Buscar neste blog

xoves, 13 de xullo de 2017

Un espazo para o lecer

Segundo conta a tradición, Don Ero, un nobre ao servizo do rei de Castela e León Alfonso VII, decidiu regresar á súa terra de orixe na compaña da súa esposa. Ante o seu desexo de ter descendencia, a Virxe fixo aparición nun dos seus soños, ordenándolle fundar un mosteiro e, deste xeito, poder ter numerosos fillos espirituais. Entón Don Ero pide a San Bernardo que lle envíe monxes para vincularse á Orde do Císter e, en pouco tempo, estes comezan a chegar. E é logo cando Don Ero funda un mosteiro e se converte en abade.  Dentro das súas propiedades e non moi lonxe do mosteiro contrúe outro para relixiosas, dependente tamén da Orde do Císter, ao cal se retira a súa esposa. Esta historia, tinguida de lenda, sitúanos en torno ao século XII, pero, sen dúbida o episodio lexendario máis famoso dos relacionados con Don Ero é o que nos relata como nunha tarde este monxe, como era costume nel, saiu a orar ao bosque e como, a pesares da intensa busca, non apareceu. Douscentos anos pasarían dende que Don Ero deixou o cenobio e, durante todo este tempo foi o canto dunha paxariña, no medio da carballeira de Valdedeus, o que o mantivo absorto.  Ao regresar, todo cambiara no mosteiro e, desconcertado, marchou, aínda que nin o seu corpo nin a súa sepultura foron nunca achados.

Igual ca na época de Don Ero, case mil anos despois, A Armenteira segue sendo lugar de atracción para o retiro, o descanso e o lecer. Agora non só os motivos espirituais son os que levan á xente a achegarse a esta tranquila e acolledora paraxe nas ladeiras do Castrove. O turismo, a festa, a gastronomía ou o deporte son razóns que explican o auxe que día a día experimenta A Armenteira. A posta en marcha da Ruta de Pedra e da Auga, a remodelación do entorno do mosteiro que segundo a lenda fundara Don Ero e o paso da Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela déronlle un pulo á chegada de visitantes. As dependencias do conxunto monacal, o adro, os bares próximos e todo o entorno rebosan de ambiente, especialmente durante a Semana Santa, período na que se celebra a popular romaría da Virxe das Cabezas, e durante os meses de verán. Pero hai un lugar cunha situación estratéxica e cun enorme potencial para ofrecer un variado repertorio de actividades e servizos. Ese non é outro que a praza que se atopa entre os locais de hostalería e que, por certo, carece dun nome que a identifique e que estea acorde coa súa localización e importancia. No seu día propúxose o de Gonzalo Torrente Ballester, pero as relacións do escritor ferrolán coa ditatura franquista restaron consenso ao nomeamento e desterraron o busto do literato, inicialmente pensado para colocar na praza, a un lugar non menos privilexiado, a Ponte Xoán. Ben podería Don Ero o que lle dese nome. De seguro que sería moito máis aceptado. Máis aló destas consideracións este emprazamento presenta unhas condicións inmellorables para incrementar o seu papel como punto de referencia. As restriccións ao tráfico rodado, principalmente nos días de maior concurrencia, como os domingos, e a aposta por espectáculos lúdicos, culturais e musicais, unido á súa potenciación como espazo comercial e de lecer, consolidarían a esta praza como o verdadeiro centro neurálxico da parroquia. A comisión de festas, o Armenteira Jazz ou o BTT Callos xa o veñen utilizando con éxito. O próximo en facelo será o Armenteira Club de Fútbol, que elixiu este lugar para un ambicioso e chamativo banquete de fin de temporada. Todo elo debe contribuír a reforzar o papel dunha praza que necesariamente debe medrar en usos, e que quizais algún día tamén medre en extensión para unir este emblemático espazo co lugar de Caroi e transformarse nun gran parque no que arte, historia, natureza, deporte e lecer conflúan para que os soños e as ilusións de Don Ero se fagan realidade naquel territorio ao que regresou polo ano 1149 e no que o carácter máxico e lexendario permanecen intactos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario