Buscar neste blog

venres, 6 de decembro de 2019

Silván celebra un ano máis o San Nicolao de Bari

Pouco se sabe da vida de San Nicolao de Bari, sobre todo no que se refire aos primeiros anos de vida. Parece ser que pertencía a unha familia adiñeirada e que sendo moi novo perdeu aos seus pais como consecuencia dunha epidemia que azoutou a zona da actual Turquía na que residía. Orfo e cunha grande fortuna Nicolao decidiu repartir o seu diñeiro entre as persoas que máis o precisaban e internouse nun mosteiro para converterse en monxe. Despois de ter realizado unha viaxe a Terra Santa, ao regresar a Mira, a súa cidade, atopouse con que se estaba celebrando unha reunión para elixir ao novo bispo. A forma de elección era do máis curioso, xa que consistía en que o primeiro sacerdote pola porta do lugar no que estaban reunidos sería nomeado bispo. Sen ter coñecemento deste feito, Nicolao entrou e, polo tanto, foille concedido o cargo. Dise tamén que era gran amigo da infancia e, por este motivo, en moitos países, no día no que se celebra a súa festividade entréganse doces e agasallos aos nenos e nenas. Coincide ademais co inicio dos festexos de Nadal. En alemán é coñecido como San Nikolaus, razón pola cal comezou a ser denominado como Santa Claus, e co tempo deu lugar a un personaxe en forma de ancián regordete, bonachón, cunha longa barba branca e cunha vestimenta de cor vermella coa que percorre os fogares repartindo detalles á xente máis nova. Pois este home, que viviu aló polo século IV antes de Cristo é honrado no lugar de Silván dende fai décadas. Nesta aldea, que parte as súas vivendas entre as parroquias de A Armenteira e San Salvador de Meis, existe unha pequena capela consagrada a San Nicolao de Bari e cada 6 de decembro vense celebrando unha festa para honrar a súa figura. A disolución da comisión de festas fixo que este ano, por primeira vez en moito tempo, a verbena deixara de realizarse. Pero a desaparición das actuacións nocturnas non impediron a continuidade dos demais actos festivos. Durante este venres, 6 de decembro, os oficios relixiosos desenvólveronse como marca a tradición, con procesión, banda de música, unha vez máis Banda Escola Municipal de Meis, e cunha sonora tirada de foguetes. O sábado, 7 de decembro, repetirase a misa solemne, acompañada do ritual de costume, ao que se engadirán as características poxas de produtos agrarios que os fregueses e freguesas doan ao santo. Nesta aldea, en plena ladeira oeste do monte Castrove, na que o sol tarda tanto en poñerse que cando o fai noutro lugares dos arredores levan xa tempo sumidos na escuridade da noite, hai unhas xentes que resisten e son quen de manter unha tradición e unhas costumes que, como observamos ao longo da contorna, parece que se atopan en perigo de extinción.




Ningún comentario:

Publicar un comentario