Buscar neste blog

martes, 11 de xullo de 2017

Esixencia e rivalidade no grupo do Armenteira Veteranos para a próxima temporada

O Armenteira Veteranos xa coñece o grupo no que militará na temporada 2017/2018. O conxunto verdinegro volverá formar parte da Segunda Galicia de Veteranos, na que tamén estivo na pasada campaña. Segundo deu a coñecer a Federación Galega de Fútbol será un grupo formado basicamente por clubes da zona de Arousa e caracterizados todos eles polo alto nivel competitivo. O Umia C.F.-Boa Vila, o Cafetería Impacto, o Bar Santiaguiño ou o Dena Veteranos serán algúns dos equipos cos que compartirá grupo a escadra de O Leixo. Destes últimos, destaca a presenza nesta categoría do cadro de Ribadumia, que decidiu renunciar ao ascenso, e do de Meaño, que deixou a competición organizadada pola Asociación Cultural de Futbolistas Veteranos de Pontevedra para integrarse na liga promovida pola institución que preside Rafael Louzán. A proximidade con estes e coa maior parte dos conxuntos deparará intensos e atractivos duelos de rivalidade. Quince serán os equipos aos que terá que enfrontarse o Armenteira Veteranos nunha competición que ve como para a próxima temporada a práctica totalidade do fútbol veterano da zona de Pontevedra competirá nas ligas reguladas pola Federación. A axilidade nos trámites, o fácil acceso á información sobre os clubes, os resultados e a clasificación ou a calidade da arbitraxe son algún dos motivos que están detrás desta decisión.


Ningún comentario:

Publicar un comentario