Buscar neste blog

mércores, 5 de xullo de 2017

Cando A Armenteira berra gol

Din que os goles son a salsa do fútbol e que sen eles este deporte perdería todo o seu sentido. A Armenteira non é unha excepción e, cada vez que o balón se aproxima á área rival, a adrenalina dos afeccionados e afeccionadas dispárase e os ánimos van en aumento. Na temporada que vén de rematar o aspecto goleador foi un dos que máis destacaron no Armenteira C.F. e no Armenteira Veteranos. Ben é certo que o fútbol, especialmente nas categorías de formación, non se basea unicamente en meter goles, e que hai outros aspectos de moita maior importancia. Golear para humillar, para non respectar aos rivais, é algo que merece ser condenable. Pero máis aló destas consideracións no balance desta campaña non se debe pasar por alto o potencial que os xogadores e xogadoras dos clubes de A Armenteira exhibiron á hora de perforar as porterías adversarias. Na Segunda Galicia de Veteranos Jorge Castro volveu ser o principal referente ofensivo do seu conxunto. Nada máis e nada menos ca 34 dianas, tres delas dende o punto de penalti, acadou o portentoso dianteiro de Vilar, que o auparon ao terceiro posto na táboa de goleadores. Non sorprende que varios clubes de categoría sénior puxeran os seus ollos nun dos grandes talentos xurdidos da factoría de O Leixo, formado e pulido polas sabias mans de Julio Serén, e cunha traxectoria na que pasou por entidades de renome na comarca como o C. Xuventude Cambados, Unión Dena C.F., Umia C.F. ou Zacande F.C. No Armenteira C.F. tampouco faltan artilleiros e artilleiras. Na Segunda División Feminina Ana Martínez, capitana e unha das líderes da escadra, encabezou o apartado anotador no primeiro ano da singladura futbolística deste grupo de rapazas. A xogadora de O Freixo, que alternou as posicións no mediocampo e na dianteira, logrou sete goles, un deles dende o punto de penalti, que foron decisivos para lograr os primeiros e históricos triunfos do Armenteira C.F. nesta categoría. Na Segunda autonómica infantil Álex Piñeiro foi o encargado de capitanear a noble tarefa de anotar goles. Trinta tantos conseguiu o dianteiro de Vilariño, seguido moi de preto por Jose Otero ou Álex Ruel, que tamén sobresaíron pola súa facilidade por alcanzar as mallas rivais. Na categoría alevín o Armenteira C.F. tampouco estivo exento de pólvora, ao contrario. Na Segunda fase alevín o apartado goleador resultou especialmente notorio. Adri e Manu Meixús acabaron liderando a táboa de anotadores do grupo, á fronte dun equipo que logrou a nada despreciable cifra de 137 tantos, por enriba incluso da conseguida polo campión de liga, o C. Xuventú Sanxenxo. Finalmente, na categoría benxamín houbo un futbolista que destacou especialmente. Trátase de Brais Charlín, unha das perlas da canteira verdinegra, e que foi quen de anotar cinco tantos na primeira fase e quince na segunda. Pero a súa vocación goleadora non quedou aí. No primeiro partido que disputou co equipo de categoría superior, o alevín, nada máis recibir o balón, xa o enviou ao fondo da portería contraria. As súas enormes cualidades futbolísticas fixeron que chamase a atención aló por onde ía. Polos distintos campos da contorna non se deixou de eloxiar o talento, a ambición e a calidade que Brais mostra cada vez que o coiro chega aos seus pés. Con todo, e valorando a importancia que estes tantos tiveron no discurrir da temporada para o Armenteira C.F., o que realmente se debe ter en conta, e así consta na mentalidade da Xunta Directiva e o corpo técnico, é a solidaridade e o traballo en equipo. Meter goles é moi necesario, pero máis necesario é fuxir de personalismos e de egoísmos. O que marca é o equipo, o que gaña é o equipo, e os goleadores non son máis que os protagonistas dunha función fundamental para un conxunto, pero que non sería posible sen o esforzo e e colaboración dos compañeiros e compañeiras.











Ningún comentario:

Publicar un comentario