Buscar neste blog

luns, 24 de xullo de 2017

O compromiso cunhas cores

Cando nos referimos ao Armenteira C.F. e falamos de permanencia nun clube, de fidelidade a un escudo e de compromiso cunhas cores temos que mencionar de forma obrigada a unha persoa. Esa non é outra que Marcial Prado, o adestrador que máis tempo leva vinculado á entidade dos que actualmente ten en plantel. Natural do lugar de O Pazo, na parroquia veciña de San Salvador de Meis, aínda que con orixes familiares en A Armenteira, concretamente no lugar de Cabeza de Boi, Marcial é o que se di un home da casa. A súa relación co Armenteira C.F. iniciouse cando se incorporou como xogador ao equipo sénior co que contaba a entidade fai case unha década. Axiña se pasou a integrarse no cadro de adestradores das categorías de fútbol base, renacidas en 2005 da man de Martín Casais, do que exerceu de axudante durante os primeiros anos. No ano 2011 chegou a súa primera gran oportunidade. A Xunta Directiva púxoo á fronte do equipo xuvenil. Lamentablemente aquel proxecto só durou unha temporada e o ano seguinte Marcial retornou á categoría alevín, colaborando con Alberto Bouzas no inicio da liga e como responsable do equipo na recta final. Outra porta abriríaselle na campaña seguinte cando Martín Casais deixa nas súas mans o conxunto infantil. Unha temporada exitosa en canto a resultados e goles e un quinto posto na clasificación final falan ben ás claras do excelente traballado realizado. Carlos, André, Diego Berreco, Villa, Roberto, Mathias ou Adrián, compoñentes dunha das mellores xeracións de futbolistas da canteira de O Leixo estarían baixo a súa batuta dous anos máis, pero xa na categoría cadete. Decidido a darse un respiro e tomarse un ano de relativo relax Marcial mudou de opinión e, no verán de 2016, tomou o mando dun dos máis interesantes e ambiciosos proxectos do Armenteira C.F. ao longo da súa historia, o equipo feminino. Con rectitude, con templanza e con moita, moita paciencia, guiou a un grupo de rapazas que apenas tiñan experiencia no mundo do fútbol pero que, ávidas de aprender e progresar, seguiron as leccións de Marcial e do seu corpo técnico e foron experimentando notables progresos con discurrir dos partidos. A capacidade de facer grupo, a cohesión interna, a aposta por un fútbol de conceptos básicos pero efectivo e polo alto ritmo e a intensidade no xogo son as señas de indentidade dun adestrador que ama o fútbol tanto como a súa outra gran paixón, os rallies. Gran coñecedor do deporte do balompé, domina un gran número de datos, non só da liga na que compite o equipo que dirixe, senón que segue con gran meticulosidade a evolución dos outros equipos do clube, e infórmase con gran detalle de todos os niveis e categorías. Tanto da que sexa fútbol base que categorías sénior, ligas de afeccionados que ligas profesionais, competicións locais que competicións internacionais, case nada se escapa do seu control. En definitiva, un home tranquilo, calmado, leal e bondadosdo que saca a relucir o seu carácter nos partidos, ao que o fútbol e o amor o trouxeron un día a A Armenteira, e que dende entón decidiu non abandonar unha parroquia e unhas cores que continuará defendendo unha campaña máis, como futbolista no Armenteira Veteranos e como adestrador do equipo feminino do Armenteira C.F., ao que dirixirá por segunda temporada consecutiva.








Ningún comentario:

Publicar un comentario