Buscar neste blog

xoves, 27 de xullo de 2017

Armenteira, si quero

Non sabemos con exactitude cal era a concepción e a trascendencia que tiña o amor para os habitantes de A Armenteira nos tempos máis remotos. Supoñemos que as xentes que nos deixaron testemuñas tan valiosas como a mámoa da Casiña da Moura ou os petróglifos do Outeiro do Cribo eran xentes de profundo sentimentalismo, ou polo menos, a tenor dos restos que conservamos, é evidente que eran xentes cun gran aprezo polas persoas que os rodeaban e cun tremendo amor á natureza e ao territorio no que habitaban, e delo quixeron dar constancia nas construcións funerarias e nos gravados que nos deixaron. Pero para quen o amor era unha parte imprescindible era para Don Ero, aquel cabaleiro da Corte de Alfonso VII, que aló polo século XII decidiu trasladarse a esta tranquila paraxe das ladeiras do Monte Castrove para disfrutar, na compaña da súa esposa, da paixón e a tenrura entre os frondosos bosques de carballos e os rebulideiros regatos que baixaban entre os penedos. Con todo, ese amor que sentía pola súa muller e pola súa terra non era quen de darlle descendencia, e a Virxe, á que Don Ero e a súa esposa amaban intensamente, aparecéuselles nun soño para comunicarlles unha gran noticia: por fin poderían ter descendencia, pero non sería unha descendencia de fillos naturais, senón fillos espirituais, que perpetuarían o seu legado e impedirían que a súa obra xamais fose esquecida. Foi entón cando Don Ero mandou construír un mosteiro e pediu a San Bernardo que lle enviase monxes para comezar a fundar esa familia pola que tanto suspiraba. Séculos máis tarde, hai outra lenda que nos fala do amor, pero do seu lado máis tráxico. É a historia do "reo de amor", que aparece explicada nun panel ao pé dun dos muíños da Ruta da Pedra e da Auga, e na que se conta como nese lugar un veciño de Couso, desesperado por un desengano amoroso, se quitou a vida na ponte que cruza o río Armenteira cara a aldea de O Batán.

Moitos anos despois A Armenteira segue sendo un lugar bucólico e sentimental, un territorio no que o amor cobra máis importancia día tras día. E é precisamente no mosteiro que Don Ero fundara fai case nove séculos onde esas manifestacións de amor se expresan con maior claridade. Dende fai varios anos esta magnífica xoia arquitectónica convertiuse nun dos principais centros de atracción para as parellas de namorados. O éxito do mosteiro e da súa igrexa como escenario para os enlaces nupciais leva a que moitos noivos fagan as súas reservas con ata dous anos de antelación. Don Ramón, o cura párroco, e o seu equipo de colaboradores, atenden amablemente as ducias de peticións de voda que reciben anualmente e tratan de encaixar as cerimonias nun calendario especialmente sobrecargado nos meses de verán e no que os sábados son con diferenza os días máis solicitados. Xentes de toda clase e condición, de distinta procedencia, enchen de ambiente e colorido, e tamén de glamour o entorno deste marabilloso conxunto histórico-artístico. Santiago de Compostela, Madrid, Sevilla, París... Son tan variados os lugares de orixe das persoas que elixen A Armenteira para este acontecemento tan especial que lle dan a este enclave un aire cosmopolita no que o estilo e a elegancia se mesturan coa curiosidade duns veciños e veciñas que observan con atención un espectáculo ao que xa consideran algo cotián. Ben é certo que son moi escasas as ocasións nas que os que se dan o si quero son noivos e noivas da parroquia. Os tempos mudaron como tamén o fixeron as costumes, pero o que non mudou foi o amor que a xente sente por A Armenteira e o papel que A Armenteira ten como lugar para o amor. Sen ir máis lonxe esta fin de semana ábrese a temporada alta de vodas, unha temporada na que os sentimentos e as emocións volverán aflorar como xa o fixeron nos preto de corenta enlaces nupciais celebrados durante o pasado ano.







Ningún comentario:

Publicar un comentario