"Camiño esquecido que xa non vai a ningures. Un camiño
calzado de pedra, inzado de silvas ensarilladas e de ortigas arnaes, que se
perde na boca moura dunha congostra.
Eu sempre perguntaba a miña avoa: Onde vai da-la verea
vella? E miña avoa respondíame con certo mistéreo: Non vai a ningures, meu
meniño.
Aquela verea vella turraba por min e, cando me fixen home,
arrisqueime a pasala. E máís alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen
xente.
Casales de boa pedra, lagares que lembran fartura, trabes
apodrecidas, moreas de tella; todo vai amortaxado con edras, silvas e
loureiros, e por riba daquela vizosa vexetación, as follas amarelas e vermellas
dunha viña sen froito.
Debaixo dunha nogueira seca senteime a debullar sentimentos
que aínda hoxe están alí en espera…
Cando volvín á casa escoitei de miña avoa a hestoria da
aldea esquecida.
— Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro
de Armenteira.
Agardando o intre do reparto da riqueza, o capitán
enterrouna en sitio segredo; mais ó seguinte día o capitán apareceu morto no
seu leito e nunca máis se soupo do tesouro.
Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas,
merábanse os froitos, morrían entangarañados os rapaces, secábanse as fontes.
Para escorrenta-lo mal fado ergueron cruceiros a eito.
De nada valeu nada. No remate sóupose todo e aínda hoxe o
lugar está illado das xentes de ben."
Este relato é obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e,
ao igual outros textos, foi publicado polo escritor e político rianxeiro na
prensa da época, sendo logo recollidos en Cousas. Neste libro o autor fai a súa
peculiar interpretación de Galicia, con narracións sempre acompañadas dunha
ilustración, cunha temática normalmente labrega ou mariñeira e con personaxes
arquetípicos que soen representar os sectores máis marxinados da sociedade.
Camiño esquecido, A aldea esquecida ou Foi que nunha noite, títulos cos que foi
publicado este relato nas súas distintas publicacións dende que vira a luz por
primeira vez na Revista Nós en 1920 conta a lenda da maldición que sofren os
habitantes da aldea de Abuín, en Rianxo, despois de teren roubado no mosteiro
de A Armenteira e de quitar a vida a un dos monxes do convento para levar a
cabo a súa maniobra. Este castigo provocaría a extinción das xentes de Abuín e
a desaparación da aldea. O acontecemento chegou a Castelao da boca da súa avoa,
e o xenio e a creatividade do rianxeiro farían o resto. Pero esta non é a única
historia que fala deste famoso e popular roubo. A desamortización levada a cabo
polo ministro Mendizábal en 1836 puxo á venda boa parte dos bens do clero e, no
caso de A Armenteira, motivou que os monxes cistercienses que habitaban o lugar
se visen obrigados a abandonalo. Iso e a codicia das xentes provocaron que o
mosteiro fose pouco a pouco desmantelado e que durante máis dun século só
quedasen os muros en boa parte do edificio. O traballo da asociación Amigos de
Armenteira, que culminaría coa chegada en 1989 dunha comunidade de monxas procedentes
de Alloz, en Navarra, permitiu a recuperación e a restauración dun
conxunto arquitectónico que actualmente é unha das grandes referencias a nivel
turístico e patrimonial da provincia. Con todo, máis de século e medio de escuridade
e de abandono provocou a aparición de lendas nun lugar xa de por si lexendario
dende que Don Ero puxese os seus ollos nesta paraxe tan tranquila e acolledora
para retirarse á vida contemplativa e á oración. Varios destes episodios
calarían na cultura popular, incluso entre as xentes de A Armenteira. Hai quen
segue falando de Pepa a Loba, das inmensas riquezas que gardaba o mosteiro, de
como eses ladróns fixeron parada en Caroi, dando nome á que hoxe en día se
segue coñecendo como a Casa da Plateira e de tantas e tantas historias na que o
real e o imaxinario, as horas de conversa e o maxín fabricaron un repertorio de
mitos que a literatura acabaría recollendo e reinterpretando.
Castelao, gran patriarca da literatura e da cultura galega,
tomaría a A Armenteira como fonte de inspiración, igual que antes o fixeran Alfonso X o
Sabio, Frei Martín Sarmiento, ou despois Ramón Del Valle-Inclán, Ramón
Cabanillas, Fermín Bouza-Brey ou Gonzalo Torrente Ballester. En vísperas do día
da Patria Galega cómpre reivindicar o papel que o carácter lexendario da nosa
parroquia ten na literatura e na cultura de Galicia. Son escasas as
publicacións, as obras de arte, os actos culturais ou as celebracións que
exploten un recurso no que A Armenteira ten un enorme potencial, no que conserva
un tesouro máis grande e valioso que aquel que, segundo as lendas, se foron
levando e nunca máis retornou. Sería preciso que institucións, entidades
culturais, empresas ou asociacións desenvolvesen iniciativas para promover a
posta en valor do patrimonio que representan as lendas de A Armenteira, un
patrimonio que non se pode ver nin tocar, pero que nin o paso do tempo nin os
anos de esquecemento puideron borrar das memoria dos veciños e veciñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario