Buscar neste blog

venres, 13 de decembro de 2019

O comercio de A Armenteira tamén se engalana na procura do mellor escaparate do Nadal

Ninguén pon en dúbida que en épocas como o Nadal o comercio e a economía local xóganse boa parte da súa supervivencia. Por este motivo en moitas localidades póñense en práctica ideas, que nalgúns casos poden rozar a extravagancia ou a excentricidade, e que haberá quen afirme que se trata de modas, ou simplemente de tendencias. Profusos e coloridos alumeados, aldeas e poboados navideños, autobuses, ou mesmo xigantescas norias que poden divisarse dende varios quilómetros á redonda, inclúense neste particular repertorio de recursos aos que asociacións empresariais e gobernos municipais acoden coa esperanza de atraer a unha masa de consumidores e consumidoras menos reacciona a desprenderse dos seus aforros en datas coma esta. No Concello de Meis tampouco quixeron quedarse atrás. O I Concurso de Decoración de Nadal de Escaparates e Locais Comerciais e Hostaleiros que organiza o ente municipal está dando moito que falar. A iniciativa impulsada pola concellería de Promoción Económica, que dirixe Araceli Maquieira, convidou a todos os establecementos adicados ao comercio e a hostalería do municipio a participar nunha particular competición para a cal tiñan que decorar as súas instalacións antes do 5 de decembro e manter os adornos navideños ata o 6 de xaneiro. Persoal do Concello desprazouse polos locais participantes para realizar unhas fotografías, que logo se publicaron na páxina que a institución posúe na rede social Facebook. Ata ás 12.00 horas do día de 20 decembro poderán contribuír ao resultado final cos seus Me Gusta os amigos e amigas dos establecementos nesta popular rede social. O local que obteña máis aceptacións será o gañador dun agasallo que consistirá nunha reportaxe publicada de maneira gratuíta na prensa e nun diploma acreditativo, detalle este último que tamén recibirán o segundo e terceiro clasificado. En total foron catorce os locais que decidiron concurrir, deles catro pertencentes a A Armenteira. Cun total 28,5% dos participantes a parroquia monacal demostra unha clara preminencia dentro do tecido comercial do municipio. O Café Bar O´Comercio, situado no lugar de Vilar, a Casa Carballo de Prado 1900, de Valboa, A Peneira Tapería Rural, de Cabeza de Boi, e o Restaurante Chan do Fento, ubicada nas instalacións do campo de golf de Meis, no lugar de Silván, conforman o grupo que representará a A Armenteira neste orixinal e interesante torneo. Xunto a eles concursan outros establecementos do Concello de Meis como Vinoteca Casadafeira, Parafarmacia Puericultura Mosteiro, Seguros y Servicios Vázquez&Buceta, Casa Angelito, Taberna Típica Lagar do Raposo, Cafetería Bruselas, Reboredo Hábitat, Autoservicio Montse, Carnicería O Mosteiro Luis Fernández e Peluquería Dani, un nivel de participación que deixa ver que a actividade comercial no municipio segue resistindo pese ás dificultades que supoñen a crise económica, o despoboamento do rural ou a competencia por parte do entramado comercial das vilas e cidades da contorna, das grandes supercifies ou da venda a través de internet. A aposta polos sectores produtivos do municipio, entre eles o comercio e a hostalería, é unha das premisas do grupo de goberno que encabeza Marta Giráldez dende que tomou posesión o pasado mes de xullo. De momento é Autoservicio Monste quen leva vantaxe, aínda que queda case unha semana de emocionante disputa. A decisión está na man dos e das internautas, que se encargarán de dilucidar quen ocupe o podio dunha proba que coroará aos vencedores nun acto que terá lugar o domingo, 22 de decembro, ás 13 horas, na carpa instalada no campo da feira co motivo da celebración do VIII Mercado de Nadal do Galo de Curral.  O comercio local e, en xeral a economía de A Armenteira e do Concello de Meis, serán os grandes beneficiados, uns beneficios que terminarán redundando dun xeito ou outro na poboación dun municipio que leva sufrindo un certo alertargamento ao longo dos últimos anos e que precisa unha urxente reactivación, para o cal resulta imprescindible poñer en marcha medidas como esta humilde e curiosa iniciativa fomentada dende a concellería de Promoción Económica.






Ningún comentario:

Publicar un comentario