Buscar neste blog

venres, 28 de xullo de 2017

Meis acolle un curso de monitor de fútbol

O Concello de Meis foi o lugar elixido pola Federación Galega de Fútbol para a realización dun novo curso de monitor de fútbol, unha titulación que permite exercer este cargo nas categorías e niveis máis básicos. A actividade formativa, que terá lugar durante o próximo mes de agosto, realizarase no Centro Multiusos de O Mosteiro, situado no antigo campo da feira, mentres que a parte práctica será impartida no recentemente renovado campo Municipal de Meis. Ao acto de presentación, celebrado na mañá deste venres no salón de plenos da Casa Consistorial, asistiron representantes municipais, encabezados polo alcalde José Luis Pérez Estévez e a concelleira de Cultura, Educación e Deporte, Ofelia Barral, así como representantes da Xunta Directiva da Federación, o presidente do Comité Galego de Adestradores, Manuel Mosquera, e unha representación dos tres clubes de fútbol máis significativos do Concello: C.D. Mosteiro, Zacande F.C. e Armenteira C.F. Tal como espuxo Amancio Varela, directivo da Federación Galega de Fútbol, o curso desenvolverase de maneira intensiva, co que permitirá que os alumnos e alumnas poidan dispoñer da titulación antes de que dean inicio as competicións, a principios do mes de setembro. Cabe recordar que na vindeira temporada será obrigatorio que todas as persoas que ocupen o cargo de adestrador e se senten nun banquillo durante os partidos para realizar estas función dispoñan do título correspondente a cada categoría e nivel. Por este motivo agárdase que sexan moitos os alumnos e alumnas interesados nun curso que terá un horario flexible, con varias franxas a elixir, e que terá un custo de 150 euros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario