No pasado mes de outubro o conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez, anunciaba a aprobación do Proxecto de Lei de Orzamentos para o ano 2020. Segundo indicaba o responsable desta área no ente autonómico con este documento tratábase de pór en valor o esforzo nas áreas sociais, remarcando que dos 10.149 millóns de euros de gasto total estas recibían 7.400. Non tardaron en aparecer as críticas, tanto dos partidos da oposición como tamén dende diversos Concellos. Foi o caso dos alcaldes dalgúns municipios da comarca de O Salnés, que botaban en falta investimentos de carácter específico nos seus territorios. Tal foi a situación do Concello de Meis, que non figura de forma particular en ningunha destas partidas e non poderá ver satisfeitas demandas que se veñen solicitando dende fai tempo. Unha destas demandas é a mellora das instalacións do C.E.I.P. de Armenteira, principalmente a zona do teito. Fai uns anos foi reparado o aleiro, ante o perigo que poderían supoñer os desprendementos de pezas de formigón ou de tellas. Pero a zona interior do teito continúa agardando polas obras de mellora. Dende o equipo directivo do centro e dende a A.N.P.A. O Loureiro veñen alertando da necesidade de poñer fin a esta grave deficiencia. O frío, a humidade ou as pingueiras cólanse no interior do edificio e a comunidade escolar, principalmente os nenos e nenas, sofren as consecuencias do deterioro dunha construción que leva en pé máis de trinta anos, sen que dende entón se realizaran reformas de gran calado. Por este motivo grupos como o PSdeG-PSOE, a petición da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, presentaron xa enmentas aos orzamentos da Xunta de Galicia, reclamando unha partida para as melloras do colexio de A Armenteira. Esa mesma opción é a que vai tomar o Bloque Nacionalista Galego, que a través do seu voceiro municipal, Xoán Manuel Vázquez Sevillano, se reuniu coas representantes da A.N.P.A. para coñecer de primeira man estas demandas. Para reforzar esta proposta, no pleno municipal do venres, 29 de novembro, unha moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE en relación co tema foi aprobada por unanimidade polas tres agrupacións que compoñen a Corporación. Agora só queda agardar a que o órgano de goberno da Comunidade Autónoma teña en conta estas enmendas e rectifique a súa idea inicial. Fronte ás dúbidas que pode ofrecer un cuantioso investimento nun colexio cun futuro incerto a causa duns niveis de matriculación en constante descenso, está o benestar e a calidade educativa duns nenos e nenas, que grazas ao excelente traballo do equipo docente do C.E.I.P. de Armenteira manteñen viva a esperanza de progreso dunha parroquia e dunhas xentes que seguen confiando na educación, no ensino e no acceso á cultura e á ciencia como as mellores ferramentas para afrontar os retos da sociedade do século XXI.
Ningún comentario:
Publicar un comentario