos fala do amor, pero do seu lado máis tráxico. É a historia do "reo de amor", que aparece explicada nun panel ao pé dun dos muíños da Ruta da Pedra e da Auga, e na que se conta como nese lugar un veciño de Couso, desesperado por un desengano amoroso, se quitou a vida na ponte que cruza o río Armenteira cara a aldea de O Batán.

Moitos anos despois A Armenteira segue sendo un lugar bucólico e sentimental, un territorio no que o amor cobra máis importancia día tras día. E é precisamente no mosteiro que Don Ero fundara fai case nove séculos onde esas manifestacións de amor se expresan con maior claridade. Dende fai varios anos esta magnífica xoia arquitectónica convertiuse nun dos principais centros de atracción para as parellas de namorados. O éxito do mosteiro e da súa igrexa como escenario para os enlaces nupciais leva a que moitos noivos fagan as súas reservas con ata dous anos de antelación. Don Ramón, o cura párroco, e o seu equipo de colaboradores, atenden amablemente as ducias de peticións de voda que reciben anualmente e tratan de encaixar as cerimonias nun calendario especialmente sobrecargado nos meses de verán e no que os sábados son con diferenza os días máis solicitados. Xentes de toda clase e condición, de distinta procedencia, enchen de ambiente e colorido, e tamén de glamour o entorno deste marabilloso conxunto histórico-artístico. Santiago de Compostela, Madrid, Sevilla, París... Son tan variados os lugares de orixe das persoas que elixen A Armenteira para este acontecemento tan especial que lle dan a este enclave un aire cosmopolita no que o estilo e a elegancia se mesturan coa curiosidade duns veciños e veciñas que observan con atención un espectáculo ao que xa consideran algo cotián. Ben é certo que son moi escasas as ocasións nas que os que se dan o si quero son noivos e noivas da parroquia. Os tempos mudaron como tamén o fixeron as costumes, pero o que non mudou foi o amor que a xente sente por A Armenteira e o papel que A Armenteira ten como lugar para o amor. Sen ir máis lonxe esta fin de semana ábrese a temporada alta de vodas, unha temporada na que os sentimentos e as emocións volverán aflorar como xa o fixeron nos preto de corenta enlaces nupciais celebrados durante o pasado ano.







luns, 24 de xullo de 2017

O compromiso cunhas cores

Cando nos referimos ao Armenteira C.F. e falamos de permanencia nun clube, de fidelidade a un escudo e de compromiso cunhas cores temos que mencionar de forma obrigada a unha persoa. Esa non é outra que Marcial Prado, o adestrador que máis tempo leva vinculado á entidade dos que actualmente ten en plantel. Natural do lugar de O Pazo, na parroquia veciña de San Salvador de Meis, aínda que con orixes familiares en A Armenteira, concretamente no lugar de Cabeza de Boi, Marcial é o que se di un home da casa. A súa relación co Armenteira C.F. iniciouse cando se incorporou como xogador ao equipo sénior co que contaba a entidade fai case unha década. Axiña se pasou a integrarse no cadro de adestradores das categorías de fútbol base, renacidas en 2005 da man de Martín Casais, do que exerceu de axudante durante os primeiros anos. No ano 2011 chegou a súa primera gran oportunidade. A Xunta Directiva púxoo á fronte do equipo xuvenil. Lamentablemente aquel proxecto só durou unha temporada e o ano seguinte Marcial retornou á categoría alevín, colaborando con Alberto Bouzas no inicio da liga e como responsable do equipo na recta final. Outra porta abriríaselle na campaña seguinte cando Martín Casais deixa nas súas mans o conxunto infantil. Unha temporada exitosa en canto a resultados e goles e un quinto posto na clasificación final falan ben ás claras do excelente traballado realizado. Carlos, André, Diego Berreco, Villa, Roberto, Mathias ou Adrián, compoñentes dunha das mellores xeracións de futbolistas da canteira de O Leixo estarían baixo a súa batuta dous anos máis, pero xa na categoría cadete. Decidido a darse un respiro e tomarse un ano de relativo relax Marcial mudou de opinión e, no verán de 2016, tomou o mando dun dos máis interesantes e ambiciosos proxectos do Armenteira C.F. ao longo da súa historia, o equipo feminino. Con rectitude, con templanza e con moita, moita paciencia, guiou a un grupo de rapazas que apenas tiñan experiencia no mundo do fútbol pero que, ávidas de aprender e progresar, seguiron as leccións de Marcial e do seu corpo técnico e foron experimentando notables progresos con discurrir dos partidos. A capacidade de facer grupo, a cohesión interna, a aposta por un fútbol de conceptos básicos pero efectivo e polo alto ritmo e a intensidade no xogo son as señas de indentidade dun adestrador que ama o fútbol tanto como a súa outra gran paixón, os rallies. Gran coñecedor do deporte do balompé, domina un gran número de datos, non só da liga na que compite o equipo que dirixe, senón que segue con gran meticulosidade a evolución dos outros equipos do clube, e infórmase con gran detalle de todos os niveis e categorías. Tanto da que sexa fútbol base que categorías sénior, ligas de afeccionados que ligas profesionais, competicións locais que competicións internacionais, case nada se escapa do seu control. En definitiva, un home tranquilo, calmado, leal e bondadosdo que saca a relucir o seu carácter nos partidos, ao que o fútbol e o amor o trouxeron un día a A Armenteira, e que dende entón decidiu non abandonar unha parroquia e unhas cores que continuará defendendo unha campaña máis, como futbolista no Armenteira Veteranos e como adestrador do equipo feminino do Armenteira C.F., ao que dirixirá por segunda temporada consecutiva.








venres, 21 de xullo de 2017

Cousas de A Armenteira

"Camiño esquecido que xa non vai a ningures. Un camiño calzado de pedra, inzado de silvas ensarilladas e de ortigas arnaes, que se perde na boca moura dunha congostra.

Eu sempre perguntaba a miña avoa: Onde vai da-la verea vella? E miña avoa respondíame con certo mistéreo: Non vai a ningures, meu meniño.

Aquela verea vella turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máís alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente.

Casales de boa pedra, lagares que lembran fartura, trabes apodrecidas, moreas de tella; todo vai amortaxado con edras, silvas e loureiros, e por riba daquela vizosa vexetación, as follas amarelas e vermellas dunha viña sen froito.

Debaixo dunha nogueira seca senteime a debullar sentimentos que aínda hoxe están alí en espera…

Cando volvín á casa escoitei de miña avoa a hestoria da aldea esquecida.
— Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro de Armenteira.

Agardando o intre do reparto da riqueza, o capitán enterrouna en sitio segredo; mais ó seguinte día o capitán apareceu morto no seu leito e nunca máis se soupo do tesouro.

Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas, merábanse os froitos, morrían entangarañados os rapaces, secábanse as fontes. Para escorrenta-lo mal fado ergueron cruceiros a eito.

De nada valeu nada. No remate sóupose todo e aínda hoxe o lugar está illado das xentes de ben."

Este relato é obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e, ao igual outros textos, foi publicado polo escritor e político rianxeiro na prensa da época, sendo logo recollidos en Cousas. Neste libro o autor fai a súa peculiar interpretación de Galicia, con narracións sempre acompañadas dunha ilustración, cunha temática normalmente labrega ou mariñeira e con personaxes arquetípicos que soen representar os sectores máis marxinados da sociedade. Camiño esquecido, A aldea esquecida ou Foi que nunha noite, títulos cos que foi publicado este relato nas súas distintas publicacións dende que vira a luz por primeira vez na Revista Nós en 1920 conta a lenda da maldición que sofren os habitantes da aldea de Abuín, en Rianxo, despois de teren roubado no mosteiro de A Armenteira e de quitar a vida a un dos monxes do convento para levar a cabo a súa maniobra. Este castigo provocaría a extinción das xentes de Abuín e a desaparación da aldea. O acontecemento chegou a Castelao da boca da súa avoa, e o xenio e a creatividade do rianxeiro farían o resto. Pero esta non é a única historia que fala deste famoso e popular roubo. A desamortización levada a cabo polo ministro Mendizábal en 1836 puxo á venda boa parte dos bens do clero e, no caso de A Armenteira, motivou que os monxes cistercienses que habitaban o lugar se visen obrigados a abandonalo. Iso e a codicia das xentes provocaron que o mosteiro fose pouco a pouco desmantelado e que durante máis dun século só quedasen os muros en boa parte do edificio. O traballo da asociación Amigos de Armenteira, que culminaría coa chegada en 1989 dunha comunidade de monxas procedentes de Alloz, en Navarra, permitiu a recuperación e a restauración dun conxunto arquitectónico que actualmente é unha das grandes referencias a nivel turístico e patrimonial da provincia. Con todo, máis de século e medio de escuridade e de abandono provocou a aparición de lendas nun lugar xa de por si lexendario dende que Don Ero puxese os seus ollos nesta paraxe tan tranquila e acolledora para retirarse á vida contemplativa e á oración. Varios destes episodios calarían na cultura popular, incluso entre as xentes de A Armenteira. Hai quen segue falando de Pepa a Loba, das inmensas riquezas que gardaba o mosteiro, de como eses ladróns fixeron parada en Caroi, dando nome á que hoxe en día se segue coñecendo como a Casa da Plateira e de tantas e tantas historias na que o real e o imaxinario, as horas de conversa e o maxín fabricaron un repertorio de mitos que a literatura acabaría recollendo e reinterpretando.

Castelao, gran patriarca da literatura e da cultura galega, tomaría a A Armenteira como fonte de inspiración, igual que antes o fixeran Alfonso X o Sabio, Frei Martín Sarmiento, ou despois Ramón Del Valle-Inclán, Ramón Cabanillas, Fermín Bouza-Brey ou Gonzalo Torrente Ballester. En vísperas do día da Patria Galega cómpre reivindicar o papel que o carácter lexendario da nosa parroquia ten na literatura e na cultura de Galicia. Son escasas as publicacións, as obras de arte, os actos culturais ou as celebracións que exploten un recurso no que A Armenteira ten un enorme potencial, no que conserva un tesouro máis grande e valioso que aquel que, segundo as lendas, se foron levando e nunca máis retornou. Sería preciso que institucións, entidades culturais, empresas ou asociacións desenvolvesen iniciativas para promover a posta en valor do patrimonio que representan as lendas de A Armenteira, un patrimonio que non se pode ver nin tocar, pero que nin o paso do tempo nin os anos de esquecemento puideron borrar das memoria dos veciños e veciñas.

Unha aposta pola continuidade e a progresión

En tempos de planificación e preparación da temporada que comezará en apenas dous meses o Armenteira C.F. ven de confirmar aos responsables dos equipos cos que saíran a competir no vindeiro mes de setembro. Catro son as categorías nas que previsiblemente vai ter equipo a entidade verdinegra: benxamín, alevín, infantil, xuvenil e sénior feminino. Na categoría benxamín Jonathan Crespo e Eva López serán os encargados de dirixir unha escadra na que o clube ten depositadas moitas esperanzas. Capitaneados por Brais Charlín este grupo de nenos e nenas representan, a pesares da súa xuventude, unha das apostas máis ambiciosas e que de seguro dará grandes éxitos tanto a nivel competitivo como sobre todo a nivel formativo. Na categoría alevín será o tándem formado por Luis e Alba Barral quen siga levando o timón. Un conxunto axustado en canto a número pero con gran potencial de progresión que pretende continuar os éxitos logrados na pasada campaña. Brais Santamaría, Sergio Matilde, Sara Otero ou Ainoha serán algúns dos compoñentes do conxunto dunha categoría á que o Armenteira C.F. sempre presta unha atención especial. Na categoría infantil serán tamén Luis e Alba Barral quen dirixa o equipo máis numeroso en canto a efectivo e que se presume con maior potencial a nivel deportivo. Trátase dunha xeración cunha base ligada ao clube dende prebenxamíns e cunha progresión que vai en aumento ano tras ano.  Na categorías cadete e xuvenil estará un dos principais retos para o clube de O Leixo. Catro temporadas despois o Armenteira C.F. volverá contar cun equipo xuvenil. A alianza con outro clube da comarca permitirá por en marcha un interesante proxecto que sentará as bases de futuro da entidade. Este importante desafío será guiado por unha das persoas máis competentes coas que conta o clube, Valentín Estévez "Tilín", que permanecerá vinculado á entidade por cuarta temporada consecutiva. E, para finalizar, na categoría feminina serán Marcial Prado e Junior Tirado os responsables de comandar a segunda singladura dun grupo de rapazas que xa fixeron historia na pasada campaña. As dificultades ás que tiveron que facer fronte no inicio do proxecto foron pouco a pouco superadas co discurrir dos partidos. Esta será a temporada da consolidación e, por elo, a Xunta Directiva decidiu potenciar o nivel de preparación tanto a nivel técnico e táctico como a nivel físico.


domingo, 16 de xullo de 2017

O Armenteira C.F. leva a festa ao entorno do mosteiro cisterciense

O Armenteira C.F. celebrou este domingo día 16 de xullo o seu tradicional banquete de fin de temporada. Unhas cens persoas, entre xogadores e xogadoras, pais, nais e demais afeccionados concentráronse no entorno do mosteiro cisterciense de Armenteira, lugar elixido nesta ocasión para o evento. Coa praza de entrada ao adro como epicentro da celebración, o pulpo, o churrasco, a música e o bo ambiente estiveron presentes durante esta calurosa xornada, na que o carácter festivo que o clube de O Leixo trasladou a este turístico enclave se viu completado coa festa da bicicleta que organizou o clube ciclista Armenteiraepunto. O peche ao tráfico rodado do recinto no que tivo lugar o festexo permitiu un mellor disfrute dos asistentes ao acto e do elevado número de visitantes que se achegaron á zona. A representación institucional correu a cargo do alcalde do concello de Meis, José Luis Pérez Estévez e do cura párroco de A Armenteira, Ramón Fernández Ramos. O sorteo dun galo de curral e a entrega duns agasallos aos xogadores e xogadoras do clube puxeron o colofón a un evento que a Xunta Directiva viña deseñando dende fai uns meses e que no actual formado cumpre a oitava edición.







xoves, 13 de xullo de 2017

Un espazo para o lecer

Segundo conta a tradición, Don Ero, un nobre ao servizo do rei de Castela e León Alfonso VII, decidiu regresar á súa terra de orixe na compaña da súa esposa. Ante o seu desexo de ter descendencia, a Virxe fixo aparición nun dos seus soños, ordenándolle fundar un mosteiro e, deste xeito, poder ter numerosos fillos espirituais. Entón Don Ero pide a San Bernardo que lle envíe monxes para vincularse á Orde do Císter e, en pouco tempo, estes comezan a chegar. E é logo cando Don Ero funda un mosteiro e se converte en abade.  Dentro das súas propiedades e non moi lonxe do mosteiro contrúe outro para relixiosas, dependente tamén da Orde do Císter, ao cal se retira a súa esposa. Esta historia, tinguida de lenda, sitúanos en torno ao século XII, pero, sen dúbida o episodio lexendario máis famoso dos relacionados con Don Ero é o que nos relata como nunha tarde este monxe, como era costume nel, saiu a orar ao bosque e como, a pesares da intensa busca, non apareceu. Douscentos anos pasarían dende que Don Ero deixou o cenobio e, durante todo este tempo foi o canto dunha paxariña, no medio da carballeira de Valdedeus, o que o mantivo absorto.  Ao regresar, todo cambiara no mosteiro e, desconcertado, marchou, aínda que nin o seu corpo nin a súa sepultura foron nunca achados.

Igual ca na época de Don Ero, case mil anos despois, A Armenteira segue sendo lugar de atracción para o retiro, o descanso e o lecer. Agora non só os motivos espirituais son os que levan á xente a achegarse a esta tranquila e acolledora paraxe nas ladeiras do Castrove. O turismo, a festa, a gastronomía ou o deporte son razóns que explican o auxe que día a día experimenta A Armenteira. A posta en marcha da Ruta de Pedra e da Auga, a remodelación do entorno do mosteiro que segundo a lenda fundara Don Ero e o paso da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela déronlle un pulo á chegada de visitantes. As dependencias do conxunto monacal, o adro, os bares próximos e todo o entorno rebosan de ambiente, especialmente durante a Semana Santa, período na que se celebra a popular romaría da Virxe das Cabezas, e durante os meses de verán. Pero hai un lugar cunha situación estratéxica e cun enorme potencial para ofrecer un variado repertorio de actividades e servizos. Ese non é outro que a praza que se atopa entre os locais de hostalería e que, por certo, carece dun nome que a identifique e que estea acorde coa súa localización e importancia. No seu día propúxose o de Gonzalo Torrente Ballester, pero as relacións do escritor ferrolán coa ditatura franquista restaron consenso ao nomeamento e desterraron o busto do literato, inicialmente pensado para colocar na praza, a un lugar non menos privilexiado, a Ponte Xoán. Ben podería Don Ero o que lle dese nome. De seguro que sería moito máis aceptado. Máis aló destas consideracións este emprazamento presenta unhas condicións inmellorables para incrementar o seu papel como punto de referencia. As restriccións ao tráfico rodado, principalmente nos días de maior concurrencia, como os domingos, e a aposta por espectáculos lúdicos, culturais e musicais, unido á súa potenciación como espazo comercial e de lecer, consolidarían a esta praza como o verdadeiro centro neurálxico da parroquia. A comisión de festas, o Armenteira Jazz ou o BTT Callos xa o veñen utilizando con éxito. O próximo en facelo será o Armenteira Club de Fútbol, que elixiu este lugar para un ambicioso e chamativo banquete de fin de temporada. Todo elo debe contribuír a reforzar o papel dunha praza que necesariamente debe medrar en usos, e que quizais algún día tamén medre en extensión para unir este emblemático espazo co lugar de Caroi e transformarse nun gran parque no que arte, historia, natureza, deporte e lecer conflúan para que os soños e as ilusións de Don Ero se fagan realidade naquel territorio ao que regresou polo ano 1149 e no que o carácter máxico e lexendario permanecen intactos.





martes, 11 de xullo de 2017

Esixencia e rivalidade no grupo do Armenteira Veteranos para a próxima temporada

O Armenteira Veteranos xa coñece o grupo no que militará na temporada 2017/2018. O conxunto verdinegro volverá formar parte da Segunda Galicia de Veteranos, na que tamén estivo na pasada campaña. Segundo deu a coñecer a Federación Galega de Fútbol será un grupo formado basicamente por clubes da zona de Arousa e caracterizados todos eles polo alto nivel competitivo. O Umia C.F.-Boa Vila, o Cafetería Impacto, o Bar Santiaguiño ou o Dena Veteranos serán algúns dos equipos cos que compartirá grupo a escadra de O Leixo. Destes últimos, destaca a presenza nesta categoría do cadro de Ribadumia, que decidiu renunciar ao ascenso, e do de Meaño, que deixou a competición organizadada pola Asociación Cultural de Futbolistas Veteranos de Pontevedra para integrarse na liga promovida pola institución que preside Rafael Louzán. A proximidade con estes e coa maior parte dos conxuntos deparará intensos e atractivos duelos de rivalidade. Quince serán os equipos aos que terá que enfrontarse o Armenteira Veteranos nunha competición que ve como para a próxima temporada a práctica totalidade do fútbol veterano da zona de Pontevedra competirá nas ligas reguladas pola Federación. A axilidade nos trámites, o fácil acceso á información sobre os clubes, os resultados e a clasificación ou a calidade da arbitraxe son algún dos motivos que están detrás desta decisión.


luns, 10 de xullo de 2017

Domingo con sabor a fútbol e a pulpo en A Armenteira

O fútbol e o polbo á feira, ou pulpo, como tamén popularmente se coñece, compartirán protagonismo este domingo 16 de xullo en A Armenteira. Serán dous dos encargados
de dar sabor ao entorno do famoso mosteiro cisterciense, onde, na praza situada entre os concurridos locais de hostalería, se instalará unha carpa na que a festa con sabor a fútbol e a pulpo e o bo ambiente que sempre caracteriza esta zona tomarán o mando. O responsable tan tan chamativo evento non podería ser outro que o Armenteira Club de Fútbol. O clube que preside Martín Casais decidiu darlle un xiro ao banquete de fin de temporada que tradicionalmente celebra por estas datas e convertilo nun acto aberto á parroquia e aos numerosos visitantes que se achegan ás proximidades deste espectacular conxunto arquitectónico durante os meses de verán. Aperitivos variados, pulpo á feira, churrasco de porco e tenreira, criollos, patacas fritidas, ensalada... e todo elo completado por unha deliciosa torta xeada, café con gotas e chupitos, sen esquecerse da variada carta de bebidas, na que destacan o viño tinto e branco do país, os refrescos e a auga, constitúen un máis ca exquisito menú. Para incitar a asistencia a tan animado evento a Xunta Directiva da entidade deportiva decidiu poñer uns prezos populares: 25 euros para as persoas adultas e 12 euros para os menores de 12 anos. E o programa non se queda aí. Actuará un dúo musical que expandirá os seus pegadizos ritmos polo entorno empedrado e as terrazas dos locais de hostalería e realizarase algún sorteo. Todo indica que o agasallo será algunha ave de curral ou outro animal criado nas granxas familiares dos membros da Xunta Directiva. Pero é posible que aínda anden preparando algunha sorpresa máis. Por todos estes motivos, e para garantir unha maior seguridade e comodidade tanto a aquelas persoas que acudan ao banquete e como a aquelas outras que estean disfrutando do ambiente, librarase a zona do tráfico rodado, delimitando un recinto festivo que estará engalanado para tan especial ocasión.



venres, 7 de xullo de 2017

Unha mirada atrás e un paso adiante

Unha mirada atrás e un paso adiante. Así foi a Asemblea Xeral que o Armenteira C.F. celebrou o pasado xoves día 6 de xullo na Casa de Cultura da parroquia. Ante un elevado número de asistentes, entre pais, nais, xogadores, xogadoras e socios en xeral os membros da Xunta Directiva da entidade fixeron balance da temporada que vén de rematar e explicaron as liñas básicas da que comezará en pouco máis de dous meses. Abriu o acto Martín Casais, presidente do clube que iniciou o seu discurso cunhas emotivas palabras: "En primeiro lugar quixera lembrar a Javier Martínez "Chicho", ex-vicepresidente do Armenteira C.F., que nos deixou durante esta temporada". Tamén quixo agradecer o traballo das persoas que o antecederon no cargo: "Quero agradecer a labor que realizaron Julio Serén impulsor e primeiro presidente deste clube. E tampouco quero esquecerme de Cristina Pérez, Lucía García e Serafín Melón, que está aquí presente na sala, que co seu traballo contribuíron a que o Armenteira C.F. sexa o que é hoxe". Tras dar as grazas aos asistentes reiterou a importancia do papel que os pais e nais desempeñan no clube: "Vós sodes o motor deste clube. Vós facedes a forza, e nós, a Xunta Directiva somos os que guiamos, pero sen o voso traballo e a vosa colaboración, nada disto sería posible". A continuación interviu Jorge Dávila, tesoureiro e responsable da coordinación deportiva do clube, que fixo mención ao número de licenzas e aos resultados acadados polos distintos equipos durante a temporada: "Consideramos que a temporada foi decente en canto a resultados. Competimos con clubes que practicamente na súa totalidade contan cuns recursos superiores aos nosos. Aínda que para nós os resultados non son o máis importante. O que valoramos especialmente é a formación e a educación a través do deporte dos xogadores e xogadoras. Con todo, énchenos de satisfacción os éxitos acadados ao longo deste ano. Para un clube tan modesto e humilde coma o Armenteira C.F. é un orgullo acadar estes logros" afirmou mentres sinalaba os trofeos gañados durante a temporada e que estaban alí expostos.  Explicou tamén a grandes rasgos a situación económica da entidade: "Este ano movemos un gran volume de diñeiro. A ambición do proxecto, os gastos imprevistos aos que tivemos que facer fronte e a elevada cantidade de investimentos fixo que remataramos a temporada cun lixeiro déficit". Chegou entón a quenda de Iván Borrageiros, secretario do clube e responsable da área social, que, cun tono solemne, detallou os distintos actos nos que participou a entidade:"Foi esta unha temporada moi profusa a nivel social para o Armenteira C.F. Comezamos co acto de presentación, despois virían os torneos de verán en O Leixo, as fotografías oficiais, o banquete de Nadal, a bocatería durante as festas de Semana Santa e a I Copa Armenteira de categoría feminina. E aínda queda por realizar banquete de fin de temporada, que se celebrará vindeiro 16 de xullo. Pero tamén asistimos a actos organizados por outras entidades ou institucións. A Asemblea Xeral da Federación Galega de Fútbol, as galas do fútbol feminino, a inauguración da sede da Federación en Pontevedra ou os diversos torneos nos que participaron os nosos equipos son boa mostra do compromiso do noso equipo co fútbol e con todos aqueles axentes que o promoven". O evento proseguiu de novo coas intervencións de Jorge Dávila, Iván Borrageiros e Martín Casais. Jorge Dávila trazou as liñas básicas do proxecto deportivo para a próxima campaña, relatando a previsión en canto a número de xogadores e xogadoras e os posibles equipos a formar: "Temos moi avanzadas as negociacións con outro clube da comarca que permitirá que o Armenteira C.F. a próxima temporada poida ter equipos nas categorías cadete e xuvenil" sinalou, ao tempo que explicaba aos presentes algúns dos aspectos desa proposta de acordo. Iván Borrageiros fixo referencia ao compromiso coa formación en valores da entidade: "Imos elaborar un código ético que englobe a todos os compoñentes de clube. Formación e educación, respecto e tolerancia, esforzo e traballo en equipo e familiaridade e humildade deben ser sinais de identidade do Armenteira C.F., e todo elo estará recollido neste código ético que servirá para axudar á convivencia tanto entre os membros do clube como con outros clubes, afeccións e árbitros" O encargado de pechar o evento sería Martín Casais, que foi sinalando as distintas xestións a levar a cabo na temporada que comeza: "Entendemos que a día de hoxe contar con campo de herba artificial en A Armenteira sería un luxo, pero non cesaremos na demanda de mellora dunhas instalacións que se atopan nunha situación bastante precaria en comparación coas que dispoñen outros clubes das proximidades" E finalizou mencionando o banquete de fin de temporada que terá lugar o domingo 16 de xullo no entorno do mosteiro cirterciense: "Este ano decidimos apostar forte. Haberá empanada, pulpo, churrasco, ademais da actuación dun dúo musical, sorteos e varias sorpresas. Agardamos poder contar coa vosa presenza para pechar da mellor maneira a temporada" rematou sinalando o mandatario do Armenteira C.F.











mércores, 5 de xullo de 2017

Cando A Armenteira berra gol

Din que os goles son a salsa do fútbol e que sen eles este deporte perdería todo o seu sentido. A Armenteira non é unha excepción e, cada vez que o balón se aproxima á área rival, a adrenalina dos afeccionados e afeccionadas dispárase e os ánimos van en aumento. Na temporada que vén de rematar o aspecto goleador foi un dos que máis destacaron no Armenteira C.F. e no Armenteira Veteranos. Ben é certo que o fútbol, especialmente nas categorías de formación, non se basea unicamente en meter goles, e que hai outros aspectos de moita maior importancia. Golear para humillar, para non respectar aos rivais, é algo que merece ser condenable. Pero máis aló destas consideracións no balance desta campaña non se debe pasar por alto o potencial que os xogadores e xogadoras dos clubes de A Armenteira exhibiron á hora de perforar as porterías adversarias. Na Segunda Galicia de Veteranos Jorge Castro volveu ser o principal referente ofensivo do seu conxunto. Nada máis e nada menos ca 34 dianas, tres delas dende o punto de penalti, acadou o portentoso dianteiro de Vilar, que o auparon ao terceiro posto na táboa de goleadores. Non sorprende que varios clubes de categoría sénior puxeran os seus ollos nun dos grandes talentos xurdidos da factoría de O Leixo, formado e pulido polas sabias mans de Julio Serén, e cunha traxectoria na que pasou por entidades de renome na comarca como o C. Xuventude Cambados, Unión Dena C.F., Umia C.F. ou Zacande F.C. No Armenteira C.F. tampouco faltan artilleiros e artilleiras. Na Segunda División Feminina Ana Martínez, capitana e unha das líderes da escadra, encabezou o apartado anotador no primeiro ano da singladura futbolística deste grupo de rapazas. A xogadora de O Freixo, que alternou as posicións no mediocampo e na dianteira, logrou sete goles, un deles dende o punto de penalti, que foron decisivos para lograr os primeiros e históricos triunfos do Armenteira C.F. nesta categoría. Na Segunda autonómica infantil Álex Piñeiro foi o encargado de capitanear a noble tarefa de anotar goles. Trinta tantos conseguiu o dianteiro de Vilariño, seguido moi de preto por Jose Otero ou Álex Ruel, que tamén sobresaíron pola súa facilidade por alcanzar as mallas rivais. Na categoría alevín o Armenteira C.F. tampouco estivo exento de pólvora, ao contrario. Na Segunda fase alevín o apartado goleador resultou especialmente notorio. Adri e Manu Meixús acabaron liderando a táboa de anotadores do grupo, á fronte dun equipo que logrou a nada despreciable cifra de 137 tantos, por enriba incluso da conseguida polo campión de liga, o C. Xuventú Sanxenxo. Finalmente, na categoría benxamín houbo un futbolista que destacou especialmente. Trátase de Brais Charlín, unha das perlas da canteira verdinegra, e que foi quen de anotar cinco tantos na primeira fase e quince na segunda. Pero a súa vocación goleadora non quedou aí. No primeiro partido que disputou co equipo de categoría superior, o alevín, nada máis recibir o balón, xa o enviou ao fondo da portería contraria. As súas enormes cualidades futbolísticas fixeron que chamase a atención aló por onde ía. Polos distintos campos da contorna non se deixou de eloxiar o talento, a ambición e a calidade que Brais mostra cada vez que o coiro chega aos seus pés. Con todo, e valorando a importancia que estes tantos tiveron no discurrir da temporada para o Armenteira C.F., o que realmente se debe ter en conta, e así consta na mentalidade da Xunta Directiva e o corpo técnico, é a solidaridade e o traballo en equipo. Meter goles é moi necesario, pero máis necesario é fuxir de personalismos e de egoísmos. O que marca é o equipo, o que gaña é o equipo, e os goleadores non son máis que os protagonistas dunha función fundamental para un conxunto, pero que non sería posible sen o esforzo e e colaboración dos compañeiros e compañeiras.











luns, 3 de xullo de 2017

Unha Asemblea de reflexión e presentación

O Armenteira C.F. prepara a Asemblea Xeral Ordinaria de fin da temporada 2016/2017 que se vai celebrar o xoves 6 de xuño na Casa de Cultura da parroquia. A ela están convocados os pais, nais, xogadores e xogadoras e, en xeral, todos os representantes da masa social do clube de O Leixo. Será unha reunión na que se fará unha valoración e unha reflexión da temporada que vén de finalizar e se presentará a nova campaña que dará comezo co inicio dos entrenamentos nas próximas semanas. Na orde do día figuran o balance deportivo e administrativo da temporada 2016/2017, a presentación do proxecto para a temporada 2017/2018, ademais da recollida das equipacións que restan por entregar e a información acerca dos detalles do banquete que servirá para pechar un ano de competición e que terá lugar o domingo 16 de xullo na praza de entrada ao adro do mosteiro de A Armenteira. A entidade que preside Martín Casais tratará de consolidarse como un referente do fútbol base da comarca, mantendo as categorías nas que dispuxo de equipo na pasada temporada, incluído o conxunto sénior feminino e, como soe ser habitual cada ano, dará a coñecer importantes novidades. Unha delas será a aposta polos equipos de categoría cadete e xuvenil, para o cal se está ultimando un acordo de colaboración con outro clube da contorna, que permitirá que estes rapaces poidan seguir competindo e representando ao Armenteira C.F. De todo isto se falará nunha Asemblea na que as preguntas e as propostas dos asistentes serán un dos puntos de maior relevancia e ao que a Xunta Directiva prestará especial atención.