Unha mirada atrás e un paso adiante. Así foi a Asemblea Xeral que o Armenteira C.F. celebrou o pasado xoves día 6 de xullo na Casa de Cultura da parroquia. Ante un elevado número de asistentes, entre pais, nais, xogadores, xogadoras e socios en xeral os membros da Xunta Directiva da entidade fixeron balance da temporada que vén de rematar e explicaron as liñas básicas da que comezará en pouco máis de dous meses. Abriu o acto Martín Casais, presidente do clube que iniciou o seu discurso cunhas emotivas palabras: "En primeiro lugar quixera lembrar a Javier Martínez "Chicho", ex-vicepresidente do Armenteira C.F., que nos deixou durante esta temporada". Tamén quixo agradecer o traballo das persoas que o antecederon no cargo: "Quero agradecer a labor que realizaron Julio Serén impulsor e primeiro presidente deste clube. E tampouco quero esquecerme de Cristina Pérez, Lucía García e Serafín Melón, que está aquí presente na sala, que co seu traballo contribuíron a que o Armenteira C.F. sexa o que é hoxe". Tras dar as grazas aos asistentes reiterou a importancia do papel que os pais e nais desempeñan no clube: "Vós sodes o motor deste clube. Vós facedes a forza, e nós, a Xunta Directiva somos os que guiamos, pero sen o voso traballo e a vosa colaboración, nada disto sería posible". A continuación interviu Jorge Dávila, tesoureiro e responsable da coordinación deportiva do clube, que fixo mención ao número de licenzas e aos resultados acadados polos distintos equipos durante a temporada: "Consideramos que a temporada foi decente en canto a resultados. Competimos con clubes que practicamente na súa totalidade contan cuns recursos superiores aos nosos. Aínda que para nós os resultados non son o máis importante. O que valoramos especialmente é a formación e a educación a través do deporte dos xogadores e xogadoras. Con todo, énchenos de satisfacción os éxitos acadados ao longo deste ano. Para un clube tan modesto e humilde coma o Armenteira C.F. é un orgullo acadar estes logros" afirmou mentres sinalaba os trofeos gañados durante a temporada e que estaban alí expostos. Explicou tamén a grandes rasgos a situación económica da entidade: "Este ano movemos un gran volume de diñeiro. A ambición do proxecto, os gastos imprevistos aos que tivemos que facer fronte e a elevada cantidade de investimentos fixo que remataramos a temporada cun lixeiro déficit". Chegou entón a quenda de Iván Borrageiros, secretario do clube e responsable da área social, que, cun tono solemne, detallou os distintos actos nos que participou a entidade:"Foi esta unha temporada moi profusa a nivel social para o Armenteira C.F. Comezamos co acto de presentación, despois virían os torneos de verán en O Leixo, as fotografías oficiais, o banquete de Nadal, a bocatería durante as festas de Semana Santa e a I Copa Armenteira de categoría feminina. E aínda queda por realizar banquete de fin de temporada, que se celebrará vindeiro 16 de xullo. Pero tamén asistimos a actos organizados por outras entidades ou institucións. A Asemblea Xeral da Federación Galega de Fútbol, as galas do fútbol feminino, a inauguración da sede da Federación en Pontevedra ou os diversos torneos nos que participaron os nosos equipos son boa mostra do compromiso do noso equipo co fútbol e con todos aqueles axentes que o promoven". O evento proseguiu de novo coas intervencións de Jorge Dávila, Iván Borrageiros e Martín Casais. Jorge Dávila trazou as liñas básicas do proxecto deportivo para a próxima campaña, relatando a previsión en canto a número de xogadores e xogadoras e os posibles equipos a formar: "Temos moi avanzadas as negociacións con outro clube da comarca que permitirá que o Armenteira C.F. a próxima temporada poida ter equipos nas categorías cadete e xuvenil" sinalou, ao tempo que explicaba aos presentes algúns dos aspectos desa proposta de acordo. Iván Borrageiros fixo referencia ao compromiso coa formación en valores da entidade: "Imos elaborar un código ético que englobe a todos os compoñentes de clube. Formación e educación, respecto e tolerancia, esforzo e traballo en equipo e familiaridade e humildade deben ser sinais de identidade do Armenteira C.F., e todo elo estará recollido neste código ético que servirá para axudar á convivencia tanto entre os membros do clube como con outros clubes, afeccións e árbitros" O encargado de pechar o evento sería Martín Casais, que foi sinalando as distintas xestións a levar a cabo na temporada que comeza: "Entendemos que a día de hoxe contar con campo de herba artificial en A Armenteira sería un luxo, pero non cesaremos na demanda de mellora dunhas instalacións que se atopan nunha situación bastante precaria en comparación coas que dispoñen outros clubes das proximidades" E finalizou mencionando o banquete de fin de temporada que terá lugar o domingo 16 de xullo no entorno do mosteiro cirterciense: "Este ano decidimos apostar forte. Haberá empanada, pulpo, churrasco, ademais da actuación dun dúo musical, sorteos e varias sorpresas. Agardamos poder contar coa vosa presenza para pechar da mellor maneira a temporada" rematou sinalando o mandatario do Armenteira C.F.
Ningún comentario:
Publicar un comentario