En tempos de planificación e preparación da temporada que comezará en apenas dous meses o Armenteira C.F. ven de confirmar aos responsables dos equipos cos que saíran a competir no vindeiro mes de setembro. Catro son as categorías nas que previsiblemente vai ter equipo a entidade verdinegra: benxamín, alevín, infantil, xuvenil e sénior feminino. Na categoría benxamín Jonathan Crespo e Eva López serán os encargados de dirixir unha escadra na que o clube ten depositadas moitas esperanzas. Capitaneados por Brais Charlín este grupo de nenos e nenas representan, a pesares da súa xuventude, unha das apostas máis ambiciosas e que de seguro dará grandes éxitos tanto a nivel competitivo como sobre todo a nivel formativo. Na categoría alevín será o tándem formado por Luis e Alba Barral quen siga levando o timón. Un conxunto axustado en canto a número pero con gran potencial de progresión que pretende continuar os éxitos logrados na pasada campaña. Brais Santamaría, Sergio Matilde, Sara Otero ou Ainoha serán algúns dos compoñentes do conxunto dunha categoría á que o Armenteira C.F. sempre presta unha atención especial. Na categoría infantil serán tamén Luis e Alba Barral quen dirixa o equipo máis numeroso en canto a efectivo e que se presume con maior potencial a nivel deportivo. Trátase dunha xeración cunha base ligada ao clube dende prebenxamíns e cunha progresión que vai en aumento ano tras ano. Na categorías cadete e xuvenil estará un dos principais retos para o clube de O Leixo. Catro temporadas despois o Armenteira C.F. volverá contar cun equipo xuvenil. A alianza con outro clube da comarca permitirá por en marcha un interesante proxecto que sentará as bases de futuro da entidade. Este importante desafío será guiado por unha das persoas máis competentes coas que conta o clube, Valentín Estévez "Tilín", que permanecerá vinculado á entidade por cuarta temporada consecutiva. E, para finalizar, na categoría feminina serán Marcial Prado e Junior Tirado os responsables de comandar a segunda singladura dun grupo de rapazas que xa fixeron historia na pasada campaña. As dificultades ás que tiveron que facer fronte no inicio do proxecto foron pouco a pouco superadas co discurrir dos partidos. Esta será a temporada da consolidación e, por elo, a Xunta Directiva decidiu potenciar o nivel de preparación tanto a nivel técnico e táctico como a nivel físico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario