O Armenteira C.F. estará presente na Asemblea Xeral que a Federación Galega de Fútbol celebrará este luns 31 de xullo, a partires das 20:00 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. Unha representación da Xunta Directiva asistirá a un acto no que se tratarán asuntos tan importantes como a memoria deportiva da temporada 2016/2017, a aprobación das contas anuais correspondentes e os resultados correspondentes ao exercicio económico de 2016, a solicitude de autorización á Asemblea Xeral para a aprobación do plan competicional de fútbol veterano e das especialidades de fútbol gaélico e fútbol sala ou a presentación de modificacións do Regulamento Xeral e do Regulamento Disciplinario. Asimesmo procederase ao sorteo do calendario da Terceira División Nacional, grupo 1, o que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, e dos grupos Norte e Sur da Preferente Galicia para a temporada 2017/2018. No evento agárdase que reapareza o presidente da institución, Rafael Louzán, convalecente tras un desafortunado accidente de bicicleta. Coa participación nesta Asemblea o Armenteira C.F. quere potenciar a súa política de participación en actos organizados tanto pola Federación, como por outros clubes ou medios de comunicación, nos que a súa presenza vén sendo habitual dende o inicio do mandato da actual Xunta Directiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario